DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 06 de xuño de 2006 Páx. 9.050

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2006 pola que se convoca a IV edición do Premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve.

Creado o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro polo Decreto 25/1993, do 11 de febreiro, e modificado polos decretos 330/1997, do 13 de novembro, 218/2003, do 3 de abril, e pola cuarta disposición adicional do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos propios dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, este centro quere homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro López e, ao mesmo tempo, contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega, xénero que Ramón Piñeiro cultivou con asiduidade e ao que fixo importantes contribucións.

En consecuencia, e en uso das atribucións que teño conferidas e co fundamento nos decretos invocados,

DISPOÑO:

Primera.-Convócase a IV edición do Premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve.

Segunda.-Poderán presentarse traballos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa oficial do idioma.

Terceira.-Os traballos deberán ter como temática: ámbito xeral do pensamento humanístico (lingua, literatura, antropoloxía, filosofía, historia).

Cuarta.-Os traballos presentados deberán ser enviados nun sobre por quintuplicado, impresos ou mecanografados en formato A4, letra corpo 12 (30-32 liñas por páxina), cunha extensión máxima de 70 páxinas e mínima de 50.

Quinta.-Poderase presentar ao premio calquera persoa interesada, coa excepción do persoal pertencente ao Centro Ramón Piñeiro.

Sexta.-O autor ou autora debe asinar o seu traballo cun lema ou pseudónimo e achegar nun sobre pechado os seguintes datos: nome e apelidos, DNI ou equivalente, enderezo, teléfono e enderezo electrónico. No exterior do sobre indicarase o título do traballo e mais o lema ou pseudónimo.

Os orixinais poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza dirixidas á Secretaría Xeral de Política Lingüística -Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades- IV Premio Centro Ramón Piñeiro de Ensaio Breve, estrada Santiago-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela-Galicia (España) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro).

Sétima.-O prazo de presentación dos orixinais rematará o 4 de setembro de 2006.

Oitava.-A presentación a este premio implicará a aceptación destas bases. O incumprimento por parte do beneficiario dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda do premio concedido e, de ser o caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

En todo caso, tendo en conta o artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o beneficiario do premio ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Novena.-O xurado estará composto por personalidades de relevo da vida cultural galega designadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A composición nominal do xurado farase pública antes da resolución da convocatoria do premio.

Décima.-Os criterios de valoración serán os seguintes:

a) Corrección idiomática: 1 punto.

b) Perfección e singularidade persoal do estilo: 1 punto.

c) Coherencia no desenvolvemento interno da argumentación: 2 puntos.

d) Coñecemento da área ou materia na que se encadra o traballo: 2 puntos.

e) Orixinalidade da idea exposta e do punto de vista empregado ao desenvolvela: 2 puntos.

f) Solvencia da bibliografía utilizada: 2 puntos.

Décimo primeira.-O autor ou autora do ensaio premiado recibirá 3.000 euros. O seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 04.60.353E.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. O traballo será publicado na Colección Cadernos Ramón Piñeiro polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Décimo segunda.-A proposta de concesión do premio emitida polo xurado elevarase á secretaria xeral de Política Lingüística, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados ou interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia segundo o disposto na disposición adicional 2 d) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e no disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O prazo máximo de resolución rematará o día 31 de decembro de 2006. Os traballos entenderanse desestimados de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Décimo terceira.-O premio será único e indivisible. O xurado poderá aconsellar a publicación de traballos de interese que non recibisen o premio e así mesmo poderá declaralo deserto.

Décimo cuarta.-A presentación a este premio implicará, para o autor galardoado ou galardoada, a cesión dos dereitos de explotación en favor da secretaria xeral de Política Lingüística. A compensación económica polos dereitos de explotación que lle puidera corresponder ao autor ou autora, considerarase incluída na dotación do premio. Os orixinais que non resulten premiados poderán ser recollidos no prazo de dous meses, a partir do cal serán destruídos.

Décimo quinta.-As incidencias que poidan presentarse nos supostos non previstos nestas bases serán resoltas polo xurado do premio.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2006.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística