DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 06 de xuño de 2006 Páx. 9.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de maio de 2006 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, e se convocan para o ano 2006.

As axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias, están autorizadas por Decisión da Comisión Europea, segundo comunicación do 12-9-2002, (Axuda de Estado nº N 764/2001. España, Galicia).

Na Orde do 23 de decembro de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 252, con data do 23 de decembro, establécense as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, e convocábanse as axudas para o ano 2005.

A Consellería do Medio Rural xustifica o interese e a continuidade desta liña de axuda en función do propio reordenamento do sector asociativo agrogandeiro de Galicia, que fai moi necesario promover tanto o seu asociacionismo como o seu redimensionamento empresarial, aínda que, para mellorar a operatividade e os resultados que se obteñen, é necesario introducir determinadas modificacións puntuais das bases reguladoras da devandita orde.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto modificar as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, que se establecen na Orde do 23 de decembro de 2004 (publicada no DOG nº 252, do 29 de decembro); así como convocar estas axudas para o ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva.

Sección primeira

Modificación das bases reguladoras

Artigo 2º.- Modificación das bases reguladoras.

Modifícanse os artigos 4, 9, 10 e 12 da Orde do 23 de decembro de 2004, pola que se establecen axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, que quedan redactados como segue:

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

Engádeselle un punto 3 o artigo 4 que di:

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 A no suposto do custo por exe

cución de obra, ou de 12.000 A no suposto de subministración de bens e equipo de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais carácterísticas dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección destas ofertas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 9º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo se terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Resolución.

O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A avaliación das solicitudes será levada a cabo por un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en produción agraria sustentable e fomento asociativo, o xefe de servizo competente en fomento asociativo agrario, un xefe de sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará proposta de concesión ao director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria que á súa vez a elevará ao conselleiro do Medio Rural.

O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución da concesión da sub

vención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas as formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, poderá entenderse desestimada a axuda solicitada.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos e actividades subvencionables ao abeiro desta orde deberase realizar antes do 31 de outubro deste ano.

O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

2. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente ante o Servizo de Fomento Asociativo, (Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, rúa dos Irmandiños, s/n, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

4. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades asociativas beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos, actividades e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o seu pagamento. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade asociativa beneficiaria, na cal se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

d) No caso de investimentos en construcións, copia compulsada da licenza definitiva de obras. Se son novas instalacións, para facer o pagamento final é necesario que presenten certificación das autoridades competentes de cumprir as disposicións sanitarias e a licenza de actividade municipal.

e) No caso de investimentos en maquinaria ou equipamentos, copia compulsada da inscrición no rexistro oficial correspondente.

f) Certificación de que o investimento realizado está inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias, cando así corresponda.

g) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Sección segunda

Convocatoria das axudas para o ano 2006

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o ano 2006 as axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, reguladas na Orde do 23 de decembro de 2004 (DOG nº 252, do 29 de decembro), coas modificacións que se detallan no artigo 2º desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poderse acoller ás axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias, deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 23 de decembro de 2004, coas modificacións introducidas nesta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade fortalecer as estruturas produtivas e comerciais das entidades asociativas de carácter agropecuario en Galicia, de forma que sexan máis competitivas e poidan desenvolver procesos de transformación e/ou comercialización das producións agrarias cunha maior viabilidade; abranguendo a súa promoción mediante axudas destinadas aos investimentos, á posta en marcha e á asistencia técnica destas.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e xestión das axudas.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 23 de decembro de 2004, xunto coa documentación que se detalla no seu artigo 8, así como de conformidade coa redacción dada por esta orde.

Para a presentación da solicitude de axuda deberase utilizar o modelo que se xunta con esta orde, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación presentada.

2. As entidades asociativas beneficiarias, os conceptos subvencionables, a contía económica, os criterios de valoración, o procedemento de xestión das axudas e o prazo e forma de xustificación delas, axustaranse ao establecido nesta orde e na Orde do 23 de decembro de 2004 (DOG nº 252, do 29 de decembro).

3. Quedan exentas de presentar os xustificantes de estar ao día coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia as entidades asociativas beneficiarias das axudas que non superan os 1.500 A, de acordo co establecido no artigo 41 da Lei 7/2005, do 30 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras, de acordo co previsto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 30 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

5. De acordo co previsto no artigo 5.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, nos conceptos subvencionados nesta orde pola Consellería do Medio Rural, empregarase preferentemente a lingua galega en todo o conxunto da documentación que teña que acompañar á solicitude para a súa tramitación.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2006, o prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Financiamento.

A concesión das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.612-A.770.0, por un importe de 500.000 A, así como con outros remanentes que puidesen existir nesta ou noutras aplicacións.

En todo caso, a concesión das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Quedarán exentos de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, Facenda Autonómica e Axencia Tributaria, ás que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as entidades asociativas beneficiarias das axudas que non superen os 1.500 A, de acordo co establecido no artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA