DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 28 de xuño de 2006 Páx. 10.315

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de xuño de 2006 pola que se regula a Comisión Galega de Mergullo Profesional.

A actividade de mergullo profesional, tanto en relación coas actividades de explotación dos recursos mariños como con outras variadas actividades subacuáticas, efectúase en situacións, en moitas ocasións, extremas, o que resulta determinante de que se requira unha elevada cualificación dos seus profesionais, así como da garantía das mellores condicións na súa prestación.

A Comunidade Autónoma de Galicia posúe as competencias nesta materia, traspasadas polo Real decreto 1377/1997, do 29 de agosto, coa referencia da función normativa básica do Estado.

Para o exercicio das referidas competencias percíbese como necesario a constitución dun órgano colexiado representativo e de asesoramento, mediante o cal a Administración pública poida exercer as funcións que lle son propias coa participación dos interlocutores sociais.

Para tal fin, xa pola disposición adicional terceira da orde da Consellería de Pesca, e Asuntos Marítimos, do 23 de abril de 1999, pola que se regulou o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, creouse a Comisión Galega de Mergullo Profesional, como órgano consultivo da consellería para os asuntos relacionados con esta actividade, dispoñendo que a súa composición e funcionamento sería establecido regulamentariamente.

O tempo transcorrido desde entón fai aínda máis prioritario a regulación da Comisión Galega de Mergullo Profesional, e a súa conseguinte posta en operatividade, razóns polas que,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Disponse a constitución da Comisión Galega de Mergullo Profesional, órgano colexiado, consultivo da Xunta de Galicia nos asuntos referentes á práctica do mergullo profesional dentro do ámbito territorial de Galicia.

Artigo 2º.-Composición.

1. Integran a Comisión Galega de Mergullo Profesional:

-O presidente, que será nomeado pola conselleira e que recaerá no secretario xeral ou nun director xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Dous vogais designados polas asociacións profesionais máis representativas do mergullo profesional.

-Dous vogais designados polas asociacións representativas dos recolectores.

-Un vogal designado pola asociación de mergullo profesional galego (Promega).

-Un vogal designado por cada un dos sindicatos con maior representación na comunidade autónoma galega.

-O secretario, que será nomeado pola conselleira de entre persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. O presidente poderá designar, en función dos temas que se van tratar e para cada reunión, expertos entre persoas de recoñecida competencia na materia, que non terán dereito a voto.

3. Os vogais serán designados polas entidades que corresponden en cada caso, notificando ao secretario da comisión o nomeamento cunha antelación mínima de 48 horas; as súas funcións como vogais non serán remuneradas.

Cada vogal poderá ter un suplente designado da mesma forma que o titular, e cos mesmos dereitos e obrigas, non se admitindo a delegación de voto noutros membros da comisión.

Artigo 3º.-Funcións.

En canto órgano consultivo da consellería para os asuntos relacionados coa actividade do mergullo profesional, son funcións da Comisión Galega de Mergullo Profesional:

a) Colaborar coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos na planificación e programación de actividades que afecten o exercicio desta actividade profesional.

b) Estudar e propoñer á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos as reformas que considere necesarias na regulamentación desta práctica profesional, dentro do marco competencial da Xunta de Galicia.

c) Elaborar informes e ditames en todas as materias cando así llelo solicite a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou o acorde a maioría dos seus membros.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. A Comisión Galega de Mergullo Profesional elaborará unha normativa de réxime interior, que será publicada no Diario Oficial de Galicia por resolución da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos.

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos prestará o conxunto de medios persoais, técnicos, económicos e materiais necesarios.

2. A Comisión Galega de Mergullo Profesional reunirase con carácter ordinario, dúas veces ao ano e, con carácter extraordinario, cando o acorde o seu presidente ou o solicite, polo menos, a metade dos seus membros.

As convocatorias das reunións ordinarias da comisión remitiranse aos seus membros cun mínimo de dez días de antelación; non obstante, este prazo poderase reducir no suposto de convocatorias extraordinarias.

Para a súa válida constitución, será precisa a asistencia dun mínimo da metade dos membros da comisión en primeira convocatoria; de non se acadar o quórum preciso, poderase constituír en segunda convocatoria coa presenza dun mínimo da terceira parte dos seus membros. En todo caso, para a súa válida constitución terán que asistir, en todo caso, o seu presidente e o secretario, ou persoas que regulamentariamente os suplan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Comisión Galega de Mergullo Profesional constituirase no prazo de tres meses desde a entrada en vigor da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA