DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 05 de xullo de 2006 Páx. 10.752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 6 de xuño de 2006 pola que se acorda a cesión da propiedade do vehículo automóbil C-9089-BG, propiedade da Xunta de Galicia, a favor do Concello de Laza (Ourense).

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, para mellorar a prestación da asistencia sanitaria na comunidade autónoma concedeu, con data 19 de maio de 1994, un permiso de utilización temporal a favor do Concello de Laza, dun vehículo ambulancia da súa propiedade. O dito vehículo, en virtude do tempo transcorrido, non é útil na actualidade para a realización de labores de ambulancia e, de acordo co Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario, excede o tempo máximo establecido para o seu destino a fins sanitarios. Por todo isto, o Concello de Laza (Ourense) solicitou a cesión do dito vehículo, para ser destinado a outros fins que redunden no interese xeral do municipio.

Con este fin, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia tramitou o expediente de cesión do dito vehículo, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto), e polo Decreto 180/2003, do 27 de febreiro (DOG nº 52, do 14 de marzo).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Esta orde ten por obxecto acordar a cesión do vehículo Nissan Vanette C-9089-BG, a favor do Concello de Laza (Ourense).

Artigo 2º.-A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido destinarase a fins de utilidade pública ou interese social do concello tal e como exixe o artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, e o 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da comunidade autónoma.

b) Coa cesión outorgaráselle ao concello a propiedade do vehículo, comprometéndose este a realizar ante a Xefatura Provincial de Tráfico os trámites precisos para o cambio da titularidade do vehículo.

c) O concello procederá a retirar do vehículo todo anagrama ou rotulación que puidese identificalo como vehículo sanitario, así como aboar os gastos que puidese orixinar a transformación do dito vehículo.

Artigo 3º.-A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e o órgano competente do Concello de Laza, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Sanidade, a través do seu órgano competente, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón na presente orde.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade