DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 2006 Páx. 10.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 104/2006, do 22 de xuño, polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola Consellería de Economía e Facenda.

A Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, baséase, entre outros principios, nos de eficacia e limitación de custos indirectos derivados do cumprimento de obrigas formais.

Ata agora determinados ingresos tiñan que se realizar necesariamente no Servizo de Caixa das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda e nas oficinas liquidadoras de distrito hipotecario.

Esta mecánica de ingreso ocasionaba dificultades na xestión recadatoria dos tributos e outros ingresos de dereito público, polo que se considera necesario modificar o procedemento de ingreso, de forma que, a partir da entrada en vigor deste decreto, o pagamento das débedas tributarias e outros ingresos de dereito público xestionados pola Consellería de Economía e Facenda se poidan realizar a través das entidades de crédito autorizadas para colaborar na recadación.

No entanto, para que poidan seguir realizándose nas dependencias das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda aqueles ingresos que con anterioridade se realizaban no Servizo de Caixa, posibilítase a existencia dunha oficina dunha das entidades autorizadas para colaborar na recadación.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ingresos da Consellería de Economía e Facenda nas entidades colaboradoras.

O pagamento das débedas tributarias e outros ingresos de dereito público xestionados pola Consellería de Economía e Facenda poderá realizarse a través de calquera das entidades de crédito autorizadas por aquela para colaborar na recadación.

Artigo 2º.-Ingresos nas delegacións territoriais.

Nas delegacións territoriais que determine a Consellería de Economía e Facenda poderá haber unha oficina dunha entidade colaboradora, que asumirá, ademais das propias, as funcións que se determinen no correspondente convenio coa consellería.

Disposición derrogatoria

Derrógase o Decreto 243/1992, do 30 de xullo, polo que se estableceu o Servizo de Caixa das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda a través de entidades financeiras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que dite as disposicións necesarias en desenvolvemento do establecido neste decreto e para subscribir os convenios a que se refire o artigo 2º.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día 6 de xullo de 2006.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda