DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 15 de xuño de 2006 Páx. 9.582

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 5 de xuño de 2006 pola que se regula o procedemento para exercer a opción de integración prevista na disposición adicional décimo cuarta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

A disposición adicional décimo cuarta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, engadida pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, establece, no seu punto 1, que os funcionarios e funcionarias de carreira ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes dos corpos e escalas de asistentes sociais, integrados/as no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, poderán voluntariamente optar por se integraren no corpo de xestión de Administración xeral da Xunta de Galicia ou ben por pasaren á condición de persoal laboral fixo da categoría de asistente social (17), do grupo II, do vixente IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

No punto terceiro da mesma disposición adicional, a lei establece que mediante orde desta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, regularanse os termos e as condicións para os efectos da opción de integración.

Na súa virtude, esta consellería no uso das competencias que lle atribúe a antedita disposición da Lei 4/1988, do 26 de maio, e co informe favorable da comisión de persoal

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular os termos e as condicións da opción de integración dos funcionarios e funcionarias ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes de corpos e escalas de asistentes sociais, actualmente integrados/as no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, de conformidade co punto 1 da disposición adicional décimo cuarta, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Segundo.-Opción de integración.

Os funcionarios e funcionarias aos que se refire esta orde, calquera que sexa a situación administrativa na que se encontren, poderán solicitar a súa integración no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (grupo B) ou ben como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia da categoría 17, do grupo II, do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Solicitudes.

As solicitudes exercitando a opción de integración dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, podendo presentarse nas oficinas de rexistro da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-Resolución.

Rematado o prazo previsto no punto anterior, unha vez comprobado que os solicitantes reúnen os requisitos, efectuarase a integración no corpo ou na categoría e grupo elixido, mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

A consellería de destino do/a funcionario/a efectuará a correspondente dilixencia, procedéndose á súa inscrición no rexistro de persoal da Xunta de Galicia.

Quinto.-Destino.

Os/as funcionarios/as integrados/as, de acordo co disposto nos artigos precedentes, continuarán adscritos/as ao mesmo posto que, de ser o caso, ocupen con carácter definitivo, computándose o tempo de desempeño neste para os efectos de promoción profesional e provisión de postos de traballo como persoal funcionario ou laboral, segundo proceda, percibindo as retribucións correspondentes de acordo coa súa antigüidade.

Sexto.-Integración como persoal laboral.

Os/as funcionarios/as que opten pola integración entre o persoal laboral fixo da categoría 17, do grupo II do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, quedarán no seu corpo de procedencia, na situación administrativa de excedencia voluntaria por incompatibilidade, segundo o disposto no artigo 7.1º do Decreto 92/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de situacións administrativas.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza