DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 15 de xuño de 2006 Páx. 9.583

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, marcou un punto de inflexión importante dentro da regulación deste sector, posto que veu homoxeneizar toda a normativa existente, permitindo a libre iniciativa empresarial e dotando de seguridade xurídica realidades técnicas e mercantís que na lexislación anterior non tiñan cabida. Esta apertura e liberalización da actividade como tal non impide, non entanto que as administracións competentes poidan levar un control das instalacións afectas a estas actividades, control que para as instalacións que desenvolven a actividade de distribución polo miúdo recollida no artigo 43 se realizará mediante a súa inscrición no conseguinte rexistro. O anterior resulta xustificado tendo en conta a natureza dos produtos que son manexados, que certamente requiren unha especial atención.

En íntima relación co anterior, a Lei 34/1998 prevé, no seu artigo 44, que «as comunidades autónomas constituirán un Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos no cal deberán estar inscritas todas aquelas instalacións en que se desenvolve esta actividade no seu ámbito territorial, logo de acreditación de que cumpren os requisitos legais e regulamentarios que resulten exixibles». Ao mesmo tempo créase un rexistro de iguais características na Administración xeral do Estado, tendo aínda que ser desenvolvido regulamentariamente o procedemento de comunicación de datos entre este e o existente nas diferentes administracións autonómicas.

Ademais, o Regulamento de instalacións petrolíferas, aprobado polo Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, e modificado polo Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro, dispón no seu artigo sexto que só as instalacións relacionadas cos artigos 39, 40 e 42 da Lei 34/1998 requiren autorización administrativa, substituíndo este requisito pola inscrición no rexistro exixido polo artigo 44 da Lei de hidrocarburos no caso das instalacións afectas á actividade de distribución polo miúdo regulada polo artigo 43.

Neste sentido, as disposicións desta norma regulamentaria encádranse dentro do dito mandato legal, entendendo que a experiencia adquirida nestes anos pon de manifesto que os beneficios da creación deste Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo mellorará considerablemente a xestión e o control deste sector no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, mediante o artigo 30.1º 2 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autó

noma de Galicia asume as competencias exclusivas en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Capítulo I

Rexistro de Instalacións de Distribución polo

Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto a creación do Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos, así como a súa regulación e a dos diferentes procedementos de inscrición.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta orde será de aplicación ás instalacións en que se desenvolva a actividade da distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos situadas no ámbito de Galicia e que se inclúan en calquera das seguintes epígrafes:

a) Instalacións de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos a vehículos en instalacións habilitadas para o efecto, tales como estacións de servizo e unidades de subministración.

b) Instalacións de subministración a instalacións fixas para o seu consumo na propia instalación.

c) Instalacións de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos a vehículos que pertencen a un conxunto de propietarios, tales como sociedades cooperativas e estacións de autobuses.

d) Instalacións de subministración de queroseno con destino á aviación.

e) Instalacións de subministración de combustibles a embarcacións.

2. Nunha mesma instalación non se poderá desenvolver máis dunha actividade das recollidas no punto 1 deste artigo.

3. A inscrición neste rexistro será condición necesaria para a posta en funcionamento das instalacións, sen prexuízo doutras inscricións e/ou autorizacións que sexan necesarias de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3º.-Competencia.

1. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de industria a xestión do rexistro, así como a competencia para a adopción das resolucións de inscrición, modificación, baixa e revogación da inscrición no rexistro.

2. Contra as ditas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, perante o conselleiro competente en materia de Industria, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º.-Titularidade e responsabilidade.

1. Para efectos administrativos, considerarase titular das instalacións ás cales se refire esta orde a persoa física ou entidade xurídica encargada da súa explotación, a cuxo nome deberá figurar obrigatoriamente neste rexistro con independencia de quen teña a propiedade das ditas instalacións.

2. No caso de tratarse dunha sociedade, no obxecto social da mesma sociedade terá que figurar explicitamente a actividade desenvolvida na instalación obxecto da inscrición.

3. Os titulares das instalacións incluídas nesta orde serán responsables do seu mantemento en correcto estado de funcionamento, así como de que cumpren os requisitos técnicos e de seguridade que as afecten, sen prexuízo da lexislación de protección do ambiente aplicable.

Capítulo II

Organización e contido do rexistro

Artigo 5º.-Organización do rexistro.

O rexistro regulado nesta orde estará dividido nas seguintes seccións:

Sección I. Estacións de servizo. Nesta sección estarán incluídas as instalacións ás cales se refire o artigo 2º, punto 1 a.

Sección II. Distribuidores ou gasocentros. Nesta sección incluiranse as instalacións ás cales se refire o artigo 2º, punto 1 b.

Sección III. Subministración a vehículos dun conxunto de propietarios. Nesta sección incluiranse as instalacións ás cales se refire o artigo 2º, punto 1 c.

Sección IV. Subministración a buques e aeronaves. Nesta sección incluiranse as instalacións ás cales se refire o artigo 2º, puntos 1 d e 1 e.

Artigo 6º.-Contido do rexistro.

No Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo constarán os seguintes datos:

a) Datos relativos ao titular.

1. Nome ou razón social.

2. Número de identificación fiscal/CIF.

3. Domicilio, teléfono e fax.

4. Correo electrónico, se existe.

b) Datos relativos á instalación.

1. Número de inscrición neste rexistro e data de inscrición.

2. Número de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

3. Situación da instalación.

4. Depósitos, cos seus datos de capacidade e produto asociado.

5. De ser o caso, aparellos dispensadores e número de mangueiras asociadas a cada tipo de produto.

6. Operador autorizado para a subministración, indicando se é subministración en exclusiva.

7. Bandeira da instalación, de contar con ela.

8. Subministración de gases licuados do petróleo, se existe.

Artigo 7º.-Codificación do rexistro.

A clave de inscrición no rexistro obxecto desta orde será, para cada unha das seccións, a seguinte:

Sección I. Estacións de servizo. ES-G-XXX, sendo XXX un contador numérico.

Sección II. Distribuidores ou gasocentros. SD-G-XXX, sendo XXX un contador numérico.

Sección III. Subministración a vehículos dun conxunto de propietarios. CB-G-XXX, sendo XXX un contador numérico.

Sección IV. Subministración a buques e aeronaves. PA-G-XXX, sendo XXX un contador numérico.

A dita clave de rexistro será a única válida para identificar a instalación nas súas relacións, tanto coa Administración autonómica coma co público en xeral, polo que é obrigatorio que a mesma clave se faga constar na publicidade da instalación.

Artigo 8º.-Acceso aos datos do rexistro.

1. Os interesados poderán acceder aos datos incluídos no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de conformidade co establecido no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal.

2. Os titulares das instalacións inscritas poderán solicitar da dirección xeral competente en materia de industria a expedición de certificados sobre os datos relativos ao seu propio establecemento.

3. Así mesmo, a dirección xeral competente en materia de industria poderá, nas condicións fixadas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, difundir información

que lles permita aos cidadáns ou a outras administracións ou entidades ter coñecemento do sector.

Capítulo III

Procedementos de comunicación de datos

Artigo 9º.-Inscrición.

1. Os titulares das instalacións que deban ser obxecto de inscrición conforme o disposto nesta orde dirixirán a súa solicitude de inscrición á dirección xeral competente en materia de industria.

2. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) NIF do particular ou CIF da sociedade titular da instalación.

b) Escritura de constitución da sociedade.

c) Acreditación do dereito sobre os terreos.

d) Licenza municipal de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

e) Plano topográfico de situación e referencia catastral das instalacións.

f) Plano de planta das instalacións mecánicas.

g) Contrato de abastecemento con operador autorizado, incluíndo as datas de inicio e remate e especificando se é subministración en exclusiva e se implica abandeiramento.

h) Acta de posta en marcha, da delegación provincial de industria correspondente.

i) Follas de comunicación de datos ao Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, incluída a folla de maquinaria, debidamente seladas.

j) Acta de conformidade do organismo competente en materia de estradas, en caso de ser necesario.

k) Documentación dos vehículos destinados ao transporte de combustibles ou carburantes, incluíndo o ADR, a tarxeta da ITV e o permiso de circulación, só para a sección II.

l) Xustificante de aboamento das taxas administrativas correspondentes.

3. Toda a documentación presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

4. As instalacións situadas a ambas as marxes dunha estrada inscribiranse por separado neste rexistro, para o que presentarán solicitudes acompañadas, cada unha delas, polo especificado no punto 2 deste artigo, dando lugar a un número de inscrición para cada marxe.

Artigo 10º.-Modificacións.

1. Os titulares das instalacións obxecto de inscrición terán a obriga de comunicar cantas modificacións se produzan nos datos achegados con posterioridade á súa inscrición, no prazo dun mes desde que se produzan, sendo responsables da veracidade dos mesmos datos.

2. No caso dun cambio de titularidade, os novos titulares das instalacións obxecto de inscrición no rexistro creado conforme o disposto nesta orde dirixirán a súa solicitude de cambio de titularidade á dirección xeral competente en materia de industria, achegando coa mesma solicitude a seguinte documentación:

a) NIF do particular ou CIF da sociedade nova titular da instalación.

b) Escritura de constitución da sociedade.

c) Contrato de arrendamento ou venda, ou autorización asinada polo antigo titular para o cambio de titularidade.

d) Contrato de abastecemento con operador autorizado, incluíndo as datas de inicio e remate e especificando se é subministración en exclusiva e se implica abandeiramento.

e) Follas de comunicación de datos ao Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, incluída a folla de maquinaria, debidamente seladas.

f) Documentación dos vehículos destinados ao transporte de combustibles ou carburantes, incluíndo o ADR, a tarxeta da ITV e o permiso de circulación, só para a sección II.

g) Xustificante de aboamento das taxas administrativas correspondentes.

3. No caso dunha ampliación, os titulares das instalacións obxecto de inscrición no rexistro creado conforme o disposto nesta orde dirixirán a súa solicitude de modificación á dirección xeral competente en materia de industria, achegando coa mesma solicitude a seguinte documentación:

a) NIF do particular ou CIF da sociedade titular da instalación.

b) Acta de posta en marcha, da delegación provincial de industria correspondente.

c) Follas de comunicación de datos ao Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, incluída a folla de maquinaria, debidamente seladas.

d) Plano de planta das instalacións mecánicas despois da ampliación.

e) Xustificante de aboamento das taxas administrativas correspondentes.

4. No resto dos casos, tales como redución da instalación e cambio de operador e/ou bandeira, os titulares das instalacións obxecto de inscrición no rexistro creado conforme o disposto nesta orde dirixirán a súa solicitude de modificación á dirección xeral competente en materia de Industria, achegando coa mesma solicitude a documentación que reflicta a modificación.

5. Toda a documentación presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 11º.-Actualización periódica dos datos rexistrais.

Os titulares das instalacións comprendidas no ámbito de aplicación desta orde terán a obriga de actualizar, cada cinco anos, os datos rexistrais correspondentes; isto con independencia de que se teñan producido ou non modificacións no transcurso do período.

A dita actualización realizarase mediante a achega da folla de actualización de datos que figura como anexo I a esta orde antes da data en que se cumpra o prazo establecido no parágrafo anterior, e non comportará taxa administrativa ningunha.

Nos casos en que unha mesma inscrición faga referencia a unha instalación situada a ambas as marxes dunha estrada, remitirase unha folla de actualización de datos por cada marxe.

Se os datos que figuran na folla de actualización non concordan cos datos existentes no rexistro na data de actualización, iniciarase de oficio o correspondente expediente de modificación da inscrición no rexistro, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 12º.-Baixa.

1. No caso en que os titulares das instalacións que fosen obxecto de inscrición neste rexistro teñan decidido dalas de baixa, estarán obrigados a deixar fóra de servizo toda a instalación, incluíndo os tanques de almacenamento de produtos petrolíferos líquidos, segundo os procedementos recollidos na lexislación de aplicación, e a comunicalo ao rexistro no prazo dun mes mediante a correspondente solicitude de baixa.

2. Os titulares dirixirán a súa solicitude de baixa das instalacións á dirección xeral competente en materia de industria, achegando coa mesma solicitude a seguinte documentación:

a) NIF do particular ou CIF da sociedade titular da instalación.

b) Documentación que reflicta a posta fóra de servizo de toda a instalación, incluíndo os tanques de almacenamento de produtos petrolíferos líquidos, segundo o procedemento recollido na lexislación de aplicación.

3. Toda a documentación presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 13º.-Solicitudes.

1. Os modelos de solicitude, que se publican como anexo II a esta orde, estarán dispoñibles na dirección xeral competente en materia de industria, nas delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria e na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/apps/gdp/benvidos.do).

2. As solicitudes, segundo o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderán ser presentadas:

a) No rexistro da dirección xeral competente en materia de industria.

b) Nos rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas, ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se tivese subscrito o oportuno convenio.

c) Nas oficinas de correos, na forma que regulamentariamente se estableza.

d) Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

e) En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

Artigo 14º.-Tramitación das solicitudes.

No trámite das solicitudes observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Capítulo IV

Revogación da inscrición e réxime sancionador

Artigo 15º.-Revogación da inscrición.

1. Non cumprir calquera dos requisitos ou das condicións reguladas nesta orde, que serviron de base para as inscricións no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo, así como non cumprir co resto da lexislación vixente, constituirá causa de revogación da inscrición practicada.

2. O expediente de revogación tramitarase en procedemento contraditorio segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Cando a revogación sexa firme na vía administrativa, os titulares das instalacións estarán obrigados a deixar fóra de servizo toda a instalación, incluíndo os tanques de almacenamento de produtos petrolíferos líquidos, segundo os procedementos recollidos na lexislación de aplicación. O prazo para cumprir a dita obriga será de tres (3) meses contados desde a data da notificación da resolución de revogación.

Artigo 16º.-Réxime sancionador.

Non cumprir as disposicións desta orde será motivo de apertura de expediente sancionador de conformidade co disposto no título VI da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos. Para

o non previsto na citada lei, atenderase ao disposto no título V da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, ou ao disposto no título III da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores a que fai referencia o punto anterior corresponderá á dirección xeral competente en materia de industria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Lexislación que hai que cumprir e inscrición noutros rexistros.

Cumprir co especificado nesta orde non eximirá os titulares das inscricións de cumprir co resto da lexislación de aplicación ás instalacións obxecto desta orde, en particular do disposto no Regulamento de instalacións petrolíferas e as súas instrucións técnicas complementarias, aprobado polo Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, e modificado polo Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro, e co disposto na lexislación sobre control metrolóxico e sobre especificacións dos combustibles e carburantes servidos de aplicación en cada caso.

A inscrición prevista nesta orde non suporá exención ningunha respecto á obriga de estar inscritos noutros rexistros, de conformidade coa lexislación que en cada suposto resulte de aplicación.

Segunda.-Remisión de datos ao rexistro de ámbito estatal.

A dirección xeral en materia de industria remitirá mensualmente información actualizada do Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo ao ministerio competente en materia de industria, de conformidade co previsto no artigo vixésimo sétimo do Real decreto lei 5/2005, do 11 de marzo, de reformas urxentes para o impulso da produtividade e para a mellora da contratación pública.

Terceira.-Medidas de comprobación.

Co fin de comprobar a correcta medición das cantidades subministradas, as instalacións que se inclúen dentro da sección I deste rexistro disporán, como medida de comprobación, dun recipiente ou vasilla de 10 litros de capacidade, sen prexuízo das vasillas que, en número, tipo e composición, se establezan nas normas metrolóxicas como necesarias para a verificación de aparellos dispensadores. O recipiente de medida de 10 litros anteriormente citado estará certificado e calibrado oficialmente, coa periodicidade que estableza a lexislación de aplicación, para garantir a fiabilidade da medida. Na falta de disposición sobre a súa composición, esta será dun material con resistencia mecánica ao ataque químico, totalmente transparente, e estará graduado en tantos por cento ou en milímetros, para os efectos de determinar que se cumpren as normas metrolóxicas aplicables en canto a erros máximos tolerados nos aparellos dispensadores.

Disposición transitoria

Única.-Instalacións existentes.

Os titulares das instalacións de distribución polo miúdo, que no momento de entrar en vigor esta orde

xa tivesen sido autorizadas ou inscritas de forma definitiva nalgún dos rexistros que figuran a continuación, remitirán á dirección xeral competente en materia de industria unha copia da resolución de autorización e/ou inscrición definitiva, a folla de actualización de datos que figura como anexo I a esta orde e os últimos planos da instalación existentes (ver o artigo 9º), nun prazo de seis (6) meses contados desde a entrada en vigor desta orde.

Para a sección I:

* Registro de Instalaciones de Venta al por Menor de Gasolinas y Gasóleos de Automoción.

* Rexistro de Instalacións de Venda polo Miúdo de Gasolinas e Gasóleos de Automoción.

* Rexistro de Instalacións para a Distribución polo Miúdo de Carburantes e Combustibles Petrolíferos de Venda ao Público.

Para a sección II:

* Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo mediante Subministracións Directas a Instalacións Fixas, de Carburantes e Combustibles Petrolíferos.

* Rexistro de Distribuidores+Rexistro Industrial da instalación desde a que se exerce a actividade.

Para as seccións III e IV:

* Rexistro Industrial.

Nos casos en que unha mesma autorización/inscrición faga referencia a unha instalación situada a ambas marxes dunha estrada, remitirase unha folla de actualización de datos por cada marxe.

As instalacións de distribución polo miúdo existentes que no momento de entrar en vigor esta orde non tivesen sido autorizadas ou inscritas de forma definitiva nalgún dos rexistros indicados, terán un prazo de tres (3) meses contados desde a entrada en vigor desta orde para solicitar a súa inscrición neste rexistro.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogada calquera disposición de igual ou inferior rango no que se opoña ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral competente en materia de industria para modificar os anexos contidos nesta norma regulamentaria, así como para ditar cantos actos sexan necesarios para a súa aplicación.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA