DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 06 de xuño de 2006 Páx. 9.049

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 18 de maio de 2006 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Pro-Patrimonio Rois.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Pro-Patrimonio Rois, con domicilio en Rois (A Coruña).

Supostos de feito.

1. Erundina Figueira Alvela, na súa condición de cofundadora, formulou solicitude de clasificación da

fundación, para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pro-Patrimonio Rois, foi constituída en escritura pública outorgada en Padrón, o día vinte e oito de marzo de dous mil seis, ante o notario Francisco León Gómez, co número de protocolo setecentos cincuenta e tres, por José Manuel Cortizo Sóñora que actúa en representación da entidade Aluminios Cortizo, S.A. Unipersonal, Ramón Pérez Roo en representación de Roo Montajes Eléctricos, S.L., Camilo Vilas Lamas en representación de Camilo Vilas, S.L., por Erundina Figueira Alvela que intervén no seu propio nome e dereito e, ademais, en representación de Pedro del Llano Cabado e en representación da entidade Galifar, S.L., e por Claudio González Pérez que intervén no seu propio nome e dereito.

3. A fundación, segundo establece o artigo seis dos estatutos ten por obxecto o estudo, catalogación, restauración e protección do patrimonio cultural situado na área territorial que abrangue o Concello de Rois.

4. O padroado da fundación estará integrado por Pedro del Llano Cabado, Claudio González Pérez, Aluminios Cortizo, S.A. que designa como representante no padroado a José Manuel Cortizo Sóñora, Roo Montajes Eléctricos, S.L. que designa como representante no padroado a Ramón Pérez Roo, Camilo Vilas, S.L. que designa como representante a Camilo Vilas Lamas, e por Galifar, S.L. que designa como representante a Ramón Hermo Bermúdez.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Pro-Patrimonio Rois dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día quince de maio de dous mil seis.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Pro-Patrimonio Rois adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza