DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 03 de xullo de 2006 Páx. 10.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 107/2006, do 15 de xuño, de aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cerceda (A Coruña) para ampliación do polígono industrial do Acevedo.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Cerceda remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.

2. As normas subsidiarias de planeamento do concello de Cerceda (NSP) foron aprobadas definitivamente polo concello o 26-6-1996, con anterioridade, por tanto, á aprobación da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

Estas NSP prevén un sector de solo apto para urbanizar de uso industrial contiguo ao ámbito da modificación proposta, e que conta con plan parcial aprobado o 12-6-1997.

3. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informes previos á aprobación inicial (artigo 85.1º da Lei 9/2002) sobre sucesivos proxectos de modificación con datas 5-11-2003, 1-4-2004 e 4-6-2004, e 3-12-2004.

4. O Pleno do concello aprobou inicialmente o proxecto o 18-1-2005. Sometido a información pública polo prazo dun mes (DOG do 27 de xaneiro, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia dos días 25 e 26 de xaneiro de 2005), non foron presentadas alegacións, segundo se indica no certificado do 19-6-2005 incluído para o efecto no expediente. Tamén foron notificados os concellos limítrofes de Carral, Culleredo, A Laracha, Carballo, Tordoia e Ordes.

5. No expediente figura informe do secretario do concello do 17-6-2005 e do arquitecto Luís Couto González do 28-7-2005, favorable canto á calidade técnica e legalidade do documento.

6. No expediente figuran os seguintes informes de carácter sectorial:

a) Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia, en materia de ambiente, do 14-2-2005, no cal se indica que a modi

ficación puntual non está sometida a avaliación ambiental e se fan indicacións para a tramitación do plan de sectorización de desenvolvemento do ámbito.

b) Augas de Galicia do 24-2-2005 e 16-3-2005, onde se indica a necesidade de manter o rego afluente ao río Cabancos a ceo aberto (sen canalizar) e como mínimo cunha zona de protección de 5 m a cada beira, e unha zona de protección do río Cabancos de como mínimo 20 m a cada beira do leito.

c) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 21-12-2005, favorable coa condición de que se incorporen os cambios necesarios para a protección dos dous xacigos aparecidos durante a prospección arqueolóxica do ámbito.

d) Deputación Provincial da Coruña do 17-11-2005 en materia de estradas, con indicacións para a execución do acceso ao ámbito que se reclasifica.

e) Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento do 10-11-2005.

7. O Concello Pleno aprobou provisoriamente o proxecto o 22-6-2005.

8. Na súa sesión do 8-2-2006, a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emitiu informe favorable sobre a modificación puntual, para os efectos previstos nos números 2 e 4 do artigo 95 da Lei 9/2002.

9. Con data do 6-3-2006, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ditou unha resolución en que se expresaron unha serie de correccións que debían introducirse no proxecto para elevalo á súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia.

10. Con data do 17-3-2006 (posteriormente completado o 1-6-2006) tivo entrada no rexistro da consellería o proxecto de modificación puntual, xunto cunha certificación do secretario do concello en que se fai constar que o citado proxecto foi aprobado provisoriamente polo Concello Pleno o día 17-3-2006.

11. A proposta afecta terreos que ocupan 378.825 m, contiguos ao polígono industrial regulado polo plan parcial aprobado o 12-6-1997. Están clasificados nas NSP vixentes como solo non urbanizable (rústico) de varias categorías (común, de protección agrícola e de protección de leitos). A proposta de modificación implica establecer as seguintes cualificacións:

a) Solo rústico de protección do patrimonio (40.075 m) para a parte ocupada polos xacigos arqueolóxicos atopados e a zona máis próxima a eles.

b) Solo urbanizable non delimitado industrial: 338.750 m. Dentro deste ámbito, cualifícanse 36.025 m como sistema xeral de espazos libres (non computables para o cálculo de edificabilidade), e 2.465 m destinados a dotacións locais de infraestruturas (instalación dunha estación depuradora de augas residuais). A este solo urbanizable atribúeselle unha intensidade de uso de 0,60 m/m.

II. Consideracións e fundamentación.

Á vista do contido da resolución da conselleira do 6-3-2006 e logo de analizar o contido do proxecto de modificación remitido polo Concello de Cerceda, fanse as seguintes consideracións:

1. Canto á motivación da modificación puntual (artigo 94 da Lei 9/2002), o proxecto xustifica o interese público da actuación, en esencia con base na incorporación de usos necesarios (a implantación dunha nova área industrial), que se manifestan nunha relación de empresas xa implantadas na zona que mostran o interese da área industrial existente.

2. Canto á inexistencia de valores que impidan a reclasificación de solo rústico de protección ordinaria ou de protección agrícola a solo urbanizable (artigo 95.2º da Lei 9/2002), o proxecto, na súa memoria e estudo de sustentable ambiental, chega ás seguintes conclusións:

a) Edafoloxía de valoración media: faise fincapé na degradación de parte da área reclasificada por reiterados monocultivos sen repor nutrientes e o posterior abandono da explotación.

b) Recursos agronómicos de valoración media, pero con constatación da súa degradación no ámbito.

c) Vexetación no ámbito da modificación de calidade baixa.

d) Paisaxe de valoración baixa no ámbito da modificación, dada a existencia na proximidade de edificacións industriais e de ferrocarril.

Así mesmo, faise fincapé nos escasos valores dos terreos en comparación con outros terreos rústicos do termo municipal.

3. No que afecta en concreto á protección das augas, o proxecto acóllese á posibilidade prevista no artigo 32.4º da Lei 9/2002, pois integra os terreos vencellados aos cursos de auga no sistema de espazos libres como solo urbanizable.

4. En relación coa clasificación de solo rústico de protección de zonas con interese patrimonial, o proxecto inclúe nesta categoría unha superficie de 40.075 m, que se corresponde coa área de protección integral definida na memoria técnica de prospección arqueolóxica intensiva achegada polo concello e que obtivo informe favorable da Consellería de Cultura e Deporte o 24-5-2005. Así mesmo, dentro da clasificación de solo urbanizable proposta, delimítase un contorno de protección ou área de cautela de 200 metros, axustada igualmente á antedita memoria arqueolóxica.

Non obstante, cómpre indicar que o exemplar do proxecto de modificación aprobado polo concello o 17-3-2006 carece das fichas de catálogo correspondentes aos dous túmulos protexidos, a respecto do cal, o artigo 75.2º da Lei 9/2002, impón a obriga de que todas as figuras de planeamento deben conter un catálogo en que se recollan os bens que deben ser obxecto dunha protección. As citadas fichas encóntranse incluídas na memoria técnica da pros

pección arqueolóxica que recibiu informe favorable da Consellería de Cultura e Deporte o 24-5-2005.

5. No que atinxe á regulación dos usos permitidos para o desenvolvemento do solo urbanizable, o proxecto de modificación no seu texto de normas urbanísticas (páxina 85), fai unha referencia á regulación propia do parque empresarial existente, así como ao artigo 12.5º da normativa das normas subsidiarias de planeamento de Cerceda (NSP). Tal referencia é innecesaria e induce a posibles confusións sobre o contido da modificación, pois o artigo 12.5º constitúe a primeira parte da regulación do solo apto para urbanizar de uso industrial, e o seu contido é meramente enunciativo, pois a regulación propiamente dita se produce nos artigos 12.6º e seguintes. En consecuencia cómpre suprimir a citada referencia ao artigo 12.5º das NSP de Cerceda.

6. De conformidade co disposto no artigo 95.4º da Lei 9/2002, por tratarse dunha modificación puntual que ten por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección, a competencia para a súa aprobación definitiva correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

Visto canto antecede, de acordo co punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 8 de febreiro deste ano, así como por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cerceda (A Coruña) para ampliación do polígono industrial do Acevedo, coas seguintes matizacións:

1. queda suprimido o último parágrafo do punto normas urbanísticas (páxina 85 do proxecto).

2. Incorpóranse á normativa do proxecto as fichas dos xacigos arqueolóxicos catalogados que se inclúen na memoria técnica da prospección arqueolóxica, que recibiu informe favorable da Consellería de Cultura e Deporte o 24-5-2005.

Artigo 2º

De conformidade co aquí decretado e co disposto polos artigos 92 da dita Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP da Coruña a normativa e ordenanzas desta modificación aprobada definitivamente.

Disposición derradeira

Recursos.-Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso

en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, quince de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes