DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 13 de xuño de 2006 Páx. 9.414

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 24 de maio de 2006 pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da consolidación de grao persoal para determinadas categorías de persoal estatutario fixo.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro (BOE do 17 de decembro), do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece as bases da provisión de prazas do referido persoal e insta as comunidades autónomas a aprobar, en desenvolvemento dela, os estatutos e demais normas aplicables nos respectivos servizos de saúde.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, estas bases deben complementarse coas previsións que sobre a mesma materia contén a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, a cal, polo demais, habilita o Consello da Xunta para aprobar, mediante decreto, o réxime estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde.

Coa finalidade de desenvolver as previsións nos ditos textos legais citados, ditouse o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, que na súa disposición adicional novena recoñece o dereito á consolidación do grao persoal nas categorías do grupo de xestión e servizos e do grupo de persoal sanitario para cuxo acceso sexa requirida unha titulación de formación profesional, polo desempeño dun ou máis postos do nivel correspondente. En consecuencia, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer o procedemento de recoñecemento de grao persoal regulado polas disposicións adicionais novena e décima e transitoria segunda do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Ámbito subxectivo.

Terá dereito ao recoñecemento de grao a que se refire o artigo anterior o persoal estatutario fixo con destino definitivo en postos de traballo de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde das categorías de xestión e servizos e daquelas sanitarias, para cuxo acceso sexa exixible titulo oficial de formación profesional da rama sanitaria.

Artigo 3º.-Requisitos para o recoñecemento do grao persoal.

Para o recoñecemento do grao, o persoal a que se refire o artigo anterior deberá acreditar os seguintes requisitos:

1. Ter a condición de persoal estatutario fixo nalgunha das categorías dos grupos de xestión e servizos xerais ou nalgunha das categorías sanitarias para cuxo acceso sexa exixible titulación oficial de formación profesional da rama sanitaria.

2. Ter destino definitivo en praza das mentadas categorías do Servizo Galego de Saúde.

3. Ter prestado servizos, como persoal estatutario fixo, nos postos de traballo das citadas categorías ou en postos da relación de postos de traballo de persoal funcionario da Xunta de Galicia, durante o tempo necesario para a consolidación de nivel de conformidade co disposto na disposición adicional novena do Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

Artigo 4º.-Réxime de consolidación de grao.

1. O persoal comprendido no ámbito subxectivo de aplicación da presente orde consolidará un grao persoal polo desempeño dun ou máis postos do nivel correspondente durante dous anos continuados ou tres con interrupción.

O persoal que obtivese destino definitivo nun posto de traballo superior en máis de dous niveis ao correspondente ao seu grao persoal, consolidará cada dous anos de servizos continuados o grao superior en dous niveis ao que posúa, sen que en ningún caso poida superar o correspondente ao do posto desempeñado.

2. O persoal consolidará como grao inicial o básico da correspondente categoría, sen prexuízo do nivel do posto de traballo adxudicado tras a superación do proceso selectivo, cuxa consolidación se producirá nos termos desta disposición.

3. Se o persoal obtivese destino definitivo nun posto de traballo de nivel superior ao grao en proceso de consolidación, o tempo de servizos prestados neste será computado para a consolidación do dito grao.

Se o persoal obtivese destino definitivo nun posto de traballo de nivel inferior ao grao en proceso de consolidación, o tempo de servizos prestados no posto de nivel superior terase en conta para os efectos de consolidación de grao correspondente ao nivel daquel, sen que en ningún caso poida contravirse o disposto no parágrafo 1 do presente artigo.

Sen prexuízo do posto desempeñado, en ningún caso o persoal poderá consolidar graos superiores ao correspondente ao nivel máximo dos postos que poidan ser desempeñados desde a categoría de pertenza como persoal estatutario fixo. Non terán esta condición os desempeñados en situación de promoción interna temporal.

4. Unha vez consolidado o grao inicial, o tempo de servizos prestados en comisión de servizos será computado para consolidar o grao correspondente ao posto desempeñado sempre que se obteña con carácter definitivo ou en virtude de convocatoria pública o dito posto ou outro de igual ou superior nivel.

Se o posto obtido fose de nivel inferior ao desempeñado en comisión pero de superior nivel ao do grao persoal consolidado, o tempo de desempeño en comisión de servizos computarase para a consolidación do grao correspondente ao nivel do posto obtido.

5. O tempo de permanencia nas situacións de servizos especiais computará para os efectos de adquisición do grao persoal.

Do mesmo xeito serán computables os tempos nos que o persoal permaneza en situación de excedencia por coidado de familiares.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. O procedemento para o recoñecemento do grao persoal iniciarase por solicitude do interesado que se acompañará coa seguinte documentación acreditativa:

a) Orixinal ou copia cotexada do nomeamento como persoal fixo das categorías dos grupos de xestión e servizos xerais e sanitarias para cuxo acceso sexa exixible titulación de formación profesional.

b) Última toma de posesión do destino definitivo no Servizo Galego de Saúde.

c) Certificación de servizos prestados en que conste a categoría e os postos desempeñados coa condición de persoal fixo, título en virtude do cal foron ou están a ser desempeñados, período de desempeño e nivel ou niveis que tivesen adscritos os ditos postos ao longo dese período.

d) Copia cotexada da resolución na que conste o último grao persoal que tivese recoñecido, de ser o caso.

2. Recibidas as solicitudes, e logo da comprobación do cumprimento dos requisitos, a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional resolverá sobre a súa procedencia, facendo constar o grao persoal que se consolida e a data dos seus efectos ou desestimará motivadamente a solicitude do interesado.

Da resolución recaída daráselle traslado á dirección do centro de destino para os efectos da súa notificación ao interesado e constancia no seu expediente persoal e, xa que logo, expedirase a correspondente certificación de haberes, de ser o caso.

As certificacións que se realicen con motivo do cesamento dos traballadores na institución recollerán constancia do grao persoal consolidado.

3. As resolucións denegatorias do recoñecemento solicitado poderán ser recorridas en reposición perante a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas.

Artigo 6º.-Efectos do recoñecemento.

A resolución pola que se recoñeza a consolidación dun determinado grao persoal outorgará o dereito ao interesado a percibir o complemento de destino correspondente aos postos de traballo do nivel correspondente ao seu grao persoal, con efectos económicos e administrativos da data de presentación da solicitude estimada pola citada resolución.

Disposición adicional

O grao que tivese acreditado o persoal funcionario que desempeñase praza das institucións sanitarias do Sergas despregará toda a súa eficacia aos efectos do previsto na disposición adicional novena e transitoria segunda do Decreto 206/2005 e da presente orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Como consecuencia da entrada en vigor do procedemento de consolidación de grao persoal e da disposición das adaptacións precisas para a súa implantación, as resolucións que se diten nos procedementos iniciados dentro do ano seguinte á publicación desta orde terán efectos retroactivos á data de entrada en vigor do Decreto 206/2005, do 26 de xullo.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a retroacción de efectos queda suxeita en todo caso ao cumprimento dos requisitos para a consolidación de grao, sen que en ningún caso caiba a retroacción a un momento anterior.

Segunda.-O persoal estatutario fixo das categorías dos grupos de xestión e servizos xerais que, con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 206/2005, do 26 de xullo, e de conformidade co réxime xurídico vixente no seu intre, desempeñase con tal condición postos de traballo do organismo autónomo Sergas terá dereito ao recoñecemento do grao persoal ao abeiro do previsto na presente orde.

Para estes efectos computaranse exclusivamente os servizos prestados en condición de persoal estatutario fixo en postos de traballo do Servizo Galego de Saúde.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade