DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 2006 Páx. 8.930

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2006, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se abre o prazo para que determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde solicite o recoñecemento do grao II de desenvolvemento profesional.

De conformidade co Decreto 155/2005, do 9 de xuño (DOG nº 112, do 13 de xuño), determinado colectivo de persoal estatutario pertencente ás categorías sanitarias de licenciados con título de espe

cialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios poderá acceder ao grao II con efectos do 1 de xullo de 2006.

Consonte o referido decreto corresponde a este centro directivo ditar a resolución de apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

En uso de dita facultade esta división

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

De conformidade coa secuencia temporal establecida no artigo 9 punto a) do Decreto 155/2005, do

9 de xuño, esta resolución ten por obxecto abrir o prazo para a presentación de solicitudes para o acceso ao grao II de desenvolvemento profesional.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao II o persoal estatutario pertencente ás categorías sanitarias de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, fixo e con praza en propiedade nas institucións sanitarias do Sergas obtida con anterioridade aos procesos convocados en execución da Lei 16/2001, do 21 de novembro, que teña acreditados os requisitos para acceder ao grao I establecidos na Resolución do 13 de xuño de 2005 (DOG nº 113, do 14 de xuño) e cumpra ou estea en condicións de cumprir dentro do prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría ou especialidade, con praza en propiedade nas institucións sanitarias do Sergas.

b) Ter prestados polo menos 12 anos de servizos na mesma categoría ou especialidade no réxime estatutario. Para estes efectos computaranse os servizos, previos á resolución de integración no réxime estatutario, prestados baixo outro réxime xurídico. Este requisito acreditarase mediante certificación de servizos prestados emitida polo centro correspondente.

c) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco, acreditada mediante a certificación á que se fixo referencia no punto b) anterior.

d) Ter participado, nos cinco exercicios inmediatamente anteriores á data da solicitude, nos obxectivos asistenciais, reflectidos nos programas especiais do complemento de produtividade variable da institución do Sergas na que estivese prestando servizos, e acreditar o seu cumprimento nun 70% en cada un dos cinco exercicios ou nun 75% de media nos ditos exercicios, sen prexuízo do establecido na disposición terceira. A dita acreditación realizarase mediante certificación do director xerente do centro de que se trate de conformidade coa avaliación efectuada por este concepto.

Terceiro.-Excepcións en situacións especiais.

Quedan exceptuados da acreditación do requisito a que se refire o punto d) da disposición segunda

os períodos de tempo en que o persoal permanecese nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de excedencia forzosa a que se refiren os artigos 11.1º e 11.3º e 13 do derrogado estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social aprobado polo Decreto 3160/1966, do 23 de decembro.

b) Situación de excedencia especial en activo a que se refire o artigo 13 do derrogado estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social aprobado polo Decreto 3160/1966, do 23 de decembro.

c) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

d) Os períodos de desfrute de permisos sindicais.

e) Excedencia por coidado de familiares.

f) Licenza por maternidade, incapacidade temporal e comisión de servizos.

Cando por razóns da organización do traballo establecida, un profesional non puidese acreditar a súa participación nos programas de obxectivos do complemento de produtividade variable, quedará exonerado do requisito a que se refire o parágrafo d) da disposición segunda desta resolución. Nestes supostos o xerente do centro emitirá certificación acreditativa deste extremo, así como informe detallado da participación do profesional nos resultados da actividade do centro conforme se estableza nas condicións da avaliación.

Cuarto.-Prazo de presentación de solicitudes.

Cada participante deberá cubrir unha única solicitude axustándose necesariamente ao modelo que figura como anexo desta resolución.

O profesional deberá presentar a solicitude a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración e expedindo copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas e presentarse no prazo que se inicia o día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de xuño de 2006.

O modelo de solicitude está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2006.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional