DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 13 de xuño de 2006 Páx. 9.414

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 2 de xuño de 2006 pola que se modifica a disposición adicional primeira das ordes do 19 de maio de 2005, 30 de abril de 2004 e 5 de xuño de 2003, polas que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 96 a utilización de tecnoloxías informáticas e telemáticas nos procedementos de aplicación dos tributos, sinalando que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que a Constitución e as leis establezan.

A Consellería de Economía e Facenda impulsou a utilización de tecnoloxías informáticas e telemáticas nos procedementos tributarios, a través da súa oficina virtual, fomentando a colaboración social de acordo co establecido no artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, en especial no que se refire á celebración de acordos con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais para a presentación e remisión á Administración tributaria de autoliquidacións, declaracións, comunicacións ou calquera outro documento con transcendencia tributaria, logo de autorización dos obrigados tributarios.

Neste sentido ditáronse ordes do 5 de xuño de 2003, 30 de abril de 2004 e 19 de maio de 2005, en que se regula o pagamento e presentación telemáticos dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sucesións e doazóns. Nestas ordes a presentación telemática das autoliquidacións por terceiras persoas amparábanse na figura do presentador regulada no artigo 36.2º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e no artigo 56.4º do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, nos cales, polo feito da presentación do imposto, o presentador se convertía en mandatario dos obrigados ao pagamento. Non obstante, o TC nas sentenzas 111 e 113 do 5 de abril de 2006 declara inconstitucional ambos os dous artigos, polo que procede modificar as ordes citadas reconducindo a figura do presentador á representación voluntaria.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase a disposición adicional primeira das ordes do 19 de maio de 2005 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao impos

to sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo; Orde do 30 de abril de 2004 por a que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e Orde do 5 de xuño de 2003 da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares, que quedará redactada do seguinte xeito:

«Os profesionais colexiados, así como as entidades institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste imposto, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación abonda das persoas no nome da cal se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda