DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 2006 Páx. 8.929

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2006 pola que se convoca un seminario sobre A inmigración na Unión Europea: unha análise multinivel.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2006 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo das Rexións, un seminario sobre A inmigración na Unión Europea: unha análise multinivel, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Todos os estados da Unión Europea están afectados polos movementos migratorios, cuxos efectos, ademais, dificilmente poden xa limitarse ao interior destes estados. Por iso, desde a Comisión Europea perséguese unha mellor xestión destes fluxos tanto a través da coordinación das políticas nacionais, tomando en consideración a situación económica e demográfica dos diversos territorios da Unión, como a través do progresivo desenvolvemento dunha política comunitaria de inmigración a nivel europeo.

No ano 1999, en Tempere, os xefes de Estado e de Goberno dos entón quince estados membros sentaron as bases para unha política común da inmigración. Esta foi impulsada en posteriores consellos europeos, aínda que con numerosos atrasos e obstáculos. O ano 2004, que debía ver a culminación da axenda de Tempere, presentouse máis ben como o da súa reactivación no marco das conclusións do Consello da Haia e as perspectivas abertas polo texto do Tratado constitucional e as dez prioridades marcadas polo programa da Haia 2005.

Na actualidade, as políticas de inmigración desenvólvense fundamentalmente, sen prexuízo da súa coordinación europea, no interior dos estados membros. Con todo, tampouco este nivel interno é homoxéneo, senón que a diversidade da realidade migratoria e da propia sociedade de acollida dentro dos diversos estados leva consigo inmediatamente un grao de autonomía moi relevante na resposta aos retos migratorios nas diversas unidades políticas internas dos estados membros. En especial no caso español, as políticas de integración desenvolvidas polas comunidades autónomas suscitaron nos últimos anos a necesidade de recoñecerlles un maior papel a estas tamén na xestión do núcleo da estranxeiría.

Neste seminario debateremos desde estas perspectivas de pluralidade administrativa a realidade actual da inmigración en Europa, especialmente centrada na dobre atención á integración sociolaboral dos inmigrantes e á problemática da inmigración irregular, exacerbada nos últimos anos.

Neste contexto, e durante dous días, diferentes expertos debaterán as novidades en materia de políticas de inmigración en Europa, desde diferentes ámbitos, prestando especial atención á pluralidade de niveis políticos de intervención e á necesidade de desenvolver formas de participación e coordinación entre eles.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

* Inmigración en Europa.

-Cara a unha política común de inmigración europea: de Ámsterdam ao programa da Haia.

-Últimas novidades lexislativas da Unión: os problemas de transposición.

-Movementos migratorios e políticas en Europa: características, retos e expectativas.

* O tratamento da inmigración a nivel autonómico.

-Introdución: marco xeral.

-Experiencia de Cataluña, Andalucía, Pais Vasco e Galicia.

* Políticas de inmigración, multiculturalismo e dereitos humanos.

* A situación dos inmigrantes irregulares: tratamento legal.

* A situación social dos inmigrantes irregulares: tratamento social.

* A inmigración do futuro.

-Mesa redonda de debate e presentación das conclusións.

3. Destinatarios.

Este seminario diríxese ás forzas políticas, organizacións sindicais e empresariais, colexios profesionais, ONG e, en xeral, a todos os niveis da Administración galega afectada dunha ou outra maneira por estas cuestións.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: o seminario convocado desenvolveranse no salón de actos do Centro Cultural Caixanova, sito na rúa Policarpo Sanz, nº 13, en Vigo, os días 29 e 30 de xuño de 2006.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 27 de xuño de 2006.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 28 de xuño, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/49.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir

no desenvolvemento do seminario, así como o de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate do seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega

de Administración Pública