DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 19 de xuño de 2006 Páx. 9.751

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 99/2006, do 15 de xuño, polo que se regula a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 2/2006, de educación, do 3 de maio, no seu título III, capítulos III e IV, referidos á formación e ao recoñecemento, apoio e valoración do profesorado, e nos artigos 102, 103 e 105, establece que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros. Así mesmo, establece que as administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado, garantirán unha oferta diversificada e gratuíta e promoverán as medidas oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.

O Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica de Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recolle, nos seus artigos 5 e 6, a competencia das direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais na planificación e desenvolvemento da formación permanente do profesorado.

A organización, planificación, xestión e avaliación da formación permanente do profesorado está regulada polo Decreto 245/1999, do 29 de xullo.

A experiencia acumulada ao longo dos cinco anos de implantación da estrutura definida polo Decreto 245/1999, apoiada pola análise da situación que se dá noutras comunidades autónomas e tamén nos países do contorno próximo, aconsellan a introdución de modificacións nas actuais estruturas de formación permanente do profesorado. Estas modificacións aféctanlle á distribución xeográfica das estruturas de formación e ao seu regulamento, ao perfil das persoas asesoras, ás áreas de intervención e ao papel que desempeñan as entidades colaboradoras.

Trátase, polo tanto, de establecer unha formación continua sensible ás necesidades do profesorado, ás demandas sociais e ás recomendacións dos organismos internacionais, aberta á colaboración con institucións académicas e outras de recoñecido prestixio e valor no ámbito educativo, inserida no contorno sociocultural e lingüístico e suxeita aos procesos avaliativos que garantan a súa calidade e favorezan a súa mellora continua.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, consultado o Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deli

beración do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto, definición e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e definición.

1. O presente decreto ten por obxecto regular a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

2. Concíbese a formación permanente como un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade da Administración pública e dos propios centros. A Administración educativa planificará as actividades de formación do profesorado, garantirá unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades e establecerá as medidas oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.

3. A finalidade da formación permanente é a de promover o desenvolvemento profesional do profesorado para a mellora da práctica educativa, concibindo a formación do profesorado como un deber e un dereito que a Administración educativa debe garantir a todo o profesorado.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto aplicarase á formación permanente do profesorado de educación infantil, educación primaria, educación secundaria, formación profesional, educación de adultos e ensinanzas de réxime especial dos centros educativos sostidos con fondos públicos.

Capítulo II

Planificación da formación permanente

do profesorado

Artigo 3º.-Planificación da formación.

A planificación da formación permanente do profesorado realizarase a través:

1. Do Plan Marco da Formación Permanente do Profesorado en Galicia.

2. Dos plans trianuais de formación permanente do profesorado.

3. Dos plans anuais de formación do profesorado.

4. Dos plans de formación dos centros de formación e recursos.

Artigo 4º.-O Plan Marco da Formación Permanente do Profesorado en Galicia.

1. As accións de formación permanente do profesorado planificaranse de acordo co que se estableza no Plan Marco da Formación Permanente do Profesorado en Galicia.

2. Este plan, que atenderá as directrices fixadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística, comprenderá un conxunto de principios, programas específicos e orientacións para a formación permanente do profesorado, entre os que se incluirá o principio de igualdade e non-discriminación entre mulleres e homes. Os programas de formación permanente

deberán contemplar a adecuación dos coñecementos e métodos á evolución das ciencias e das didácticas específicas, así como todos aqueles aspectos de coordinación, orientación, titoría, atención educativa á diversidade e organización encamiñados a mellorar a calidade do ensino e o funcionamento dos centros.

3. A duración do Plan Marco non será superior a seis anos e será aprobado pola conselleira ou conselleiro de educación.

Artigo 5º.-Os plans trianuais de formación permanente do profesorado.

1. Os plans trianuais deberán reflectir os obxectivos xerais e as liñas prioritarias de actuación que servirán de referente para a formación permanente do profesorado durante un período de tres anos.

2. Estes plans desenvolverán os programas específicos que estableza o Plan Marco e darán resposta ás necesidades de formación que presente o profesorado para o logro das súas competencias profesionais.

3. Os plans trianuais serán aprobados polas direccións xerais competentes en formación permanente do profesorado.

Artigo 6º.-O Plan Anual de Formación do Profesorado.

1. O plan anual será a concreción dos plans trianuais para cada curso escolar e abarcará o conxunto de actuacións que as direccións xerais determinen sobre formación permanente do profesorado. Este plan incluirá as accións específicas dirixidas ao profesorado de formación profesional.

2. Neste plan incluiranse os plans elaborados por cada un dos centros de formación e recursos.

3. Os plans anuais serán aprobados polas direccións xerais competentes en formación permanente do profesorado.

Artigo 7º.-Os plans de formación dos centros de formación e recursos.

1. Comprenderán a concreción dos plans trianuais para cada curso escolar en cada un dos centros de formación e recursos.

2. Para a súa elaboración teranse en conta as necesidades de formación detectadas polos órganos competentes na formación permanente, as propostas realizadas polo profesorado, os principios establecidos no Plan Marco e as prioridades e directrices elaboradas polas direccións xerais das que depende a formación permanente do profesorado.

3. Serán aprobados polos consellos de formación de cada centro de formación e recursos e, posteriormente, polas direccións xerais competentes en formación permanente do profesorado.

Artigo 8º.-Colaboración con outras institucións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer, nas condicións que se determinen, canles de colaboración en materia de formación do profesorado con outras institucións.

Capítulo III

Avaliación e rexistro da formación

permanente do profesorado

Artigo 9º.-A avaliación dos plans de formación e a da súa repercusión no sistema educativo.

1. A finalidade da avaliación da formación permanente será analizar e contrastar os procesos e resultados obtidos no desenvolvemento da formación. Será un proceso sistemático e formativo.

2. Para a análise dos procesos e resultados da avaliación dos plans de formación, ao final de cada curso escolar, o Servizo de Formación do Profesorado e os centros de formación e recursos elaborarán unha memoria na que se contemple a valoración sobre a súa actuación no seu ámbito de formación con indicación:

a) Do grao de consecución dos obxectivos propostos.

b) Das actividades executadas.

c) Das actividades desenvolvidas pero non planificadas.

d) Dos niveis de participación do profesorado.

e) Das necesidades ou demandas de formación detectadas.

f) Das iniciativas de innovación educativa emprendidas.

g) Da valoración dos recursos empregados.

h) Das propostas de mellora para a planificación, a organización, o desenvolvemento e a coordinación da formación para o futuro.

3. Coa información obtida, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elaborará e difundirá un informe anual que contemple os resultados da formación impartida.

4. Ao remate de cada plan trianual de formación permanente do profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constituirá unha comisión para realizar a avaliación da formación impartida e da súa repercusión no sistema educativo. Arbitraranse as medidas necesarias para que o profesorado participe nesta avaliación.

Artigo 10º.-Rexistro da formación permanente do profesorado.

Existirá un rexistro xeral de actividades de formación permanente no Servizo de Formación do Profesorado e un rexistro auxiliar en cada centro de formación e recursos.

Capítulo IV

Órganos competentes en formación permanente

do profesorado

Sección primeira

Órganos competentes en formación permanente

do profesorado

Artigo 11º.-Órganos competentes en formación permanente do profesorado.

1. Os órganos competentes en formación permanente do profesorado son o Servizo de Formación do Profesorado e os centros de formación e recursos.

2. É competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a creación, modificación ou supresión dos centros de formación e recursos.

Sección segunda

O Servizo de Formación do Profesorado

Artigo 12º.-O Servizo de Formación do Profesorado.

É a unidade administrativa responsable da organización e coordinación das accións da formación permanente do profesorado. Nel estarán integrados os asesores e asesoras que se determinen.

Artigo 13º.-Funcións do Servizo de Formación do Profesorado.

Correspóndelle ao Servizo de Formación do Profesorado, baixo a dirección da subdirección xeral, desenvolver as seguintes funcións:

a) Coordinar o desenvolvemento dos plans de formación do profesorado.

b) Coordinar a rede de centros de formación e recursos.

c) Organizar e executar a formación inicial e permanente do persoal adscrito ás estruturas de formación do profesorado.

d) Investigar sobre a formación permanente do profesorado e constituír, para os centros educativos, un referente de apoio, innovación e dinamización educativa.

e) Xestionar os proxectos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria relacionados co seu ámbito de competencia.

f) Promover e xestionar as convocatorias de accións de apoio á formación do profesorado.

g) Calquera outra análoga que lle sexa encomendada dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 14º.-Os asesores e asesoras do Servizo de Formación do Profesorado.

1. Os asesores e asesoras de formación serán persoas funcionarias de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A definición das prazas e os seus perfís profesionais determinaranse a través da normativa que desenvolva o presente decreto.

Artigo 15º.-Funcións dos asesores e asesoras do Servizo de Formación do Profesorado.

Son funcións dos asesores e asesoras as seguintes:

a) Recompilar, actualizar e difundir a información sobre as diferentes áreas de coñecemento e de intervención didáctica e profesional.

b) Participar no deseño e desenvolvemento curricular da súa área ou materia.

c) Coordinar a elaboración dos plans trianuais de formación permanente do profesorado.

d) Organizar e xestionar as actividades das direccións xerais incluídas no Plan Anual de Formación.

e) Colaborar no deseño, planificación e realización de accións de avaliación dos plans de formación do profesorado, así como na apreciación da incidencia de tales plans de formación na mellora da calidade do proceso de ensino-aprendizaxe.

f) Propoñer investigacións e/ou innovacións na formación permanente do profesorado.

g) Propoñer a formulación de acordos ou convenios de colaboración con outras institucións, para a realización de accións de formación permanente do profesorado.

h) Participar naqueloutras funcións de xestión da formación permanente que son competencia do Servizo de Formación do Profesorado.

i) Colaborar na elaboración da memoria do Servizo de Formación do Profesorado.

j) Aqueloutras que, dentro do ámbito das súas competencias, lle sexan encomendadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 16º.-Selección, nomeamento e avaliación.

1. Os asesores e asesoras do Servizo de Formación do Profesorado serán seleccionados mediante concurso público entre o funcionariado de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que determinará os requisitos das persoas candidatas e os criterios de selección.

2. Estas persoas serán nomeadas, en réxime de comisión de servizos e con reserva do posto de traballo de orixe, por un período de tres anos, ampliable a outros tres condicionado á superación dun proceso de avaliación do exercicio da súa actividade. Os dous períodos da comisión de servizos correspóndense coa duración do Plan Marco e dos plans trianuais.

3. O primeiro ano do nomeamento terá a consideración de período de prácticas e a súa valoración positiva resolverá a continuidade no posto.

4. Rematado o período de seis anos, e para poder optar de novo ao desempeño desta función, as persoas asesoras deberán incorporarse ao exercicio da docencia durante dous cursos.

5. O proceso de avaliación destes asesores e asesoras determinarase na normativa que desenvolva o presente decreto.

6. As prazas de asesorías de formación serán consideradas de natureza docente co mesmo recoñecemento para efectos administrativos e de mérito que os cargos asimilados nos centros educativos.

Artigo 17º.-Formación inicial e continua.

1. Os asesores e asesoras seleccionados deberán participar nunha acción de formación inicial que programen as direccións xerais. O seu deseño e duración contemplarase na normativa que desenvolverá este decreto.

2. Así mesmo, deberán participar na formación continuada programada anualmente por estas direccións xerais.

Sección terceira

Os centros de formación e recursos

Artigo 18º.-Os centros de formación e recursos (CFR).

1. Os centros de formación e recursos son as unidades responsables da planificación e organización da formación permanente do profesorado no seu ámbito de actuación e prestan un servizo de apoio ao profesorado que exerce as súas funcións nos niveis educativos non universitarios.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará o número de centros de formación e recursos necesarios, a súa localización e o seu ámbito de actuación.

3. Dependen funcionalmente da dirección xeral da que dependa o Servizo de Formación do Profesorado e organicamente da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente.

4. Na súa estrutura contarán con seccións que posibiliten un maior acercamento da formación aos centros educativos.

5. Estarán integrados polo persoal docente e de administración e servizos que se determine para cada centro de formación e recursos en función do número de centros educativos adscritos, das modalidades de ensinanza que impartan e do número de profesores e profesoras que neles exercen, así como da extensión xeográfica que abranguen e da súa accesibilidade.

Artigo 19º.-Funcións dos centros de formación e recursos.

Son funcións dos centros de formación e recursos:

a) Detectar e recoller as necesidades e demandas de formación nos centros educativos do seu ámbito de actuación e propoñer iniciativas e accións formativas que as satisfagan.

b) Deseñar e desenvolver o plan de formación do profesorado do seu ámbito.

c) Promover accións de formación do profesorado nos centros, encamiñadas a impulsar a investigación educativa, fomentando e apoiando a participación do profesorado en seminarios permanentes, grupos de traballo, proxectos de formación en centros ou calquera outra modalidade de formación.

d) Promover a innovación e as actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado.

e) Promover a elaboración de materiais didácticos e de apoio á acción educativa.

f) Participar en actividades de dinamización social e cultural en colaboración cos centros educativos do seu ámbito de actuación.

g) Proporcionar ao profesorado do seu ámbito territorial un servizo de documentación, elaboración e difusión de material didáctico, así como o acceso ao uso dos recursos pedagóxicos e dos fondos das súas bibliotecas e mediatecas.

h) Promover accións de formación orientadas á normalización lingüística.

i) Colaborar con outras institucións en accións relativas á formación permanente e á innovación educativa.

j) Calquera outra que a Administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.

k) Participar nos estudos e nas accións de avaliación relativos á formación permanente do profesorado.

Artigo 20º.-Organización e funcionamento dos centros de formación e recursos.

1. Para garantir a súa autonomía pedagóxica, así como a súa adecuación ao contorno, os centros de formación e recursos deberán elaborar o seu proxecto específico de centro no que quedarán definidos, cando menos, os principios de actuación, os procesos que orienten as súas propostas anuais, os procesos de avaliación, a estrutura organizativa e responsabilidades, a normativa interna de funcionamento, a coordinación cos centros adscritos e coas persoas coordinadoras de formación nos centros, a normativa de uso e préstamo dos recursos e o proceso de detección de necesidades.

2. O proxecto de centro será elaborado polo equipo de asesores e asesoras de formación baixo a coordinación do director ou directora, aprobarase polo Consello de Formación e, posteriormente, pola dirección xeral competente.

Artigo 21º.-Os órganos de goberno dos centros de formación e recursos.

1. Os órganos de goberno dos centros de formación e recursos terán carácter unipersoal e colexiado.

2. Son órganos unipersoais a dirección e a secretaría e colexiados o Consello de Formación e o equipo de asesores e asesoras de formación.

3. Os cargos de dirección e secretaría e as prazas das asesorías de formación serán considerados de natureza docente co mesmo recoñecemento a efectos administrativos e de mérito que os cargos asimilados nos centros educativos.

Artigo 22º.-A dirección dos centros de formación e recursos.

1. O director ou directora é a persoa responsable do centro de formación e recursos e representante da Administración educativa.

2. Será seleccionada mediante concurso público entre o funcionariado de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que determinará os requisitos das persoas candidatas e os criterios de selección.

3. As persoas directoras serán nomeadas, en réxime de comisión de servizos e con reserva do posto de traballo de orixe, por un período de tres anos, ampliable a outros tres condicionado á superación dun proceso de avaliación do exercicio da súa actividade. Os dous períodos da comisión de servizos correspóndense coa duración do Plan Marco e dos plans trianuais.

4. O primeiro ano do nomeamento terá a consideración de período de prácticas e a súa valoración positiva resolverá a continuidade no posto.

5. Rematado o período de seis anos, e para poder optar de novo ao desempeño desta función, as persoas directoras deberán incorporarse ao exercicio da docencia durante dous cursos.

6. A persoa titular das direccións dos centros de formación e recursos deberá participar nunha acción de formación inicial que programe a dirección xeral. O seu deseño e duración contemplarase na normativa que desenvolverá este decreto.

7. O proceso de avaliación dos directores ou directoras dos centros de formación e recursos determinarase na normativa que desenvolva o presente decreto.

Artigo 23º.-Funcións da dirección dos centros de formación e recursos.

Correspondelle á persoa titular da dirección dos centros de formación e recursos o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) Exercer a xefatura de todo o persoal adscrito ao centro.

b) Representar oficialmente o centro.

c) Visar as certificacións e documentos oficiais do centro.

d) Promover a formación continuada do equipo de asesores e asesoras de formación, sen prexuízo das súas competencias e das do Consello de Formación.

e) Dirixir e coordinar o Plan de Formación do Profesorado do Centro de Formación e Recursos e as actividades do centro.

f) Coordinar a avaliación dos programas pertinentes no ámbito do centro.

g) Convocar e presidir as reunións do equipo de asesores e asesoras de formación e do Consello de Formación.

h) Facilitar a coordinación co resto do centros de formación e recursos e outras institucións da súa demarcación que poidan favorecer a realización das actividades de formación.

i) Elevar unha memoria anual aos servizos correspondentes da dirección xeral competente sobre as actividades e situación xeral do centro.

j) En materia de persoal, contratación e autorización de gasto, correspóndenlle idénticas competencias que ás direccións de centros docentes non universitarios.

k) Calquera outra que lle sexa atribuída pola administración educativa, dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 24º.-A secretaría dos centros de formación e recursos.

1. O secretario ou secretaria será nomeado, por proposta da dirección do centro e unha vez oído o equipo asesor, polo delegado ou delegada da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia por un período de tres anos renovables.

2. Deberá ser un membro do devandito equipo de asesores e asesoras de formación e terá dereito á redución horaria correspondente.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer, dentro do seu horario de asesoría, o tempo dedicado a esta actividade.

4. Ademais das causas de cesamento que se determinen a través da normativa que desenvolva o presente decreto, o secretario ou secretaria cesará, en todo caso, ao rematar o seu nomeamento como asesor ou asesora.

Artigo 25º.-Funcións da secretaría dos centros de formación e recursos.

A persoa responsable da secretaría do centro de formación e recursos desenvolverá as seguintes funcións:

a) As da dirección na súa ausencia.

b) A organización administrativa do centro de acordo coa dirección.

c) Actuar como secretario ou secretaria, con voz e sen voto, nas reunións do Consello de Formación.

d) Custodiar os libros de actas, de contabilidade, de rexistro de actividades de formación, de participantes e certificacións, rexistro de inventario e os arquivos do centro.

e) Expedir as certificacións propias do cargo.

f) Confeccionar o inventario do centro e mantelo actualizado.

g) Calquera outra función que lle encomende a dirección dentro do seu ámbito de competencia ou que estableza o regulamento de réxime interno.

Artigo 26º.-O equipo de asesores e asesoras dos centros de formación e recursos.

O equipo de asesores e asesoras de formación estará composto pola persoa titular da dirección do centro, o secretario ou secretaria do centro que actuará como tal e os asesores e asesoras de formación que se determinen para cada centro de formación e recursos.

Artigo 27º.-Funcións do equipo de asesores e asesoras dos centros de formación e recursos.

Son funcións do equipo de asesores e asesoras as seguintes:

a) Deseñar as accións de formación permanente do profesorado.

b) Elaborar o proxecto de centro e a memoria anual.

c) Avaliar a formación realizada.

d) Planificar a detección de necesidades de formación do profesorado.

e) Elixir a súa representación no Consello de Formación.

Artigo 28º.-Os asesores e asesoras de formación.

1. Os asesores e asesoras de formación serán funcionarios e funcionarias de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Terán competencias de carácter xeneralista e de especialidade en función do perfil requirido para a súa selección e a competencia suficiente para desenvolver o seu traballo no idioma galego.

3. Os perfís de asesoría serán os seguintes:

a) Área ou ámbito de educación infantil.

b) Área ou ámbito de educación primaria.

c) Área ou ámbito de lingua francesa.

d) Área ou ámbito de lingua inglesa.

e) Área ou ámbito de lingua galega.

f) Área ou ámbito de lingua castelá.

g) Área ou ámbito científico/tecnolóxico.

h) Área ou ámbito matemático.

i) Área ou ámbito humanístico.

j) Área ou ámbito de integración e orientación.

k) Área ou ámbito da educación artística.

l) Área ou ámbito da educación física.

m) Área da tecnoloxía da información e da comunicación.

n) Área ou ámbito de formación profesional.

o) Área ou ámbito de educación en valores.

p) Área ou ámbito de bibliotecas escolares.

4. Correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a determinación doutras áreas ou ámbitos de asesoramento dos centros de formación e recursos, e a supresión ou modificación das anteriormente sinaladas.

Artigo 29º.-Selección e nomeamento dos asesores e asesoras dos centros de formación e recursos.

1. As persoas asesoras do equipo de formación serán seleccionadas mediante concurso público entre o funcionariado de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que determinará os requisitos das persoas candidatas e os criterios de selección.

2. Serán nomeadas, en réxime de comisión de servizos e con reserva do posto de traballo de orixe, por un período de tres anos, ampliable a outros tres

condicionado á superación dun proceso de avaliación do exercicio da súa actividade. Os dous períodos da comisión de servizos correspóndense coa duración do Plan Marco e dos plans trianuais.

3. O primeiro ano do nomeamento terá a consideración de período de prácticas e a súa valoración positiva resolverá a continuidade no posto.

4. Rematado o período de seis anos, e para poder optar de novo ao desempeño desta función, as persoas asesoras deberán incorporarse ao exercicio da docencia durante dous cursos.

5. O proceso de avaliación dos asesores e asesoras dos centros de formación e recursos determinarase na normativa que desenvolva o presente decreto.

6. As prazas das asesorías de formación consideraranse de natureza docente co mesmo recoñecemento para efectos administrativos e de mérito que os cargos asimilados nos centros educativos.

Artigo 30º.-Formación inicial e continua dos asesores e asesoras dos centros de formación e recursos.

1. Os asesores e asesoras seleccionados deberán participar nun curso de formación inicial que programe a dirección xeral. O seu deseño e duración contemplarase na normativa que desenvolva este decreto.

2. Así mesmo, deberán participar na formación continuada programada anualmente polas direccións xerais e desenvolver o plan de formación interna propia do seu centro.

Artigo 31º.-Funcións dos asesores e asesoras dos centros de formación e recursos.

Son funcións dos asesores e asesoras de formación:

a) Deseñar e elaborar as acción de formación do profesorado do centro de formación e recursos.

b) Planificar e deseñar a detección de necesidades de formación do profesorado.

c) Participar na elaboración, xestión, desenvolvemento, aplicación e avaliación da programación anual e as actividades do centro.

d) Apoiar e asesorar o profesorado dos centros docentes do seu ámbito de actuación.

e) Participar en todos aqueles programas que estableza a dirección xeral competente, especialmente naqueles que garden relación co seu perfil profesional.

f) Colaborar na xestión administrativa e na organización do centro.

g) Desenvolver funcións docentes nas actividades de formación permanente do profesorado.

h) Participar na elaboración e difusión dos materiais que resulten do desenvolvemento das diferentes modalidades de formación.

i) Visitar periodicamente os centros educativos e manter reunións co seu profesorado para fomentar a formación permanente e, especialmente, cos coordinadores e coordinadoras de formación.

j) Colaborar na realización do inventario, adquisición, organización, préstamo, mantemento, difusión e xestión dos recursos do centro.

k) Promover, impulsar e colaborar nas actividades necesarias para acadar os obxectivos fixados na área do ensino no Plan Xeral de Normalización Lingüística.

l) Cantas outras lles atribúan os órganos competentes da consellería, dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 32º.-Persoal de administración e servizos dos centros de formación e recursos.

Os centros de formación e recursos terán asignado o persoal de administración e servizos necesario para o desempeño das súas funcións e a atención ao público.

Artigo 33º.-O Consello de Formación dos centros de formación e recursos.

1. O Consello de Formación dos centros de formación e recursos estará constituído por:

a) A persoa titular da dirección que exercerá a presidencia.

b) O secretario ou secretaria do centro de formación e recursos que actuará como secretario ou secretaria con voz e sen voto.

c) Dous asesores ou asesoras elixidos polo equipo asesor de formación de entre os seus membros.

d) Unha persoa representante do Servizo de Inspección Educativa designada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) Tres coordinadores ou coordinadoras de formación do profesorado, elixidos polas persoas coordinadoras de formación da zona, de tal forma que aparezan representados os diferentes réximes de ensinanza.

f) Unha persoa representante dos movementos de renovación pedagóxica.

g) Dúas persoas que representen ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente.

2. En caso de ausencia da presidencia, asumirá a súa función o asesor ou asesora en quen delegue a dirección de entre os membros do Consello de Formación elixidos en representación do equipo asesor de formación.

3. Os membros electos do Consello de Formación renovaranse cada catro anos.

Artigo 34º.-Funcións do Consello de Formación.

Correspondelle ao Consello de Formación:

a) Contribuír á detección das necesidades de formación do profesorado da zona e á elaboración e difusión do seu programa de actuación.

b) Aprobar a proposta de Plan de Formación do Profesorado para cada curso escolar.

c) Aprobar o proxecto de centro do centro de formación e recursos.

d) Aprobar o programa de actuación anual do centro, tendo en conta as directrices da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) Aprobar a memoria anual de actividades do centro e os informes de avaliación pertinentes.

f) Supervisar a actividade xeral do centro nos aspectos administrativos, económicos e académicos.

g) Cantas outras lle atribúa o proxecto de centro.

Capítulo V

A coordinación da formación

nos centros educativos

Artigo 35º.-O coordinador ou coordinadora de formación nos centros educativos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións nas que os centros educativos que impartan ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas de réxime especial e educación de persoas adultas designarán o coordinador ou coordinadora de formación do profesorado do seu centro.

2. A persoa coordinadora de formación do profesorado será docente, con destino definitivo no centro educativo e elixida polo claustro do profesorado. Desempeñará as súas funcións durante un período de tres anos, renovable, se é o caso, e cesará ao final deste ou cando se dea algunha das causas recollidas nos artigos 59 ou 76 dos regulamentos orgánicos das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos institutos de educación secundaria, respectivamente, e no artigo 26 do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados.

3. Cando se produza o cesamento da persoa coordinadora de formación antes de finalizar o prazo para o que foi designada, seguirase o procedemento sinalado no punto anterior.

4. O desempeño desta función terá o mesmo recoñecemento para efectos administrativos e de mérito que os cargos de xefatura de departamento ou de coordinación docente establecidos nos respectivos regulamentos orgánicos. Así mesmo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer, dentro do horario xeral do profesorado, o tempo dedicado a esta actividade.

5. A persoa coordinadora de formación deberá participar nunha actividade de formación que convocarán os centros de formación e recursos ao inicio do curso escolar, sen detrimento das de seguimento e dos posibles encontros que se poidan programar.

6. Nos centros privados concertados a designación da persoa coordinadora de formación do profesorado levarase a cabo entre o colectivo docente dos niveis concertados de acordo co establecido na súa lexislación específica.

Artigo 36º.-Funcións da persoa coordinadora de formación.

Correspóndelle á persoa coordinadora de formación, baixo a dirección da xefatura de estudos, a realización das seguintes funcións:

a) Colaborar co centro de formación e recursos na planificación e realización das actividades de formación no propio centro.

b) Promover a reflexión, o intercambio de experiencias e a resolución de problemas relacionados coa formación entre o profesorado do centro.

c) Planificar e organizar as actividades de formación do profesorado realizadas polo centro.

d) Recoller as necesidades de formación detectadas no centro e canalizalas ao centro de formación e recursos.

e) Propiciar os apoios demandados polo centro en canto a recursos pedagóxicos e didácticos que poidan facilitar os centros de formación e recursos ou outras institucións formativas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Como consecuencia da modificación do perfil das prazas de asesoría nas estruturas de formación do profesorado que establece o presente decreto, para o próximo curso académico 2006-2007 sairán a concurso todas as prazas das citadas estruturas.

Segunda.-Resultará de aplicación ás persoas directoras dos centros de formación e recursos o Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico de dirección de centros escolares públicos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para os efectos da selección do persoal, poderá participar o funcionariado docente que reúna os requisitos que se establezan en desenvolvemento dos artigos 16º, 22º e 29º do presente decreto, incluídos os que actualmente están prestando servizos nas estruturas de formación permanente do profesorado.

Segunda.-A provisión das asesorías previstas no artigo 28º do presente decreto realizarase progresivamente, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias. En tanto non se cubran todas as asesorías, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá convocar prazas de asesores e asesoras que agrupen a máis dun perfil.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 245/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar, dentro do ámbito das súas competencias, as normas precisas para a aplicación e o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria