DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 06 de xuño de 2006 Páx. 9.038

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 22 de maio de 2006 pola que se convocan axudas para o mantemento e mellora na calidade dos puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora na calidade dos puntos de atención á infancia como recurso educativo e de prestación de servizos ás familias galegas, que contribúa tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e as nenas, a corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. A constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 anos, como proxecto artellado e de calidade, en cooperación cos concellos, é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Neste contexto a sinatura entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta do acordo que establece o pacto local incidirá directamente na redifinición dos mecanismos xurídicos e económicos para o sostemento dos centros, xa que no pacto se prevé a creación dun Consorcio Galego de Servizos de Benestar que, entre outros temas, asumirá a xestión conxunta cos concellos dos puntos de atención á infancia (PAI), polo que esta orde ten unha natureza de

transitoriedade ata o establecemento dun novo sistema de actuación conxunta.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discrimina

ción, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na de Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.212A.4612, recollida na Lei de orzamentos xerais de Galicia para o ano 2006, e o importe destinado a elas ascenderá a 936.000 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas en réxime de concorrencia competitiva para subvencionar o mantemento e mellora na calidade dos puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan en funcionamento un punto de atención á infancia (PAI) e cumpran os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Que os puntos de atención á infancia (PAI) cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais (DOG do 21 de agosto), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto).

2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais/nais ou representantes legais dos usuarios, os puntos de atención á infancia (PAI) prestarán servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Salvo causa de forza maior, as solicitudes para o peche temporal dos centros durante o ano 2006 presentaranse antes do 31 de maio.

Artigo 4º.-Criterios de concesión.

Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde os seguintes:

1. Axudas de mantemento:

Co obxecto de lles dar continuidade aos centros en funcionamento terán preferencia por este orde:

A) Os puntos de atención á infancia (PAI) que en anos anteriores recibiron subvencións para man

temento da extinta Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e obtiveron unha valoración satisfactoria, que se acreditará mediante o correspondente informe sobre a execución da actividade subvencionada, emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros. No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) Por cada ano de funcionamento do centro: 1 punto.

b) Segundo a poboación da Corporación local solicitante:

-Poboación inferior a 1.000 habitantes: 3 puntos.

-Poboación entre 1.000 e 3.000 habitantes: 2 puntos.

-Poboación superior a 3.000 habitantes: 1 punto.

B) As solicitudes de axudas para mantemento de puntos de atención á infancia (PAI) que en anos anteriores non recibiron subvencións para este mesmo concepto, adxudicaranse segundo a maior puntuación acadada de acordo coa poboación da Corporación local solicitante:

-Poboación inferior a 1.000 habitantes: 3 puntos.

-Poboación entre 1.000 e 3.000 habitantes: 2 puntos.

-Poboación superior a 3.000 habitantes: 1 punto.

Para estes efectos terase en conta os datos do padrón municipal de habitantes no 31 de decembro de 2005.

En caso de empate nas puntuacións, daráselle prioridade á Corporación local con maior poboación de 0 a 3 anos.

2. Axudas para a mellora da calidade:

Para a concesión de axudas para a mellora da calidade valorarase que o centro cumpra as seguintes condicións:

a) Que dispoña de persoal de atención directa en número superior a 2 coidadores.

Para estes efectos soamente se terá en conta o persoal que preste servizos en xornada completa.

b) Que presente un proxecto educativo do centro adaptado á estrutura establecida no anexo IV.

c) Que preste servizo durante un horario mínimo ininterrompido de dez horas diarias e, en todo caso, dentro deste horario de apertura estea comprendida a franxa horaria das 8.00 ás 17.00 horas.

d) Que ofreza outros servizos complementarios de atención e apoio familiar.

Artigo 5º.-Tipo de axuda.

A axuda regulada nesta orde ten como finalidade compensar os gastos nos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

-Programas de mellora.

Artigo 6º.-Límite das axudas.

O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 7º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda serán os seguintes:

A) Axudas para mantemento:

A contía única anual da axuda para gastos de mantemento é de 20.000 A por centro.

B) Axudas para a mellora da calidade:

A contía anual da axuda para a mellora da calidade obterase como resultado de aplicar unha porcentaxe determinada en función do cumprimento dos criterios sinalados no punto 2 do artigo 3º sobre o módulo único que se establece en 6.000 euros por centro.

Para efectos do cálculo da porcentaxe terase en conta a seguinte valoración:

ApartadoPuntuación

a)3 puntos

b)3 puntos

c)2 puntos

d)2 puntos

Soamente se terán en conta proxectos que, obtendo una valoración satisfactoria, alcancen unha puntuación mínima de 3 puntos. Así mesmo, e para os efectos do cálculo da axuda, considérase que aos programas puntuados con 6 ou máis puntos correspóndelles unha porcentaxe do 100% do módulo; para os que obteñan unha puntuación de 4 puntos e 5 puntos a porcentaxe que se aplicará será do 50% do módulo.

2. Cando o centro teña un horario de apertura inferior a 8 horas diarias, a contía que corresponda subvencionar segundo o establecido no punto 1 deste artigo, reducirase un 10% do total da axuda por cada hora inferior a 8.

3. Aqueles centros en que logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar por mantemento na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

4. No caso de non existir crédito suficiente, gozan de preferencia para a súa concesión as solicitudes de axuda para mantemento sobre as de mellora da calidade, así mesmo, e tendo en conta a prioridade anterior, a contía das axudas reducirase en igual proporción a todas as corporacións locais que resulten beneficiarias.

5. No caso de que, unha vez calculadas estas axudas, existise remanente de crédito, este poderase distribuír entre todas as corporacións locais beneficiarias desta orde en proporción ás cantidades que lles correspondan, logo de aplicar os módulos de referencia establecidos neste artigo.

Artigo 8º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento polo menos cun 30 por 100 do orzamento total do centro.

Artigo 9º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

-Documentación xeral:

A) Certificación da contía establecida nos orzamentos da Corporación local da cantidade específica destinada ao mantemento do punto de atención a infancia (PAI).

B) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

C) De ser o caso, certificación en que se indique o tempo de funcionamento do punto de atención á infancia (PAI).

D) Certificación sobre o número de habitantes da Corporación local no 31 de decembro de 2005.

E) Declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

-No caso de solicitudes por mellora da calidade:

a) Proxectos que se refiran á letra b) do punto 2 do artigo 3º:

-Proxecto educativo do centro.

b) Para os proxectos que se refiran ás letras a), c) e d) do punto 2 do artigo 3º teranse en conta os datos consignados na solicitude (anexo I).

2. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 10º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e maila documentación requirida presentaranse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade como órgano responsable da tramitación dos expedientes realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorizacións e Inspección de Centros da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais sobre as condicións actuais dos centros para efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, a Secretaría Xeral da Igualdade remitiraos á Comisión Central de Valoración para que, unha vez avaliados, dite a proposta de resolución, propoñendo ao órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que estime pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a secretaria xeral da Igualdade.

Vogais: tres funcionarios/as designados polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar por proposta da secretaria xeral da Igualdade, actuando un deles como secretario/a.

Á dita comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un/unha representante da Intervención competente.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo do establecido no artigo 44 da dita lei.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. Se a entidade estivera tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación:

A) As subvencións poderanse facer efectivas da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80 por 100 da contía outorgada, librándose o 20 por 100 restante unha vez presentada pola Corporación local certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 10 por 100 da totalidade da subvención, en concepto de anticipo, no momento da súa concesión.

b) Ata o 80 por 100 do total concedido (o seguinte 70 por 100 da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos, que deberán incluír o recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a Corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da Corporación local, segundo o disposto no artigo 7º; neste caso, procederase ao aboamento do 100 por 100 da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20 por 100 restante, unha vez presentada pola Corporación certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

En todo caso, o importe certificado debe ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da Corporación local, segundo o disposto no artigo 8º.

A Corporación local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto, que será necesariamente dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ao que se refire esta subvención e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14º.-Outras obrigas das entidades beneficiarias.

As corporacións locais beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo coa excepción do cumprimento da obriga a que se refire o artigo 78.4º c) de acordo co disposto no artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e ademais especificamente a:

a) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar respecto dos centros subvencionados.

b) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 8º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos puntos 4º e 6º do artigo 78 do texto refun

dido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2006.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto no título sexto, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira.-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO IV

Proxecto educativo

Todos os puntos de atención á infancia contarán cun proxecto educativo adaptado á seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro.

a.2) Características do alumnado e das súas familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro.

a.4) Características do contorno.

-Características socioculturais, económicas e lingüísticas.

b) Sinais de identidade.

-Lingua de aprendizaxe.

-Metodoloxía.

-Coeducación: a educación para a igualdade.

-Colaboración cos pais e nais.

c) Obxectivos.

-Que obxectivos pedagóxicos nos propoñemos no traballo cotiá cos nenos e nenas.

-Que obxectivos pedagóxicos nos propoñemos de cara ao cumprimento da Lei de normalización lingüística.

-Que obxectivos nos propoñemos na educación para a igualdade.

d) Organización do centro para o logro dos obxectivos.

-Como organizamos o grupo/s de nenos e nenas e como distribuímos o persoal.

-Como organizamos o período de adaptación.

-Como utilizamos os espazos, os equipamentos e os recursos didácticos.

-Como nos relacionamos coas familias.

-Cal é a nosa programación de actividades.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA