DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 20 de xuño de 2006 Páx. 9.846

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2006, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2006.

As políticas de cooperación ao desenvolvemento humano orientadas a unha superación real da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade.

Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únense tamén a vontade de cooperación que xorde de xeito descentralizado nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

A política de cooperación ao desenvolvemento que realiza a nosa comunidade autónoma experimenta unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión da cobertura xeográfica que abrangue, prestándose unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e un reparto máis xusto dos froitos do crecemento económico.

Unha das prioridades sectoriais desta lei é potenciar os axentes de cooperación ao desenvolvemento de Galicia coa finalidade de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade, así como impulsar e promover a participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento.

Por outra banda, entre os axentes de cooperación recoñecidos pola lei, concédeselles especial relevancia ás organizacións non gobernamentais que se

constitúen como interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Así, polo tanto, é necesario establecer as bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para a consolidación e fortalecemento das organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento con sede social en Galicia.

Pola súa vez, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2006 e 2007, de acordo coas bases reguladoras que se aproben e que garantan os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que se xunten como anexo a esta resolución para a concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006 e 2007, de acordo coas bases reguladoras aprobadas por esta resolución, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.41.213B.480.1 (polas contías máximas de 160.000 A no ano 2006 e de 110.000 A no ano 2007).

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2006.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións

para a consolidación e fortalecemento

de organizacións non gobernamentais

de cooperación para o desenvolvemento con domicilio

social en Galicia

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamen

tais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia. O fin último da convocatoria é completar en Galicia o máximo de fases posibles do ciclo da cooperación (identificación, xestión, avaliación, promoción actividades propias) coa máxima garantía de eficiencia e calidade.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse ao secretario xeral de Relacións Exteriores (rúa Feáns, 5, baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. As entidades solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia.

d) Ter xustificado, de ser o caso, antes da finalización do prazo de solicitude desta convocatoria, as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de consolidación e fortalecemento, así como de cooperación ao desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, nos supostos en que recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro sobre os beneficiarios/as de axudas económicas, deberá terse efectuado o correspondente ingreso.

e) Non estar inhabilitadas, administrativa ou xudicialmente, para obter axudas.

f) Estar ao día das súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia sobre axudas, así como non manter débeda ningunha por calquera concepto na Facenda autonómica

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos de actividades formulados por un consorcio de varias ONGD agrupadas. As entidades asociadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha ONGD principal para os efectos de comunicación e notificación administrativa dos expedientes. Todos os membros do consorcio deben contribuír significativamente cos recursos financeiros e/ou outros, así como desempeñar un papel activo na acción. Neste caso, cada unha das entidades agrupadas deberá cumprir os requisitos sinalados ante

riormente, excepto o sinalado na letra c) deste punto que o deberá cumprir unicamente a ONGD principal.

2. Subvencionaranse preferentemente os proxectos presentados por consorcios entre varias organizacións.

Artigo 4º.-Documentación.

1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

2. A citada solicitude irá acompañada da seguinte documentación, que será presentada por duplicado, xunto co formulario de presentación do proxecto que tamén se entregará en disquete ou CD:

Información relativa á/ás entidade/es solicitante/es:

a) Certificación acreditativa da vixencia dos datos que figuran no Rexistro de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición. No caso de existiren modificacións relativas aos citados datos, estes deberán ser actualizados no dito rexistro.

b) Declaración doutras axudas solicitadas a entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

c) Memoria da ONGD en que se inclúan os proxectos de cooperación ao desenvolvemento levados a cabo nos últimos catro anos.

d) Declaración xurada facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non foi inhabilitada para obtelas, segundo modelo que figura como anexo II.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda da comunidade autónoma de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

f) De ser o caso, escritura de compravenda ou de doazón ou contrato de aluguer do local social ou, se é o caso, acordo, certificación ou documento que acredite a cesión ou posta á disposición do local a nome da ONGD.

g) De ser o caso, facturas de gastos fixos correspondentes ao último ano. Non se inclúen os gastos variables como electricidade, auga, teléfono e outros de semellante natureza.

h) De ser o caso, documentos acreditativos da relación ou vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo (contratos laborais, declaración responsable, etc.).

i) Certificación da secretaría da entidade con referencia ao estado de ingresos da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade na cal figuren os ingresos obtidos polas achegas periódicas dos socios/as.

j) Plan estratéxico da entidade. Se o proxecto consiste na elaboración do dito plan, xuntarase o orzamento ou proxecto da consultora ou entidade implicada.

k) En caso de consorcio con outra ONGD para a realización dun proxecto, deberase xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo cal se obrigan solidariamente perante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención; neste documento designarán un/unha representante legal e un domicilio único en Galicia para os efectos de notificacións. Igualmente, deberá detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, actividades que se van desenvolver e a distribución da subvención prevista, se é o caso.

3. Información relativa ao proxecto de consolidación/fortalecemento:

a) A información sobre o proxecto presentarase no formulario facilitado por medio do correo electrónico polo órgano xestor. O formulario solicitarase no seguinte enderezo: cooperacion.exterior*xunta.es.

b) O dito formulario presentarase por duplicado e en formato CD ou disquete, acompañado da documentación descrita anteriormente, tamén por duplicado. A falta de documentación ou da xustificación das ditas faltas, no prazo de emenda establecido, impedirá a avaliación do proxecto.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución, prazo de resolución, condicións de financiamento, gastos subvencionables e valoración.

1. A instrución do procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de cooperación exterior. Unha vez recibidas e examinadas

as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carece de falta de documentación, requirirase aos interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo de resolución e notificación será de dous meses, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

3. Condicións de cofinanciamento.

En función da valoración obtida polo proxecto, a Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do seu orzamento total. En ningún caso a subvención concedida a proxectos presentados de xeito individual superará os 25.000 euros, exixíndose unha cofinanciación do 15% por parte da entidade solicitante. Nos proxectos presentados en consorcio a cantidade concedida non superará os 40.000 euros, exixíndose unha cofinanciación do 10%.

4. Serán subvencionables os seguintes gastos:

4.1. No caso de proxectos presentados por unha ONGD:

-Formación técnica de persoal, de socios/as e de voluntarios/as, a través da realización de seminarios, talleres internos, incluíndo o material didáctico consumible e os honorarios e axudas de custo do profesorado. Primarase a formación que verse sobre: xestión de ONGD, aspectos técnicos das diferentes fases do proxecto de desenvolvemento; ética da cooperación; sistema autonómico, estatal e internacional de cooperación para o desenvolvemento; aspectos xerais de economía mundial e a súa repercusión nos países do sur; talleres sobre aspectos transversais da cooperación para o desenvolvemento: xénero, ambiente; xestión da axuda humanitaria...

-Estudos de viabilidade, fortalecemento da organización, mellora de calidade e outros de natureza análoga, como a realización de plans estratéxicos, incluíndo os gastos de contratación de persoal experto correspondentes ao salario actual, custos de seguridade social e outros (neste caso ata un máximo do 80% da subvención concedida).

-Campañas de captación de socios e voluntarios (as campañas deberán respectar os códigos de conduta e de imaxes propios do sector e estar avalados polas súas organizacións máis representativas, Coordinadora Galega de ONGD e Coordinadora de ONGD-España).

4.2. No caso de proxectos presentados en consorcio, ademais das anteriores, serán subvencionables as seguintes actividades:

-Aluguer de locais na Comunidade Autónoma de Galicia, que vaian ser utilizados como sede do consorcio.

-Contratación de persoal técnico para a dinamización do consorcio e as ONGD integrantes deste.

-Material de oficina (ata un máximo do 5% da subvención acadada)

-Adaptación e reforma de páxinas web do consorcio que deberá estar en idioma galego, sen menoscabo de versións totais ou parciais en castelán ou noutros idiomas.

En ningún caso se subvencionarán gastos de capital como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles.

5. Valoración dos proxectos.

5.1. Os proxectos avaliaranse conforme os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa traxectoria da entidade solicitante: 30 puntos.

1) Experiencia e traxectoria da entidade/es en proxectos de cooperación ao desenvolvemento e/ou actividades de formación para o desenvolvemento e de sensibilización social suficientemente descritas na solicitude. Máximo: 6 puntos.

2) Capacidade de xestión de recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade/es para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 6 puntos.

3) Achega financeira da ONGD ou entidades participantes no proxecto. Máximo: 5 puntos.

4) Outros proxectos de cooperación para o desenvolvemento e/ou accións de formación e de sensibilización executados pola entidade/es solicitante e financiados pola Xunta de Galicia. Máximo: 5 puntos.

5) Contribución da ONGD solicitante ao fomento do sector galego de cooperación. Máximo: 5 puntos.

6) Solicitudes presentadas por entidades que presenten unha auditoría externa das contas sobre resultados da xestión do último ano. Máximo: 3 puntos.

II. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 45 puntos.

1) Contexto: antecedentes e xustificación do proxecto descritos suficientemente na solicitude, en función dos obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2) Incidencia prevista das actividades, en relación a un maior fortalecemento e consolidación da ONGD. Máximo: 5 puntos.

3) Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

4) Selección da estratexia da ONGD para a súa consolidación e fortalecemento. Máximo: 5 puntos.

5) Previsións de contratación de persoal especializado. Máximo: 5 puntos.

6) Solicitudes que se formulen para a realización dunha auditoría da xestión económica da entidade perante os últimos catro anos. Máximo: 5 puntos.

7) Proxectos que promovan o intercambio de experiencias e o trasvase de coñecementos entre ONGD. Máximo: 5 puntos.

8) Proxectos que promovan o comercio xusto, o consumo responsable e a educación para o desenvolvemento. Máximo: 5 puntos.

9) Implicación no proxecto doutros axentes da cooperación galega. Máximo: 5 puntos.

III. Presentación en consorcio: ata 25 puntos.

5.2. Será necesario acadar unha puntuación do 65% en cada un dos parágrafos I e II para superar a fase de valoración.

5.3. Para unha mellor valoración dos proxectos poderán solicitarse previamente á resolución os informes técnicos que se estimen oportunos e/os da Comisión Técnica Asesora de Actividades de Desenvolvemento. Estes informes non terán carácter vinculante.

A Comisión Técnica Asesora de Actividades de Desenvolvemento estará integrada por cinco vogais nomeados pola Coordinadora Galega de ONGD.

Artigo 7º.-Resolución.

En vista dos expedientes instruídos e do resultado da valoración dos proxectos, o secretario xeral de Relacións Exteriores resolverá, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 9º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará no prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito de aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente deberán confirmar, de ser o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente fose posible e sen que se altere a finalidade do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica deste, que será obxecto dunha nova valoración. A non presentación no dito prazo de comunicación ningunha, entenderase que a entidade beneficiaria renuncia á subvención concedida, procedéndose ao seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto o centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento ditará nova resolución, que será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas os seus importes poderán destinarse a aumentar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a atender os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 11º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5º da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, unha vez concedidas aboarase en concepto de anticipo:

-Nos proxectos cuxo período de execución exceda o exercicio corrente, o cincuenta por cento do importe anual subvencionado.

-Nos proxectos que o período de execución estea comprendido no exercicio corrente, o oitenta por cento do importe da subvención concedida.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio do proxecto expedida polo responsable da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

d) Orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda da comunidade autónoma de non ter débeda ningunha por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

e) Certificación bancaria da conta da entidade en que se deben ingresar os pagamentos.

2. O resto do importe da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras.

Artigo 12º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 de decembro.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade especificamente e antes do día 15 de decembro de cada exercicio, presentando a documentación que se sinala no seguinte punto.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado dos seguintes documentos:

a) Certificación do representante da entidade solicitante acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado para cada exercicio.

b) Memoria de execución onde se reflictan os obxectivos, actividades e resultados esperados e o grao real de execución de todos e cada un deles durante a execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Memoria financeira final desagregada por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

1. Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias e no cal se indi

quen as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante da entidade beneficiaria.

2. Relación de facturas que se inclúen.

3. Facturas que soporten a relación anterior.

Presentaranse orixinais ou copias compulsadas de todas as facturas que se aboen con cargo ao orzamento total do proxecto.

4. Relación de persoal contratado con cargo á subvención.

5. Orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Tributaria, Seguridade Social e Facenda autonómica.

Artigo 13º.-Seguimento, control das actividades e outras obrigas.

1. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato o centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento das accións subvencionadas.

2. A xestión das actividades poderán examinala durante a súa execución e unha vez rematadas representantes do centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda a información que lles sexa requirida respecto das actividades subvencionadas.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de xeito visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención. Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. O logotipo será facilitado polo órgano xestor, logo da solicitude no enderezo electrónico: cooperacion.exterior*xunta.es.

Artigo 14º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios/as que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da súa totalidade en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen

prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais a que procedan.

Así mesmo, os beneficiarios/as deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 15º.-Información aos órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execucións ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 17º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA