DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 2006 Páx. 8.925

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 31 de maio de 2006 pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2006, ao abeiro do I Plan Integral de Emprego de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 de xaneiro de 1998, a través do Decreto 289/1997, asumiu a transferencia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo as políticas activas de emprego.

Por outra parte, está constatado o dato de que durante os derradeiros anos, aínda que a situación do mercado de traballo en España evolucionou positivamente, continúan existindo importantes disfuncións e diferenzas entre as comunidades autónomas. Así, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA-terceiro trimestre 2005) que elabora o Instituto Nacional de Estatística (INE), as taxas nacionais de actividade son, para ambos sexos, o 57,43%, para os homes, o 69,041%, e para as mulleres, o 46,31%. Pola contra, en Galicia os mesmos indicadores están por debaixo dos nacionais: 53,52%, en ambos sexos, 62,60%, nos homes e 44,32% no caso das mulleres.

En canto ao desemprego, a participación de Galicia no paro rexistrado está moi por enriba do seu peso na totalidade de activos. Así, mentres que Galicia representa o 6% do total de activos, o 5,8% dos

homes e o 6,4% das mulleres; os parados rexistrados en Galicia supoñen o 7,8% do total nacional, un 27,3% mais do que lle correspondería polos seus activos homes e un 26,9% máis no caso das mulleres.

A situación do emprego en Galicia tampouco é homoxénea. Existen zonas cunhas taxas de paro superiores á media de Galicia ou da súa provincia, zonas con problemas de desenvolvemento e con perda neta de empregos, e outras onde as actuacións realizadas en materia de mellora da empregabilidade tiveron un menor desenvolvemento que a media da súa provincia.

Ante esta situación, os responsables da Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servizo Público de Emprego Estatal, e os responsables da Xunta de Galicia, a través do seu presidente e do conselleiro de Traballo consideraron e valoraron a oportunidade de poñer en marcha e desenvolver un Plan Integral de Emprego durante o período 2006-2009, que ademais de posibilitar melloras substanciais, en termos de actividade e de ocupación, nos mercados de traballo en Galicia, permita ir reducindo os desfases que a separan da media española.

Por iso, o 17 de setembro de 2005, asinouse o Acordo de Colaboración entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Xunta de Galicia para a posta en marcha do I Plan Integral de Emprego de Galicia e o 29 de marzo de 2006 substánciase a sinatura do convenio de colaboración para o seu desenvolvemento, en cumprimento do disposto na disposición adicional décimo sétima da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006.

O Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a través do Servizo Público de Emprego Estatal, con cargo ao seu orzamento, achegará vinte e catro millóns de euros cada ano, durante o período de vixencia do Plan Integral de Emprego de Galicia, que se destinarán a financiar accións e medidas de fomento de emprego, encadradas nas políticas activas de emprego. Esta achega do Servizo Público de Emprego Estatal é adicional á distribuída a Comunidade Autónoma de Galicia, conforme ao procedemento establecido no artigo 86 da Lei xeral orzamentaria, de subvencións estatais de xestión estatutariamente asumida pola dita Administración pública.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, con cargo ao seu orzamento, achegará mediante a afectación o I Plan Integral de Emprego de Galicia de medidas activas de emprego, ata vinte e catro millóns de euros cada ano, durante o período 2006-2009.

O obxecto desta orde non é outro que complementar a achega financeira da Xunta de Galicia a este plan, que está contida nas ordes de convocatoria das distintas medidas de políticas activas de emprego xa publicadas, coa achega de 24 millóns de euros pro

venientes da Administración xeral do Estado, para a consecución dos obxectivos e a execución das accións previstas nesta orde.

As actuacións irán enfocadas á realización de accións integradas en itinerarios de inserción laboral que contribúan a mellorar as condicións de ocupabilidade dos colectivos de desempregados, especialmente desempregados de longa duración, mulleres, persoas ausentadas do mercado de traballo, colectivos en risco de exclusión social, mozos e beneficiarios de prestacións, utilizando para iso as medidas recollidas na cláusula sexta. Para articular os itinerarios citados procurarase coordinar e integrar, cando menos, dúas destas medidas.

As actuacións deberán favorecer a xeración de emprego, sobre todo no ámbito local e rural, en sectores económicos diversificados, facilitando a mobilidade xeográfica dos desempregados e prestando un especial apoio á creación de emprego, dentro do sector servizos, no ámbito da atención a persoas dependentes e daqueloutros incluídos dentro dos novos filóns de emprego; igualmente estas actuacións haberán de crear contornos favorables para o aproveitamento das posibilidades do mercado autonómico polos potenciais emprendedores; e, tamén, deberán coadxuvar á internacionalización da economía galega e á expansión e maior uso das tecnoloxías da información.

A programación e aprobación das diferentes medidas e accións realizarase de acordo coa planificación presentada para o ano 2006 ao Comité Autonómico de Emprego, tendo en conta que por ser o primeiro ano de implantación do Plan Integral de Emprego e, á espera dos acordos que, para a súa implementación en exercicios próximos, poidan xurdir como consecuencia do Diálogo Social e, co fin de garantir o maior nivel posible de execución, o que redundará en beneficio dos traballadores desempregados de Galicia e na xeración de emprego no seu territorio, óptase pola fórmula de ampliar o crédito de determinadas ordes de convocatoria de subvencións xa publicadas, coa conseguinte ampliación de prazos, para financiar unha serie de actuacións específicas vinculadas ao Plan Integral de Emprego de Galicia en 2006.

Estas políticas activas de emprego transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia están reguladas na Orde TAS/816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecúan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras das subvencións que se conceden polo Servizo Público de Emprego Estatal nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, segundo o disposto na súa disposición adicional primeira, punto 2.

Así mesmo, os diferentes programas incluídos no I Plan Integral de Emprego de Galicia están regulados polas ordes da Consellería de Traballo sinaladas no artigo 1.1º.

Noutra orde de cousas, a concesión das subvencións que se financian cos créditos previstos nesta orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia competitiva, publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e subvencións, toda vez que o procedemento e o réxime xurídico administrativo para a súa concesión se somete ás respectivas ordes de subvencións xa publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Así, de acordo co previsto no precitado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o financiamento das axudas previstas nesta orde, realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.241A.400, 16.02.241A.440, 16.02.241A.460, 16.02.241A.480, 16.03.241A.460 e 16.03.241A.482 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, polos importes respectivos de 1.257.464,16 A, 263.661,84 A, 10.188.030,40 A, 6.090.843,60 A, 2.000.000 A e 4.200.000 A.

O importe dos ditos créditos para cada programa poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego e das solicitudes presentadas, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, o Convenio de colaboración do 29 de marzo de 2006 ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios e da Intervención Delegada, e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e financiamento.

1. Esta orde ten por obxecto complementar a achega financeira da Xunta de Galicia ao I Plan Integral de Emprego de Galicia, a través da ampliación dos créditos previstos nas seguintes ordes de convocatoria de subvencións, por un importe total de 24 millóns de euros achegados polo Servizo Público de Emprego Estatal:

a) Orde do 23 de marzo de 2006 pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2006, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e

cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e procédese á súa convocatoria (DOG nº 64, do 31 de marzo de 2006).

b) Orde do 24 de marzo pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2006 (DOG nº 64, do 31 de marzo).

c) Orde do 22 de decembro de 2005 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2006 (DOG nº 247, do 27 de decembro de 2005).

d) Orde do 30 de decembro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2006 e 2007 de programas experimentais en materia de emprego 2006 (DOG nº 8, do 12 de xaneiro).

2. Estes créditos previstos nas aplicacións orzamentarias 16.02.241A.400, 16.02.241A.440, 16.02.241A.460, 16.02.241A.480 e 16.03.241A.460, 16.03.241A.482 servirán para financiar as actuacións específicas vinculadas ao I Plan Integral de Emprego de Galicia que se sinalan nos artigos seguintes.

Artigo 2º.-Programas de cooperación.

1. Dentro dos programas de Cooperación, destinados ao financiamento da contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, só se concederán subvencións para a realización das seguintes actuacións, por un importe global estimado de 14,5 millóns de euros:

a) Actuacións cos concellos incorporados á Rede Natura 2000-Lugares de importancia comunitaria (zonas LIC) para a promoción do emprego nas ocupacións relacionadas cos novos filóns de emprego vinculados ao ambiente coa supervisión técnica da Consellería de Medio Ambiente.

b) Actuacións con organizacións de discapacitados para a cualificación de técnicos para fomentar a inserción laboral das persoas con discapacidade por medio de programas de adquisición de experiencia.

c) Actuacións cos concellos e organizacións sen ánimo de lucro co fin de dotar os colectivos en risco de exclusión social dun mellor posicionamento no mercado laboral por medio de programas de adquisición de experiencia.

d) Actuacións cos concellos para a creación de empresas de economía social que formen e doten de experiencia laboral aos desempregados na atención a persoas dependentes.

e) Actuacións coas asociacións empresariais e sindicais do sector da construción e outros sectores con maiores índices de incidencia da sinistralidade laboral para a capacitación e adquisición de experiencia de traballadores desempregados no ámbito da prevención de riscos laborais.

f) Actuacións coa Demarcación de Costas do Estado e nos portos de Galicia para a promoción de emprego en ocupacións vinculadas a melloras ambientais e aos servizos de turismo e ocio.

g) Actuacións nos concellos rurais coa finalidade de mellorar a empregabilidade dos traballadores desempregados mediante a adquisición de experiencia profesional en actividades de utilidade pública ou interese social e, especialmente, as que rehabiliten o contorno e núcleos rurais.

Artigo 3º.-Programas mixtos de formación-emprego.

Dentro dos programas mixtos de formación-emprego só poderán concederse subvencións aos concellos para a realización de actuacións experimentais en escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego coa finalidade de mellorar a empregabilidade dos traballadores desempregados participantes mediante a súa formación en alternancia co desempeño profesional en actividades de utilidade pública ou interese social e, especialmente, as que rehabiliten o contorno e núcleos rurais, por un importe global estimado de 3,3 millóns de euros.

Artigo 4º.-Plan FIP.

Dentro da programación de cursos do Plan FIP só poderán concederse subvencións para a impartición de accións formativas por parte dos concellos de Galicia para a formación dos titulados en idiomas estranxeiros, deseño industrial, informática e habilidades directivas que lles permitan satisfacer os requirimentos das empresas galegas e para a formación dos desempregados na atención ás persoas dependentes que permita a creación de empresas de economía social neste ámbito, por un importe global estimado de 2 millóns de euros.

Artigo 5º.-Programas experimentais.

Dentro dos programas experimentais só poderán concederse subvencións ás asociacións empresariais e/ou sindicais para os sectores da construción naval, madeira, fabricación de automóbiles e os seus compoñentes e construción para a incorporación das mulleres nas ocupacións nas que estean subrepresentadas e recolocación de traballadores procedentes de empresas en regulación de emprego, por un importe global estimado de 4,2 millóns de euros.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e procedementos.

1. As solicitudes de subvención, formalizaranse nos modelos oficiais que se publican nas correspondentes ordes de convocatoria, sinaladas no artigo 1.1º.

2. O prazo para a presentación de solicitudes, exclusivamente para as actuacións previstas nesta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, excepto no caso dos proxectos de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego que rematará o 15 de xullo, de acordo co previsto no artigo 30.2º da Orde do 24 de marzo pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

3. O procedemento para a tramitación, valoración e resolución dos expedientes presentados ao abeiro desta disposición e, en xeral, o seu réxime xurídico será o establecido para cada un dos programas nas ordes sinaladas no artigo 1º.1 desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas e subvencións para os programas regulados nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario nas aplicacións 16.02.241A.400, 16.02.241A.440, 16.02.241A.460, 16.02.241A.480, 16.03.241A.460 e 16.03.241A.482 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

O importe dos ditos créditos para cada programa poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego e das solicitudes presentadas, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, o Convenio de colaboración do 29 de marzo de 2006 ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Segunda.-No caso de que as solicitudes presentadas non esgotasen os créditos previstos nesta orde para cada programa, os remanentes poderán utilizarse, respectivamente, como ampliación dos créditos previstos nas ordes mencionadas no parágrafo primeiro do artigo 1º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego e ao director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas respectivas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo