DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 19 de xuño de 2006 Páx. 9.758

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2006, da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, pola que se habilitan os carnés de aplicador-manipulador dos produtos fitosanitarios expedidos ao abeiro da orde do Ministerio da Presidencia do 8 de marzo de 1994, para adaptalos á capacitación establecida na Orde PRE/2022/2005.

A orde do Ministerio da Presidencia do 8 de marzo de 1994 establece a normativa reguladora da homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas.

Polo Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, apróbase o Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos, e establécense novos criterios sobre esta materia, aplicables aos produtos fitosanitarios desde o 30 de xullo de 2004, de conformidade coa Directiva 1999/45/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 31 de maio e as súas adaptacións ao progreso técnico, efectuado polas directivas correspondentes. En consecuencia, a aplicación destes novos criterios de clasificación e etiquetaxe determina que moitas preparacións de produtos fitosanitarios deban ser clasificadas en categorías de perigosidade superiores ás que lles correspondían coa normativa anteriormente vixente.

Isto implicou que a Orde do 8 de marzo de 1994, no referente aos produtos fitosanitarios, clasificados tal e como establecía a Regulamentación técnico sanitaria aprobada polo Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, dea lugar a incoherencias, xa que establece normas baseándose nuns criterios de clasificación derrogados polo Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro.

Para solucionar este baleiro legal, o Ministerio da Presidencia ditou a Orde PRE/2922/2005, do 19 de setembro, pola que se modifica a citada Orde do 8 de marzo de 1994. Nesta orde ministerial dáse unha nova definición dos niveis de capacitación básico e cualificado. Ademais, introdúcese o nivel de capacitación de fumigador.

Nestas novas definicións, a posibilidade de utilización de praguicidas está condicionada ao feito de que estes sexan ou xeren gases clasificados como

tóxicos ou moi tóxicos ou, se é o caso, que non sexan ou non xeren este tipo de gases. Así mesmo, nesta orde formúlase o contido temático dos cursos que deberán superarse para a obtención do carné en función do nivel de capacitación. O devandito contido é cuantitativa e cualitativamente superior aos recollidos inicialmente na Orde do 8 de marzo de 1994.

Na disposición transitoria única da Orde PRE/2922/2005, do 19 de setembro, establécese un prazo de 3 anos, contados a partir da data da súa publicación no BOE, para expedir os novos carnés adaptados á capacitación que establece a citada orde.

Ademais, os carnés expedidos con anterioridade á súa entrada en vigor ou que no devandito momento se atopen en proceso de obtención, poden seguir utilizándose durante este prazo, sempre que a autoridade competente os habilite baseándose na realización de accións de formación-información para os niveis básico, cualificado ou fumigador.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para a expedición da habilitación corresponde ao director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, atribuída polo artigo 2.1º da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 30 de xullo de 1997. En consecuencia, procede efectuar a habilitación daqueles carnés expedidos con anterioridade á entrada en vigor da Orde PRE/2922/2005 ou que no devandito momento se atopasen en proceso de obtención, aprobando, para tal efecto, unha acción de formación-información, así coma a correspondente credencial.

Na súa virtude, en uso das competencias atribuídas á Consellería do Medio Rural, e concretamente a esta Dirección Xeral, polo Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Primeiro.-Habilitar os carnés de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico, expedidos na Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro da Orde do 8 de marzo de 1994, para a utilización de produtos que non sexan ou xeren gases clasificados como tóxicos ou moi tóxicos, segundo o disposto no Real decreto 255/2003, adaptándoos con iso á capacitación establecida na Orde PRE/2022/2005.

Segundo.-Os titulares dos carnés mencionados no punto anterior que estean interesados en obter a devandita habilitación, deberán ter superadas as probas de aptitude dos cursos homologados, en convocatorias anteriores á do ano 2006. Tamén terán en conta a acción informativa que se detalla no anexo I desta resolución. Esta información, así coma a acreditación correspondente atópase á súa disposición nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

Terceiro.-Os titulares dos carnés presentarán a solicitude utilizando o modelo de formulario que figura como anexo II desta resolución. Coa solicitude xuntarase, unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné nun sobre pechado, indicando nome, apelidos e DNI do solicitante. O prazo de presentación das solicitudes será de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Cuarto.-Os titulares dos carnés deberán ter en conta, ademais, as seguintes indicacións na utilización dos produtos fitosanitarios con clasificación toxicolóxica «moi tóxicos» que non sexan ou non xeren gases clasificados como tóxicos ou moi tóxicos, segundo o disposto no Real decreto 255/2003.

* Adquirir os citados produtos en establecementos de venda inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e que dispoñan da autorización correspondente para comercializalos, asinando o Libro Oficial de Movemento de Praguicidas Peligrosos (LOM) en poder do establecemento.

* Presentar no momento da adquisición o correspondente carné de manipulador e asinar no albará ou factura que recibiron copia da ficha de datos de seguridade do produto adquirido. No documento que quede en poder do vendedor constará o número do carné de manipulador do comprador.

Quinto.-Publicar esta resolución e os seus anexos no Diario Oficial de Galicia, para os efectos oportunos.

Sexto.-Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2006.

Gonzalo Flores Calvete

Director xeral de Investigación, Tecnoloxía

e Formación Agroforestal

ANEXO I

Acción informativa para a habilitación do carné de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico.

1. Antes da aplicación dun fitosanitario.

* A necesidade dos tratamentos fitosanitarios: empregaranse os fitosanitarios cando non existan outras alternativas de control. Recoméndase a aplicación das normativas de Produción Integrada nos cultivos nos casos en que se desenvolvese. Non realizar tratamentos rutineiros e sistemáticos.

* Elección do fitosanitario: asesórese moi ben antes da compra e emprego dun produto. Sempre ten que estar autorizado sobre o cultivo que se vai aplicar. Intentarase elixir aqueles produtos clasificados con menor perigosidade. O equipo de aplicación debe adaptarse ao tipo de tratamento que se vaia realizar e estar en condicións óptimas, correctamente regulado e limpo de anteriores tratamentos.

Os produtos deben estar sempre no seu envase orixinal, precintado e etiquetado correctamente. No transporte ata a parcela, estes envases deben estar separados.

* Atención a produtos clasificados como Tóxicos «T» e moi Tóxicos «T+»: a nova revisión de substancias activas que se está a realizar a nivel europeo determina que moitas preparacións de produtos fitosanitarios se reclasificasen con toxicoloxías superiores ás que lles correspondían coa normativa anteriormente vixente. Estas novas revisións incrementan os controis sanitarios e aumentan as limitacións dos efectos prexudiciais para a saúde humana, derivados da exposición a estes produtos. Intentarase reducir o manexo e utilización deste tipo de produtos. Se finalmente se emprega algún deles, á hora de adquirilos é obrigatorio asinar no LOM (Libro Oficial de Movementos) do establecemento comercial.

* Lectura da etiqueta dos fitosanitarios: lerase detidamente a etiqueta antes de realizar a aplicación. Toda a información relacionada cun produto vén reflectida na etiqueta. As indicacións que se reflicten nela son de obrigado cumprimento: tipo de función do produto, composición, usos autorizados, dose de aplicación, prazo de seguridade, modo de emprego. As frases de Risco (frases R) e Prudencia (frases S) que aparecen na etiqueta indican os riscos específicos e os consellos de prudencia relativos a cada produto. Recoméndase lelas moi atentamente.

2. Preparación e aplicación de fitosanitarios. Xestión de envases.

* Protección persoal: adecuar o equipo de protección ao tipo de aplicación e do produto. Actualmente existen no mercado Equipos de Protección Individual (EPI), que protexen as principais vías de entrada dos fitosanitarios. Para a pel, guantes, fundas e botas. Recoméndanse os homologados pola CE. Para as vías respiratorias, máscaras e cascos cos filtros axeitados aos produtos e tamén homologados pola CE.

* Nas fichas de seguridade dos produtos indícase o tipo de protección necesario. ¡Infórmate e analiza o risco! Atención á prevención de riscos laborais.

* Redución da contaminación: non aplicar en días de vento e nas horas de maior temperatura. Non aplicar cando chova ou ameace facelo en pouco tempo. Non superar a dose e axustar o caldo para non aplicar máis do necesario. Evitar derramas de produtos. Manter as distancias de seguridade marcadas con cada produto, preto dos cursos de auga. Evitar no posible a mestura dos produtos.

* Xestión de envases: os envases dos produtos fitosanitarios están considerados como residuo perigoso, hai que xestionalos correctamente, pola contra, ocasionan graves prexuízos ambientais. Débense enxaugar enerxicamente tres veces cada un dos enva

ses, vertendo a auga no depósito pulverizador. Estes envases lavados entréganse aos puntos de recollida para que a empresa SIGFITO proceda á súa recepción. O produto fitosanitario leva un custo engadido para a realización deste proceso. Prácticas como o enterramento, queima ou abandono destes envases están penalizados con sancións económicas moi elevadas.

* Almacenamento: evitarase almacenar produtos. Se se almacenan, será durante o menor tempo posible. Os produtos colocaranse por familias nos seus envases orixinais, sempre. Nunca se almacenarán na vivenda. Estarán pechados con chave e en lugares frescos e ventilados.

3. Seguridade alimentaria e rastrexabilidade.

* Residuos de fitosanitarios: o respecto na utilización de produtos autorizados nos cultivos e o cumprimento do prazo de seguridade son estritamente imprescindibles e obrigatorios. O Plan Nacional de Residuos pretende vixiar o nivel de residuos destes produtos nos vexetais, mediante mostraxes para evitar que superen os límites máximos de residuos (LMR) establecidos polo real decreto. A seguridade alimentaria depende da correcta execución deste proceso.

* Rastrexabilidade: desde o 1 de xaneiro de 2005 é obrigatoria a rastrexabilidade, Regulamento (CE) 178/2002. Esta nova ferramenta para o sector agroalimentario defínese como «a posibilidade de atopar e seguir o rastro a través de toda as etapas de produción, transformación e distribución dun alimento, un penso, un animal destinado á produción de alimentos ou unha substancia, destinados a ser incorporados en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selos». Polo tanto, as exixencias de rastrexabilidade teñen que cumprilas os agricultores, os gandeiros, as industrias agroalimentarias e os distintos operadores da cadea agroalimentaria. Con este regulamento preténdese garantir un nivel elevado de saúde e seguridade ao longo de toda a cadea alimenticia.

* Rastrexabilidade e PAC: unha das novidades da nova PAC é a obriga para os beneficiarios das axudas directas de cumprir cos requisitos da condicionalidade entre os que se atopa o cumprimento da rastrexabilidade. Por iso, o incumprimento intencionado ou por neglixencia poderá dar lugar a reducións ou a anulación total das axudas directas da PAC. A entrada en vigor deste requisito será o 1 de xaneiro de 2006.

4. Primeiros auxilios.

En caso de intoxicación, lembre sempre o teléfono 112 do SOS Galicia e non esqueza gardar o número de teléfono seguinte, pertencente ao Servizo de Información Toxicolóxica (único centro para toda España), nun lugar visible: Servizo Médico 24 horas 91 56 20 420.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA