DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 22 de xuño de 2006 Páx. 10.022

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xuño de 2006 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro) faise pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

De acordo co artigo 10.1º b) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os membros dos consellos sociais cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento. A renuncia deberá presentárselle por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e ao presidente do consello social, quen lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, desde esa data producirá efectos.

Segundo o artigo 10.2º da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, as vacantes deberá cubrilas a autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de 3 meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo á consellería competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituído entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O 6 de abril de 2006, o Consello Social da Universidade da Coruña comunicalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a renuncia dos membros do consello José Luis Calvo Pumpido e José Manuel Liaño Flores, designados polo Parlamento de Galicia.

O 7 de xuño de 2006, o Consello Social da Universidade da Coruña comunícalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a renuncia do membro do consello Juan Caamaño Cebreiro, designado pola Xunta de Galicia.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Facer públicos os cesamentos por renuncia de José Luis Calvo Pumpido e José Manuel Liaño Flores, como representantes do Parlamento de Galicia no Consello Social da Universidade da Coruña.

Artigo 2º

Facer público o cesamento por renuncia de Juan Caamaño Cebreiro, como representante da Xunta de Galicia no Consello Social da Universidade da Coruña.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria