DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 2006 Páx. 10.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xuño de 2006 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición adicional sexta, punto 2, a facultade das comunidades autónomas para ordenar a súa función pública docente no marco das súas competencias, respectando en todo caso as normas básicas contidas no punto 1º da propia disposición.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarias, establece no seu artigo 2 que cando unha praza docente de nivel non universitario quede vacante ou eventualmente non estea ocupada, poderá ser cuberta, en caso de urxencia e inaprazable necesidade, en comisión de servizos de carácter voluntario, cun funcionario docente que reúna os requisitos para o seu desempeño.

Por Orde do 19 de maio de 2004, regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición do interesado, das funcionarias e funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde. Sen dúbida, esta orde permite resolver as situacións máis graves de necesidade de conciliar a vida familiar e laboral, na medida que recolle a posibilidade de outorgar comisión de servizos aos funcionarios docentes, non só cando eles están afectados por situacións que impliquen unha notoria merma das facultades físicas, psíquicas ou sensoriais, senón tamén cando existan razóns de enfermidade grave do seu cónxuxe, parella de feito ou dun familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que conviva e dependa exclusivamente del e non exista posibilidade dunha axeitada atención ao tratamento na localidade do seu destino.

Parece razoable ampliar a posibilidade de outorgar comisión de servizos, por motivos de conciliación familiar e laboral, sen que estea limitada exclusivamente a motivos de saúde. Sen embargo, as condicións polas que se poida outorgar a comisión de servizos deben estar previamente establecidas e limitadas a determinadas circunstancias, coa finalidade de evitar procesos de comisións de servizos xeneralizadas.

Debe, así mesmo, crearse para este procedemento, unha comisión de valoración, de ámbito autonómico, similar á que xa funciona nas comisión de servizo por motivos de saúde, coa función de emitir informes preceptivos, valorando as circunstancias concorrentes en cada caso, de xeito que sirva de fundamento á resolución do órgano competente para autorizar as comisións obxecto desta orde, coa finalidade de que se respecte a uniformidade e obxectividade nos criterios que motivan a concesión.

Na súa virtude, co obxecto de fixar as condicións e procedemento administrativo das referidas comisións de servizo, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O procedemento e convocatoria ten por obxecto posibilitar a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa e para as que estea habilitado, a funcionarios docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias, con destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, por motivos de conciliación da vida familiar e laboral.

2. Esta adscrición temporal en comisión de servizos noutra localidade estará supeditada á existen

cia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo, en réxime de comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a distinta localidade do seu centro de destino, as funcionarias e funcionarios de carreira en servizo activo dos corpos docentes que impartan ensinanzas distintas das universitarias que teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Ter un fillo menor de 3 anos, dous fillos menores de cinco anos ou tres fillos menores de 10 anos.

2. Ter destino definitivo a unha distancia superior a 60 km da localidade que se solicita ou que o desprazamento teña unha duración no día superior a unha hora.

3. Ter solicitado, de reunir os requisitos, agás casos excepcionais que serán valorados pola comisión de valoración, praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades nas que se solicita a comisión de servizos.

4. Cando os dous cónxuxes ou parella de feito sexan funcionarios docentes, só un deles poderá solicitar a comisión de servizos.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As funcionarias e funcionarios docentes interesados deberán presentar unha instancia de solicitude, axustada ao modelo que se publica como anexo a esta orde, achegando a documentación xustificativa da situación que alegan e, en calquera caso, copia compulsada do libro de familia.

2. A solicitude e a documentación sinaladas no punto anterior, dirixidas ao secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poderán presentarse na consellería ou en calquera das súas delegacións provinciais ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será do 16 ao 31 de maio de cada ano, ambos os dous inclusive.

Artigo 5º.-Comisión de valoración.

Unha vez recibidas as solicitudes, someteranse a informe preceptivo da comisión de valoración que se constituirá para o efecto como órgano consultivo na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, integrada por:

-O secretario xeral ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

-Ata un máximo de tres funcionarios da Secretaría Xeral coa categoría de subdirector ou Xefatura de Servizo.

-Unha funcionaria ou funcionario da Secretaría Xeral que actuará como secretaria ou secretario.

-Todos eles serán designados polo secretario xeral.

-Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 6º.-Resolución.

A Secretaría Xeral proporalle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria a resolución na que declarará a procedencia ou improcedencia da concesión da comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, unha vez recibido o informe preceptivo da comisión de valoración.

A resolución, que porá fin ao procedemento, será motivada cando se aparte do sentido do informe emitido pola Comisión de Valoración.

Esta resolución exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas delegacións provinciais, e pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, os solicitantes aos que lles afecte.

Así mesmo, porase a disposición dos interesados unha relación actualizada destas comisións de servizo concedidas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra a resolución ditada, os interesados poderán interpoñer, de conformidade co disposto no artigo 107 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2º, 14.2º e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación achegada será causa de denegación ou revogación, se é o caso e inhabilitan para solicitar a comisión ao próximo curso.

Transcorrido un prazo de tres meses, contados a partir da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, sen que recaese resolución expresa,

a petición da comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral entenderase desestimada.

Artigo 7º.-Adxudicación de destino.

1. Os solicitantes aos que se lles conceda a comisión de servizos para a conciliación da vida familiar e laboral deberán efectuar solicitude de adxudicación de destino, no prazo de cinco días e conforme a regulación establecida para a adxudicación de destinos provisionais para o curso académico e corpo correspondente.

2. Terán prioridade na adxudicación de destinos as comisión de servizo por motivos de saúde sobre as comisión de servizo por razón da conciliación da vida familiar e laboral.

3. Nas comisións de servizo por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a prioridade virá determinada polo número de fillos menores de 10 anos e, no caso do mesmo número de fillos, pola antigüidade como funcionaria ou funcionario de carreira no corpo, e antigüidade no centro e puntuación na oposición, sucesivamente.

Artigo 8º.-Toma de posesión.

Será a que dispoña a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas súas normas reguladores do comezo do curso.

Artigo 9º.-Vixencia.

A vixencia da comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral será dun curso académico, sen prexuízo da prórroga, que poderá concederse, logo de solicitude da interesada ou interesado, no suposto de persistencia das circunstancias que motivaron a súa concesión.

Disposición transitoria

O prazo de presentación de solicitudes para o curso escolar 2006-2007 será de 15 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria