DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 27 de xuño de 2006 Páx. 10.236

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 31 de maio de 2006 pola que se regula a publicidade das caixas de aforro.

Exposición de motivos.

O artigo 67 do texto refundido das leis de caixas de aforro de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, sinala que a publicidade realizada polas caixas de aforro galegas, cando teña contidos económico-financeiros requirirá previa e expresa autorización da Consellería de Economía e Facenda. Polo contrario, a publicidade carente de tales contidos será simplemente obxecto de comunicación á referida consellería, e poderá difundirse sen máis requisitos.

Pola súa parte, o artigo 1 do citado texto refundido establece que as normas aplicables ás caixas de aforro galegas serán tamén de aplicación ás actividades que desenvolvan no territorio desta comunidade as caixas de aforro con domicilio social fóra dela. Por esta razón, no ámbito de aplicación desta orde inclúense non só as actividades publicitarias que realicen as caixas de aforro con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, senón tamén as actividades publicitarias realizadas exclusivamente no territorio desta comunidade polas caixas de aforro con domicilio social fóra de Galicia.

Esta orde dítase ao amparo da disposición derradeira primeira do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis de caixas de aforro de Galicia.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación ás actividades publicitarias realizadas polas caixas de aforro con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, esta orde será de aplicación respecto das actividades publicitarias realizadas exclusivamente no territorio desta comunidade por caixas de aforro con domicilio social fóra de Galicia, salvo que a caixa obtivese a correspondente autorización do Banco de España ou da comunidade autónoma de orixe da caixa.

Artigo 2º.-Autorización previa.

A publicidade que realicen as caixas de aforro sobre operacións, servizos ou produtos financeiros en que se faga referencia, explícita ou implícita, ao seu custo ou rendemento para o público, requirirá autorización previa da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

2. Polo contrario, non requirirá autorización previa a publicidade que careza de contido económico-financeiro, a cal será comunicada con carácter previo á súa difusión á referida dirección xeral. As caixas poderán solicitar que estas comunicacións sexan fei

tas mediante correo electrónico, fax ou outros sistemas que garantan a súa recepción.

Artigo 3º.-Concepto de publicidade.

1. Terá a consideración de publicidade, para os efectos desta orde, toda forma de comunicación pola que se ofrezan operacións, servizos ou produtos financeiros, ou se divulgue información sobre eles, calquera que sexa o medio que se utilice: prensa, radio, televisión, filmacións, carteis interiores ou exteriores, valos, folletos ou outros, incluíndo as circulares e cartas personalizadas que formen parte dunha campaña de difusión.

2. Así mesmo, terá a consideración de publicidade suxeita ao réxime de autorización a que se refire esta orde, tanto a que se inclúa nas páxinas propias da internet dunha caixa de aforro, como a que poida figurar nas páxinas de terceiros.

Non se considerará publicidade, para estes efectos, e por iso non requirirá autorización, aquela que se limite a simuladores de cálculo nas páxinas da entidade na internet e aqueles supostos en que se realicen comparacións entre ofertas de distintas entidades sempre que nelas non se inclúan produtos propios.

Tampouco terán a consideración de publicidade as informacións que sobre as características específicas das operacións figuren nas páxinas operativas da internet nas cales se levan a cabo.

3. Cando o proxecto prevexa a publicidade conxunta dunha oferta financeira dunha caixa de aforros e unha oferta comercial, de venda ou prestación de servizos, dunha empresa produtora, de distribución ou de promoción comercial, deberá existir unha separación clara e nítida entre ambas as ofertas e as súas características, con mención expresa da entidade que presta cada servizo e da función que cumpre cada unha de elas na oferta conxunta.

No dito suposto, a autorización que realice a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro entenderase referida exclusivamente á publicidade financeira e en tal sentido debe facerse constar na publicidade que se autorice.

Se a publicidade dalgún de tales servizos ou operacións prestados por entidade distinta da de crédito está suxeita, pola súa vez, a control administrativo, a autorización que a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro outorgue non eximirá do cumprimento dos requisitos establecidos polo organismo de control da dita entidade.

Nos casos en que non se precise autorización da dirección xeral, a propia caixa de aforros velará porque a oferta da operación ou servizo que vai realizar a entidade que non sexa de crédito, pero que se englobe na publicidade daquela, cumpra os requisitos establecidos, de ser o caso, polo organismo de control desta.

Artigo 4º.-Requisitos da publicidade.

1. A publicidade das caixas, para ser autorizada, deberá presentar ao público, con claridade, precisión

e respecto da competencia, as características da oferta financeira, e deberá conter unha descrición suficiente do produto ofertado, que mostre os seus aspectos máis significativos e, cando proceda, o seu custo ou rendemento efectivo (taxa anual equivalente ou TAE) mediante un exemplo representativo. A dita TAE calcularase segundo as normas establecidas polo Banco de España.

2. Cando o custo ou rendemento efectivo a indicar na publicidade poida varias por circunstancias tales como o prazo da operación, o seu importe, a existencia de comisións mínimas, a aplicación de diferentes tipos de xuro ou outras causas, incluiranse as TAE correspondentes ao intervalo significativo en que poida moverse.

3. Na publicidade das operacións a tipo de xuro variable indicarase o tipo de referencia e o último valor coñecido do dito tipo no momento de realizar o proxecto de publicidade, así como a TAE que resulte para ese valor.

Se na operación se pactase un tipo de xuro fixo para certo período inicial e variable para o resto, teranse en conta ambos no cálculo da TAE, cada un no período a que resulte de aplicación. Excepcionalmente, se o tipo fixo inicial se aplicase durante un prazo de dez anos ou máis, ou durante a metade ou máis da vida do contrato, aplicándose polo menos durante tres anos, no cálculo da TAE só se terá en conta ese tipo inicial. Tal simplificación deberá advertirse adecuadamente. Así mesmo, indicarase a duración do dito período inicial.

4. As aclaracións, notas explicativas, referencias ou advertencias incluídas na publicidade deberán ter un tamaño, formato, posición e relevancia dentro do anuncio que as faga claramente lexibles, comprensibles e evite que pasen inadvertidas.

Necesariamente a TAE deberá incluírse cuns caracteres gráficos de dimensións, polo menos, iguais e características tipográficas similares aos do tipo de xuro nominal, se este se reflicte na publicidade. Así mesmo, deberán expresarse todos os datos necesarios para o cálculo daquelas TAE que se inclúan na publicidade.

Artigo 5º.-Publicidade de institucións de investimento colectivo.

1. A publicidade relativa ás institucións de investimento colectivo, ademais dos requisitos sinalados no artigo anterior, deberá recoller:

a) En todo anuncio publicitario, mesmo incluso no caso de que non se faga referencia explícita ou implícita ao custo ou rendemento para o público (e por tanto non sexa preceptiva a autorización previa), identificarase a institución de investimento colectivo anunciado (denominación completa e número e data do rexistro na Comisión Nacional do Mercado de Valores [CNMV], así como a súa Sociedade Xestora e Depositario), indicarase que a adquisición ou subscrición das accións ou participacións da institución anunciada debe efectuarse de acordo

co contido do folleto informativo e farase referencia aos lugares onde o folleto se atopa dispoñible para a consulta do público, incluído o rexistro da CNMV e as oficinas da caixa.

b) Toda a información que se inclúa no anuncio publicitario deberá ser coherente coa información recollida no folleto informativo rexistrado na CNMV.

c) En ningún caso se deberán utilizar na publicidade referencias a rendibilidades correspondentes a períodos inferiores a un ano, nin á súa anualización, nin á extrapolación de rendibilidades obtidas en períodos anteriores, nin basearse en estimacións. Por excepción, poderá publicarse a rendibilidade acumulada no período transcorrido do ano actual, sempre e cando se indique a data á cal corresponde a dita rendibilidade.

Cando se publiquen rendibilidades históricas, deberá facerse constar o período a que se refiren e deberá aclararse que «o anuncio de rendibilidades pasadas non é promesa ou garantía de rendibilidades futuras».

No caso de que a publicidade recolla información sobre a rendibilidade, incluiranse tamén as comisións que terá que pagar o partícipe e as comisións que terá que pagar a institución de investimento colectivo.

d) No caso de incluír información sobre a composición ou valor liquidativo da institución, deberá sinalarse a data á cal corresponde tal información.

e) Se se mencionase a posición dunha institución de investimento colectivo nun determinado ránking, deberase indicar a fonte deste.

f) Na publicidade das institucións de investimento mobiliario indicarase a súa filosofía investidora seguindo os criterios adoptados polas asociacións do sector (renda fixa, renda variable, mixtos ou outros) e conforme o sinalado no folleto informativo.

Pola súa parte, se se fixese referencia ao risco do fondo, deberá ser coherente coa información recollida no folleto informativo.

g) Se se trata de publicidade de institucións de investimento colectivo con garantía externa ou rendementos mínimos garantidos, indicarase o nome do garante e a descrición das características da garantía ofrecida. Nestes casos, se se cita a rendibilidade mínima asegurada e sempre que o seu cálculo sexa posible, expresarase en taxa anual equivalente (TAE) indicando as comisións e gastos que terán que soportar os partícipes.

h) Calquera outro requisito que poida exixir a normativa estatal sobre esta materia.

2. Non estará suxeita a autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro a información permanente sobre institucións de investimento colectivo que se recolla de forma sistematizada nas páxinas web das caixas de aforro afectadas por esta orde ou noutras páxinas enlazadas con estas, sen prexuízo da competencia da Dirección

Xeral de Política Financeira e Tesouro para exixir a súa rectificación ou o cesamento da publicidade que non cumpra os requisitos aplicables a esta.

Esta información permanente deberá recoller, ademais de toda a información sinalada no punto 1 deste artigo, un enlace ao folleto informativo, ao último informe periódico e á última memoria anual.

Artigo 6º.-Publicidade de plans e fondos de pensións.

1. A publicidade relativa a plans e fondos de pensións deberá cumprir os mesmos requisitos que a publicidade de institucións de investimento colectivo na medida en que resulte aplicable.

2. O número de rexistro que se debe indicar nos anuncios publicitarios de plans e fondos de pensións será o asignado no correspondente rexistro da Dirección Xeral de Seguros ao fondo de pensións en que se integra cada plan.

Artigo 7º.-Documentación que hai que presentar coa solicitude.

1. As caixas de aforro remitirán a solicitude de autorización a que se refire o artigo 2º desta orde á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

A. Memoria breve relativa á seguinte información:

-Obxecto da campaña.

-Data de inicio e duración estimada da campaña.

-Ámbito territorial de difusión da publicidade.

-Relación dos soportes publicitarios que se van utilizar na campaña: cartas a clientes, folletos informativos, publicidade na radio, cartel anunciador, expositores, anuncios en prensa ou na internet, ou calquera outro soporte elixido pola entidade.

B. O proxecto de campaña publicitaria, que deberá consistir nunha reprodución adecuada, segundo o medio de difusión, dos textos, bosquexos, composición gráfica, publicidade radiofónica ou filmacións, con indicación, de ser o caso, dos tamaños e tempos totais e relativos e a súa composición interna, e conter os textos íntegros en que se especifiquen as condicións financeiras da oferta.

C. No suposto de que se refira a operacións con remuneración en especie, deberá incluírse certificación que recolla de forma detallada cada un dos conceptos que integran o valor dos produtos (custo, IVE, ingreso á conta, ...), e as rendibilidades finais das diversas operacións.

2. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá requirir da entidade solicitante cantos datos complementarios considere oportunos, respectando, en todo caso, o carácter confidencial da información recibida.

Artigo 8º.-Prazo para resolver.

1. As solicitudes de autorización remitiranse á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro polo menos con oito días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da campaña.

Examinada a documentación recibida, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro comunicará á caixa de aforros, mediante correo ordinario certificado, correo electrónico, fax ou outro sistema que garanta a súa recepción, os reparos que se opoñen á campaña publicitaria e concederalle un prazo de sete días para a presentación do proxecto adaptado ao sinalado. Se, transcorrido o dito prazo, non se recibise o novo proxecto, denegarase a solicitude.

2. A dirección xeral resolverá sobre as autorizacións no prazo máximo de oito días hábiles, contados a partir da recepción no rexistro da solicitude, entendéndose autorizada a publicidade se transcorrido o dito prazo non se producise comunicación ao interesado, mediante correo ordinario certificado, correo electrónico, fax ou outro sistema que garanta a súa recepción. Este prazo quedará interrompido ao ser requirida a entidade para calquera modificación ou información adicional. Toda denegación de autorización será motivada.

3. A autorización concedida terá validez polo período de duración da campaña. Esta autorización poderase prorrogar logo de comunicación da caixa de aforros, sempre que se manifeste que non variaron ningún dos datos e circunstancias que motivaron a aprobación no seu día. Indicarase a duración da dita prórroga.

4. Cando os cambios na publicidade teñan como única causa adaptar a TAE ás modificacións producidas no tipo tomado como referencia, a entidade comunicarao á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro achegando os novos soportes publicitarios. No caso de que -no prazo dos tres días seguintes- a dirección xeral non exixa a solicitude de nova autorización, entenderase renovada a autorización anteriormente concedida.

Artigo 9º.-Referencia á autorización.

1. En toda publicidade autorizada expresamente farase constar a expresión «Publicidade autorizada: DXPFeT, expte. nº...».

No caso de que non se ditase resolución expresa no prazo previsto no artigo anterior, farase constar a expresión: «Publicidade autorizada: DXPFeTRexistro de entrada na DXPFeT.».

Nos supostos de autorización de publicidade conxunta, a que se refire o artigo 3º desta orde, deberá facerse constar «Publicidade financeira autorizada: DXPFeT, expte. nº..» ou, de ser o caso «Publicidade financeira autorizada: DXPFeT».

2. A autorización non implica recomendación a favor das operacións, produtos ou servizos anuncia

dos, polo que as entidades non farán referencia á devandita autorización de xeito tal que puidese inducir a erro.

Artigo 10º.-Rectificación e cesamento da publicidade.

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá requirir das caixas de aforro a rectificación ou cesamento daquela publicidade que non respecte as condicións de autorización, ou que non a obtivese sendo exixible, nos termos previstos no título IV da Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade.

Artigo 11º.-Revogación da autorización.

1. Se se producisen feitos ou circunstancias que puidesen supoñer un cambio na publicidade autorizada, deberán comunicarse tales alteracións á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, que poderá, de forma motivada, revogar a autorización concedida.

2. A autorización tamén poderá revogarse, logo de audiencia á caixa interesada, cando cheguen ao coñecemento da dirección xeral novos elementos de xuízo que alteren substancialmente as bases sobre as cales se concedeu a devandita autorización, sen prexuízo, de se o caso, das responsabilidades que se lle poidan exixir á entidade por omisión ou inexactitude dos datos achegados.

Artigo 12º.-Denuncia por incumprimento de normas sobre publicidade.

Calquera persoa física ou xurídica que xustifique un interese lexítimo, así como as asociacións de consumidores e usuarios que figuren inscritas nos rexistros oficiais correspondentes, poderán denunciar ante a Consellería de Economía e Facenda os incumprimentos das disposicións contidas nesta norma.

Artigo 13º.-Incumprimento de normas sobre publicidade.

O incumprimento das obrigas establecidas nesta orde dará lugar a responsabilidade administrativa, nos termos establecidos no título V do texto refundido da Lei de caixas, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo.

Disposición transitoria

Os procedementos de autorización relativos a solicitudes presentadas antes da entrada en vigor desta orde tramitaranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

No momento da entrada en vigor desta orde queda sen efecto o punto cuarto da Circular 2/1987, do 15 de setembro, ás caixas de aforro galegas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro para ditar as disposicións necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA