DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 2006 Páx. 8.917

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

O Decreto 206/2005, do 22 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 29 de xullo), regula os sistemas de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, facultando a Consellería de Sanidade para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste.

O dito decreto, no seu capítulo VI, regula os sistemas de provisión dos postos de xefatura e coordinación, poñendo así fin a un longo período de tempo en que a cobertura destes postos se viña facendo, por proposta dos órganos directivos das institucións sanitarias, cun carácter meramente provisional.

Esta orde, sen deixar de respectar unha marxe de decisión que razoablemente debe corresponder aos máximos responsables dos centros sanitarios do organismo, vén fixar unhas bases de necesario cumprimento para dotar de certa uniformidade aos procedementos de selección, moi especialmente no que se refire á garantía de publicidade, os sistemas de avaliación dos aspirantes e aos baremos aplicables.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 32 da Lei 7/2003, de ordenación sanitaria de Galicia, o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e o seu presidente; a disposición derradeira do Decreto 206/2005, así como o artigo 3 do Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto desta orde establecer as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en execución do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (Diario Oficial de Galicia nº 145, do 29 de xullo).

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde seralle de aplicación á provisión dos postos relacionados no anexo do Decreto 206/2005 e calquera outros que, con outra denominación, asuman funcións equiparables de xefatura e coordinación.

Artigo 3º.-Competencia.

Sen prexuízo do disposto no artigo 26º, correspóndelle ao órgano individual superior de dirección

das institucións ou áreas sanitarias a convocatoria e resolución dos procesos de provisión e o nomeamento dos aspirantes seleccionados. Así mesmo, correspóndelle ao dito órgano o nomeamento das comisións que deban participar, segundo o sistema aplicable, nos procesos de selección.

O exercicio desta competencia axustarase ao previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, e ás bases fixadas nesta orde.

Artigo 4º.-Convocatoria.

A convocatoria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, conterá como mínimo as seguintes mencións:

a) Denominación, características, funcións e retribucións do posto de traballo.

b) Requisitos para o seu desempeño.

c) Documentación que deberán presentar os aspirantes para acreditar, tanto o cumprimento dos requisitos de participación como os méritos que se fagan valer.

d) Sistema de selección, con expresa remisión aos preceptos do Decreto 206/2005 e desta orde, que resulten de aplicación.

e) Prazo para a presentación da instancia e da referida documentación. O dito prazo non poderá ser inferior a quince días.

f) Órgano ao cal deberán dirixir a instancia e a documentación anexa.

g) Fórmula mediante a cal se resolverán os empates que se produzan na puntuación total do proceso, tomando en consideración, en primeiro lugar, o tempo de servizos prestados como persoal estatutario fixo, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, na categoría ou categorías que habilitan para o acceso ao posto de traballo.

h) Recurso administrativo que poderán interpoñer os interesados, con prazo para a súa interposición.

i) Adicionalmente, para os sistemas en que proceda a participación dun órgano colexiado: composición da comisión de avaliación e forma en que se publicarán as relacións, provisional e definitiva, de admitidos ao procedemento e os demais actos de trámite deste; antelación mínima con que deberán convocarse os aspirantes para a presentación e defensa do proxecto técnico ou para a realización da entrevista.

Capítulo II

Provisión de postos de persoal

licenciado sanitario

Artigo 5º.-Sistemas de selección.

1. Os postos de licenciado sanitario, incluídos os de xefatura de servizo ou unidade de atención primaria que requiran dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, proveranse polo sistema de avaliación colexiada.

2. Os postos de xefatura de servizo ou unidade de atención primaria, que non requiran dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, serán provistos polo sistema de libre designación.

Artigo 6º.-Requisitos dos aspirantes.

1. Para participar nas convocatorias, os aspirantes deberán cumprir, no último día do prazo de presentación de instancias, os seguintes requisitos:

a) Ser persoal estatutario fixo licenciado sanitario, en situación de activo en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, da categoría e/ou especialidade ou especialidades que habiliten para acceder ás prazas básicas da correspondente unidade.

b) Tres anos de experiencia profesional, na categoría e/ou especialidades referidas, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

c) A titulación académica, formación específica ou outras especificacións que o órgano convocante determine, coa debida motivación, en atención ás características propias e funcións encomendadas ao posto de traballo.

2. Adicionalmente, no suposto de provisión das xefaturas das unidades ou servizos de atención primaria, que non requiran dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, os aspirantes deberán estar adscritos a eles. Cando os postos requiran, pola súa complexidade, dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, aplicaranse os requisitos xerais establecidos no parágrafo anterior.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

1. Cando resulte de aplicación o sistema de avaliación colexiada, esta será realizada por unha comisión técnica especializada, nomeada polo órgano convocante, que terá a seguinte composición:

a) Para a provisión dos postos do nivel de atención especializada: cinco membros, catro dos cales serán designados directamente polo órgano convocante e un por proposta da División de Asistencia Sanitaria. Dous dos membros directamente designados polo órgano convocante terán a condición de xefe de servizo. Dous dos membros pertencerán á categoría e/ou especialidade requirida aos aspirantes.

b) Para a provisión dos postos do nivel de atención primaria: cinco membros, catro dos cales serán designados directamente polo órgano convocante e un por proposta da División de Asistencia Sanitaria. Tres dos membros directamente designados polo órgano convocante serán licenciados sanitarios e dous terán a condición de persoal estatutario con destino na área sanitaria respectiva.

Todos os membros terán a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, ou titular de praza docente-asistencial do mesmo nivel.

O presidente da comisión será o órgano individual superior de dirección da institución ou área sanitaria, ou persoa en quen delegue.

2. A comisión será asistida por un secretario de actas designado polo órgano convocante entre persoal funcionario do corpo superior ou estatutario fixo, de xestión e servizos, do grupo superior de clasificación.

3. A comisión axustará a súa actuación ao disposto na normativa vixente reguladora dos órganos colexiados.

Artigo 8º.-Avaliación.

1. A comisión avaliará, de conformidade co que estableza a convocatoria, e cun máximo de 60 puntos:

a) O curriculo profesional dos aspirantes: ata 30 puntos.

Para esta avaliación atenderase á experiencia profesional e ás actividades, docentes e de investigación, indicativas da actualización dos coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño das correspondentes funcións.

Poderá ser, así mesmo, valorada a implicación na xestión mediante a xefatura e coordinación de unidades e equipos, as titorías e organización de formación e a participación en comités internos ou proxectos institucionais.

b) Un proxecto técnico relacionado coa xestión da unidade: ata 30 puntos.

O proxecto de xestión conterá un programa de obxectivos, cuantitativos e cualitativos, da unidade.

O órgano convocante, na mesma data de publicación da convocatoria, e na forma que nela se determine, poderá poñer á disposición dos aspirantes un plan de obxectivos da unidade.

O proxecto será presentado e defendido ante a comisión, nun acto público, pola orde resultante dun sorteo. No mesmo acto, o aspirante defenderá a adecuación do seu curriculo profesional ás características do posto de traballo e ao programa de obxectivos.

2. Após o acto público anteriormente referido, a comisión elaborará un informe razoado, axustado a criterios previamente establecidos pola propia comisión, sobre a avaliación dos aspirantes, con asignación de puntuación desagregada nas dúas alíneas citadas.

Para a valoración do proxecto técnico e do programa de obxectivos achegados polo aspirante, tomarase en consideración a súa adecuación aos obxectivos fixados, de ser o caso, polo órgano convocante.

A comisión poderá propoñer que se declare deserta a convocatoria no suposto de que ningún dos aspirantes acade 15 puntos na avaliación do proxecto técnico de xestión da unidade.

Artigo 9º.-Valoración da dedicación profesional.

As convocatorias poderán prever a valoración dun compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria, durante o período de desempeño da xefatura, cunha puntuación adicional de 40 puntos. Esta

puntuación poderá reducirse a 30, 20 ou 10 puntos, na propia convocatoria, coa finalidade de ampliar o número de aspirantes.

Para estes efectos, considérase así mesmo dedicación exclusiva á institución sanitaria o desempeño, nesa condición, de praza vinculada docente-asistencial.

O compromiso de dedicación exclusiva deberá manifestarse na instancia presentada para participar no proceso. Coa instancia deberá achegarse solicitude de percepción do complemento específico formulada no modelo que figura como anexo I do Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia nº 17, do 25 de xaneiro).

O compromiso, a solicitude e as manifestacións contidas neles unicamente vincularán o aspirante e producirán efectos no seu réxime de dedicación e retributivo, no suposto de que resulte seleccionado. Noutro caso entenderanse por non presentados.

O incumprimento do compromiso de dedicación exclusiva implicará a perda inmediata do posto de xefatura, acordada polo mesmo órgano que dispuxo o nomeamento.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez finalizada a valoración, publicaranse, na forma que determine a convocatoria, a listaxe coas puntuacións, desagregadas por alíneas, asignadas aos aspirantes, ou a proposta da comisión de que se declare deserta a convocatoria, con apertura dun prazo non inferior a quince días hábiles para a presentación de reclamacións.

2. Após a valoración das reclamacións pola comisión técnica, publicarase a listaxe coas puntuacións definitivas ou a ratificación da proposta de que se declare deserta a convocatoria. As reclamacións formuladas contra a resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que se publicará na forma que se determine na convocatoria.

3. Cando a provisión se realice polo sistema de avaliación colexiada, a convocatoria deberá declararse deserta cando non concorran aspirantes que reúnan os requisitos exixidos ou logo de proposta da Comisión Técnica de Selección, nos termos previstos no artigo 8.2º desta orde.

4. Cando a provisión se realice polo procedemento de libre designación, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

5. A resolución, co nomeamento do aspirante, de ser o caso, seleccionado, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Avaliación do desempeño da xefatura.

1. Os aspirantes nomeados polo procedemento de avaliación colexiada serán avaliados, antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento, para os efectos de prorrogar o desempeño da xefatura, por idéntico período, ou proceder á súa remoción

do posto de traballo. A remoción virá precedida dun procedemento que garanta a audiencia do interesado.

2. Para estes efectos, unha comisión técnica, designada consonte o previsto no artigo 7, avaliará fundamentalmente a actividade realizada para a implantación do proxecto técnico e o cumprimento dos obxectivos tomados en consideración, no seu momento, no proceso de selección.

3. Cando circunstancias excepcionais, debidamente motivadas, impidan realizar a avaliación no prazo referido, o nomeamento inicial poderá ser prorrogado polo prazo dun ano, período en que deberá realizarse a preceptiva avaliación.

4. A omisión da avaliación non suporá a consideración do nomeamento como definitivo.

Capítulo III

Provisión de postos de persoal sanitario,

diplomado ou técnico

Artigo 12º.-Sistemas de selección.

1. Os postos de supervisor de área, ou de idéntico ou superior nivel de responsabilidade na estrutura xerárquica, así como os postos de coordinadores do nivel de atención primaria, proveranse polo procedemento de libre designación.

2. Os postos de supervisor de unidade, coordinadores de técnicos e coordinadores do nivel de atención primaria -neste último caso, cando os postos requiran, pola súa complexidade, dedicación exclusiva ás funcións de coordinación- serán provistos por un procedemento consistente nun concurso de méritos e na defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade.

Artigo 13º.-Requisitos dos aspirantes.

1. Para participar nas convocatorias para a cobertura de postos de supervisor de área ou unidade, os aspirantes deberán acreditar os seguintes requisitos:

a) Ser persoal estatutario fixo diplomado sanitario, en situación de activo nunha institución sanitaria da respectiva área de saúde, da categoría e/ou especialidade ou especialidades que habiliten para acceder ás prazas básicas da correspondente área ou unidade.

b) Tres anos de experiencia profesional, na categoría e/ou especialidades referidas, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

c) Posuír a titulación académica, categoría, formación específica ou outras especificacións que o órgano convocante determine, coa debida motivación, en atención ás características propias e funcións encomendadas ao posto de traballo.

Adicionalmente, para acceder aos postos de coordinación das unidades ou servizos de atención primaria, que non requiran dedicación exclusiva ás funcións de xefatura, os aspirantes deberán estar adscritos a eles. Cando os postos requiran, pola súa

complexidade, dedicación exclusiva ás funcións de coordinación, aplicaranse exclusivamente os requisitos xerais anteriormente relacionados.

2. Para participar nas convocatorias para a cobertura de postos de coordinación de técnicos, os aspirantes deberán acreditar os seguintes requisitos:

a) Ser persoal estatutario fixo da correspondente categoría de formación profesional, técnico ou técnico superior, segundo o caso, en situación de activo nunha institución sanitaria da respectiva área de saúde.

b) Tres anos de experiencia profesional, na correspondente categoría, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

c) Posuír a titulación académica, formación específica ou outras especificacións que o órgano convocante determine, coa debida motivación, en atención ás características propias e funcións encomendadas ao posto de traballo.

Artigo 14º.-Comisión de avaliación.

Após nos supostos de provisión polo sistema de libre designación, para valorar a idoneidade e méritos dos aspirantes solicitarase, en todo caso, o asesoramento dunha comisión técnica especializada -cun número impar de membros- designada polo órgano convocante.

Os citados membros terán a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias, ou titular de praza docente-asistencial, do mesmo ou superior grupo de clasificación.

A comisión axustará a súa actuación ao disposto na normativa vixente reguladora dos órganos colexiados.

Artigo 15º.-Concurso de méritos.

No concurso de méritos aplicarase un baremo coa seguinte estrutura:

1. Experiencia profesional como persoal estatutario, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, na categoría ou categorías que habilitan para o acceso ao posto de traballo. Un máximo de 30 puntos resultantes das seguintes alíneas:

a) Servizos prestados como persoal fixo:

-Na mesma institución sanitaria: 0,25 puntos por mes.

-Noutra institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde: 0,2 puntos por mes.

-En institucións sanitarias doutros servizos sanitarios do Sistema Nacional de Saúde: 0,15.

b) Servizos prestados como persoal temporal:

-Na mesma institución sanitaria: 0,1 puntos por mes.

-Noutra institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde: 0,075 puntos por mes.

-En institucións sanitarias doutros servizos sanitarios do Sistema Nacional de Saúde: 0,05.

2. Méritos específicos (máximo 35 puntos):

a) Experiencia profesional:

-Na institución sanitaria: 0,125 puntos por mes (máximo 10 puntos).

-En postos da mesma área funcional: 0,125 puntos por mes.

-En postos de xefatura ou dirección: 0,1 puntos por mes.

A puntuación por estas tres alíneas de experiencia profesional específica será acumulable.

b) Titulación ou formación específica relevante para o desempeño do posto: ata 5 puntos, cando así se estableza na correspondente convocatoria.

3. Outras actividades, realizadas nos últimos 7 anos, indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes para o desempeño das correspondentes funcións (máximo 35 puntos): formación continuada acreditada, en todo caso. Actividades de formación e titorías, cando así se estableza na convocatoria, e nos termos que nela se dispoñan.

Valorarase en todo caso a formación básica, en materia de prevención de riscos laborais, impartida polo Servizo Galego de Saúde. O límite de 7 anos non se aplicará á formación universitaria posgraduada e a aqueles cursos cuxo contido se manteña vixente no momento da convocatoria.

Artigo 16º.-Defensa de proxecto ou entrevista.

Após a valoración dos méritos dos aspirantes, estes serán chamados, pola orde resultante dun sorteo, á realización en acto público dunha entrevista ou defensa dun proxecto técnico relacionado coa xestión da unidade, os cales serán valorados cun máximo de 100 puntos. A opción por un ou outro sistema de avaliación deberá facerse pública na convocatoria.

A comisión poderá propoñer que se declare deserta a convocatoria no suposto de que ningún dos aspirantes acade 50 puntos na avaliación da entrevista ou proxecto técnico.

Artigo 17º.-Valoración da dedicación profesional.

As convocatorias poderán prever a valoración dun compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria, durante o período de desempeño da xefatura, cunha puntuación adicional de 50 puntos. Esta puntuación poderá reducirse a 40, 30, 20 ou 10 puntos, na propia convocatoria, coa finalidade de ampliar o número de aspirantes.

Para estes efectos, considérase así mesmo dedicación exclusiva á institución sanitaria o desempeño, nesa condición, de praza vinculada docente-asistencial.

O compromiso de dedicación exclusiva deberá manifestarse na instancia presentada para participar no proceso. Coa instancia deberá achegarse soli

citude de percepción do complemento específico formulada no modelo que figura como anexo I do Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia nº 17, do 25 de xaneiro).

O compromiso, a solicitude e as manifestacións contidas neles unicamente vincularán o aspirante e producirán efectos no seu réxime de dedicación e retributivo, no suposto de que resulte seleccionado. Noutro caso entenderanse por non presentados.

O incumprimento do compromiso de dedicación exclusiva implicará a perda inmediata do posto de xefatura, acordada polo mesmo órgano que dispuxo o nomeamento.

Artigo 18º.-Resolución.

1. Finalizado o proceso de avaliación publicarase, na forma que determine a convocatoria, a listaxe coas puntuacións, desagregadas por alíneas, asignadas aos aspirantes, con apertura dun prazo non inferior a quince días hábiles para a presentación de reclamacións.

2. Após a valoración das reclamacións pola comisión técnica, publicarase a listaxe coas puntuacións definitivas. As reclamacións formuladas contra a resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que se publicará na forma que se determine na convocatoria.

3. Cando a provisión se realice polo sistema de concurso de méritos e avaliación colexiada, a convocatoria deberá declararse deserta cando non concorran aspirantes que reúnan os requisitos exixidos ou logo de proposta motivada da comisión técnica de selección, nos termos previstos no artigo 16º desta orde.

4. Cando a provisión se realice polo procedemento de libre designación, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

5. A resolución, co nomeamento do aspirante, de ser o caso, seleccionado, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19º.-Avaliación do desempeño da xefatura.

1. Os aspirantes nomeados polo procedemento de concurso de méritos e avaliación colexiada serán avaliados, antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento, para os efectos de prorrogar o desempeño da xefatura, por idéntico período, ou proceder á súa remoción do posto de traballo. A remoción virá precedida dun procedemento que garanta a audiencia do interesado.

2. Para estes efectos, unha comisión técnica, designada consonte o previsto no artigo 14º, avaliará fundamentalmente a actividade realizada para a implantación do proxecto técnico, de ser o caso, e/ou o cumprimento dos obxectivos da unidade.

3. Cando circunstancias excepcionais, debidamente motivadas, impidan realizar a avaliación no prazo referido, o nomeamento inicial poderá ser prorrogado polo prazo dun ano, período en que deberá realizarse a preceptiva avaliación.

4. A omisión da avaliación non suporá a consideración do nomeamento como definitivo.

Capítulo IV

Provisión de postos de persoal

de xestión e servizos

Artigo 20º.-Sistemas de selección.

1. Os postos de xefatura de servizo, das áreas de xestión e servizos, proveranse polo sistema de libre designación. O mesmo sistema aplicarase para a cobertura dos postos de xefe de cociña e de persoal subalterno de hospital e de xefe de grupo adscrito á dirección. Os outros postos de xefatura, das áreas referidas, serán provistos polo sistema de concurso de méritos.

2. A orde que regule a ordenación do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde poderá determinar outros postos de xefatura que deban ser provistos por libre designación, ou por un procedemento baseado nun concurso de méritos, consonte a estrutura fixada no artigo 23º, e na defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade, nos termos previstos no artigo 16º desta orde.

Artigo 21º.-Requisitos dos aspirantes.

Para participar nas convocatorias para a cobertura de postos das áreas de xestión e servizos, os aspirantes deberán acreditar os seguintes requisitos:

a) Ser persoal estatutario de xestión e servizos, con vínculo de fixeza e situación de servizo activo nalgunha das categorías co nivel ou niveis que a seguir se expoñen:

-Xefe de servizo: grupos A ou B.

-Xefe de sección: grupos A, B ou C.

-Coordinador área atención primaria: grupo B.

-Xefe de grupo: grupos C ou D.

-Xefe de grupo-dirección: grupos C ou D.

-Xefe de equipo: grupos C ou D.

-Xefe de taller: grupos C ou D.

-Xefe de cociña: grupo C.

-Xefe persoal subalterno hospital: grupos D ou E.

-Encargado equipo persoal oficios: grupo D.

-Condutor instalacións: grupo D.

-Encargado de quenda de celadores: grupo E.

b) Posuír as propiedades específicas de titulación académica, formación específica ou clasificación funcional, entre outras, que o órgano convocante determine, coa debida motivación, en atención ás características propias e funcións encomendadas ao posto de traballo.

Artigo 22º.-Comisión de avaliación.

Agás nos supostos de provisión polo sistema de libre designación, os méritos dos aspirantes serán valorados por unha comisión técnica -cun número

impar de membros- designada polo órgano convocante.

Os citados membros terán a condición de persoal estatutario fixo de xestión e servizos, ou funcionario da Administración xeral, de grupo de clasificación igual ou superior ao exixible aos aspirantes.

A comisión axustará a súa actuación ao disposto na normativa vixente reguladora dos órganos colexiados.

Artigo 23º.-Concurso de méritos.

No concurso de méritos aplicarase un baremo coa seguinte estrutura:

1. Experiencia profesional como persoal estatutario, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, na categoría ou categorías que habilitan para o acceso aos postos de traballo. Un máximo de 30 puntos resultantes das seguintes alíneas:

a) Servizos prestados como persoal fixo:

-Na mesma institución sanitaria: 0,25 puntos por mes.

-Noutra institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde: 0,2 puntos por mes.

-En institucións sanitarias doutros servizos sanitarios do Sistema Nacional de Saúde: 0,15.

b) Servizos prestados como persoal temporal:

-Na mesma institución sanitaria: 0,1 puntos por mes.

-Noutra institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde: 0,075 puntos por mes.

-En institucións sanitarias doutros servizos sanitarios do Sistema Nacional de Saúde: 0,05.

2. Méritos específicos (máximo 35 puntos):

a) Experiencia profesional:

-Na institución sanitaria: 0,125 puntos por mes (máximo 10 puntos).

-En postos pertencentes á área funcional en que se incardina o posto convocado: 0,125 puntos por mes.

-En postos de xefatura ou dirección: 0,1 puntos por mes.

A puntuación por estas tres alíneas de experiencia profesional específica será acumulable.

b) Grupo de clasificación: exclusivamente cando, de conformidade co artigo 21, poida acceder ao posto de traballo persoal de diversos grupos de clasificación, primarase a pertenza ao grupo superior con 5 puntos, con asignación de 2,5 puntos pola pertenza, de ser o caso, ao grupo intermedio.

c) Titulación ou formación específica relevante para o desempeño do posto: ata 5 puntos, cando así se estableza na correspondente convocatoria.

3. Outras actividades, realizadas nos últimos 7 anos, indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes para o desempeño das correspondentes funcións (máximo 35 puntos): formación continuada acreditada, en todo caso. Actividades de formación, cando así se estableza na convocatoria, e nos termos que nela se dispoña.

Valorarase en todo caso a formación básica, en materia de prevención de riscos laborais, impartida polo Servizo Galego de Saúde. O límite de 7 anos non se aplicará á formación universitaria posgraduada e a aqueles cursos cuxo contido se manteña vixente no momento da convocatoria.

4. As convocatorias poderán prever a valoración adicional do grao persoal consolidado, nos seguintes termos: por cada nivel en que o grao persoal consolidado supere o nivel asignado ao posto de traballo: 2 puntos (máximo 10 puntos).

Artigo 24º.-Valoración da dedicación profesional.

As convocatorias poderán prever a valoración dun compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria, durante o período de desempeño da xefatura, cunha puntuación adicional de 25 puntos. Esta puntuación poderá reducirse a 15 puntos, na propia convocatoria, coa finalidade de ampliar o número de aspirantes.

A puntuación do compromiso será de 30, 40 ou 50 puntos, nos termos previstos no artigo 17º, naqueles supostos en que o concurso de méritos se complemente coa defensa pública dun proxecto ou entrevista relacionados coa xestión da unidade de conformidade co que establece o punto 2 do artigo 20º.

O compromiso de dedicación exclusiva deberá manifestarse na instancia presentada para participar no proceso. Coa instancia deberá achegarse solicitude de percepción do complemento específico formulada no modelo que figura como anexo I do Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia nº 17, do 25 de xaneiro).

O compromiso, a solicitude e as manifestacións contidas neles unicamente vincularán o aspirante, e producirán efectos no seu réxime de dedicación e retributivo, no suposto de que resulte seleccionado. Noutro caso entenderanse por non presentados.

O incumprimento do compromiso de dedicación exclusiva implicará a perda inmediata do posto de xefatura, acordada polo mesmo órgano que dispuxo o nomeamento.

Artigo 25º.-Resolución.

1. Unha vez valorados os méritos acreditados polos concursantes, publicarase, na forma que determine a convocatoria, a listaxe coas puntuacións, desagregadas por alíneas, asignadas aos aspirantes, con apertura dun prazo non inferior a quince días hábiles para a presentación de reclamacións.

2. Após a valoración das reclamacións pola comisión técnica, publicarase a listaxe coas puntuacións definitivas. As reclamacións formuladas contra a

resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que se publicará na forma que se determine na convocatoria.

3. Cando a provisión se realice polo procedemento de libre designación, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

4. A resolución, co nomeamento do aspirante, de ser o caso, seleccionado, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo V

Disposicións comúns

Artigo 26º.-Autorización da provisión.

A convocatoria dos postos requirirá autorización previa da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, a cal non se poderá outorgar, no caso dos postos de licenciado e diplomado sanitario, sen informe favorable da División de Asistencia Sanitaria.

Para os efectos da autorización, o órgano competente para proceder á convocatoria remitiralle á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional a seguinte documentación:

a) Solicitude, sucintamente motivada, da autorización.

b) Certificado acreditativo da existencia da vacante.

Artigo 27º.-Toma de posesión.

1. O aspirante seleccionado deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

3. O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo, percibíndose os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

4. Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os requisitos de participación que establezan as convocatorias, no relativo á titulación académica exixible, non impedirá a admisión daqueles aspirantes que estean legal ou regulamentariamente habilitados para o desempeño da correspondente profesión ou actividade.

Segunda.-Para os efectos de experiencia profesional, os servizos prestados orixinariamente baixo o réxime laboral ou funcionarial no Sistema Nacional de Saúde, por aquel persoal integrado no réxime estatutario, valoraranse como prestados neste último réxime.

Terceira.-Os preceptos do capítulo IV desta orde, relativos a requisitos de participación e baremos de méritos, poderán ser modificados como consecuencia da aplicación das medidas previstas na disposición adicional oitava do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Cuarta.-O persoal estatutario, con vínculo de fixeza e destino definitivo nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde, que acceda a postos dos servizos centrais da Administración sanitaria da Xunta de Galicia abertos a persoal estatutario, terá dereito á reserva do posto de traballo de orixe.

Quinta.-Os postos de traballo das escolas de enfermaría do Sergas cuxa cobertura deba realizarse polo sistema de libre designación proveranse de conformidade co previsto no capítulo III desta orde, mediante convocatoria pública realizada polo xerente da institución.

O órgano convocante procederá á súa resolución, sen prexuízo do órgano a quen corresponda formular a proposta de designación, de conformidade co previsto no Regulamento de réxime de funcionamento interno das citadas escolas e demais normativa de xeral aplicación aos ditos centros.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os preceptos do capítulo VI do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, relativos á reincorporación do persoal que cese no desempeño de postos de xefatura e coordinación, unicamente serán de aplicación ao persoal que acceda a tales postos após a entrada en vigor desta orde e consonte o réxime establecido nela.

Segunda.-O persoal fixo de xestión e servizos que no momento da entrada en vigor desta orde veña desempeñando postos de xefatura e coordinación con nomeamento provisional, e que resulte cesado como consecuencia das convocatorias tramitadas posteriormente, terá dereito a ser reincorporado ao posto de traballo que teña garantido como destino definitivo, de ser o caso, pola normativa de traslados internos. Noutro suposto terá dereito a ser reincorporado, co mesmo carácter de destino definitivo, nun posto dispoñible na unidade en que estaba cando accedeu ao posto de xefatura. En último termo, pode

rá optar por calquera posto dispoñible na institución, o cal desenvolverá ata a súa oferta e cobertura no próximo procedemento de traslados internos.

Terceira.-Esta orde non será de aplicación aos procesos xa convocados para provisión dos postos de coordinador de técnicos especialistas e de auxiliares de enfermaría, de conformidade co previsto no punto 5 do acordo asinado en mesa sectorial con data do 1 de outubro de 2003 (Diario Oficial de Galicia nº 232, do 28 de novembro). A dita provisión axustarase ao previsto nas devanditas convocatorias.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade