DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 02 de xuño de 2006 Páx. 8.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 26 de maio de 2006 pola que se convocan bolsas de prácticas para estudantes e titulados recentes en ensinanzas de formación profesional da familia agraria e áreas relacionadas.

A normativa vixente en materia de ensinanzas de formación profesional específica recolle a obrigatoriedade de realizar prácticas na especialidade que se curse para que os alumnos adquiran e melloren os seus coñecementos prácticos.

Coa finalidade de facilitar unha máis doada incorporación ao mundo laboral aos estudantes recentemente titulados ou aos que están a realizar ciclos formativos da familia profesional agraria e outras áreas relacionadas mediante a adquisición e mellora dos coñecementos prácticos nos temas propios dos seus estudos, a Consellería do Medio Rural, no uso das súas competencias, convoca bolsas para a realización de prácticas en diferentes unidades e centros dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bolsas teñen por obxectivo compensarlles os gastos ocasionados aos alumnos que realizan estudos de formación profesional da familia agraria e outras áreas relacionadas, polo desprazamento e manutención, durante as xornadas correspondentes á realización das prácticas nas unidades e centros dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

Artigo 2º.-Finalidade.

Realización de traballos prácticos supervisados nas instalacións dos centros de investigación, formación e experimentación agroforestal ofrecidos, para ampliar os seus coñecementos e mellorar o seu adestramento en materias propias dos seus estudos.

Artigo 3º.-Carácter das bolsas.

As bolsas, que se convocan polo réxime de concorrencia competitiva, teñen carácter formativo e desenvolveranse dentro dun programa de traballo titorizado no ámbito da especialidade do ciclo formativo e non implican relación laboral nin administrativa dos beneficiarios coa Consellería do Medio Rural; mais comprometen ao cumprimento das condicións de réxime interno, horario, presenza física e cumprimento das instrucións dos titores designados pola unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

Os titores serán designados polo director do centro ou unidade administrativa onde realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social. No entanto, subscribiráselles a todos os bolseiros unha póliza colectiva de seguro de accidentes e responsabilidade civil, así como de asistencia sanitaria durante o tempo de duración das prácticas.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

As bolsas reguladas por esta orde poderán ser solicitadas por alumnos que durante este curso 2005-2006 estean realizando ensinanzas profesionais dos ciclos medio ou superior nalgún dos centros de formación e experimentación agroforestal da Consellería do Medio Rural, ou en calquera outro dos que figuran como autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na súa oferta educativa das familias agraria, industrias alimentarias e química. Así mesmo, poderán ser solicitadas por alumnos que tiveren rematado os seus estudos no curso académico 2004-2005 nos centros e as materias citadas.

Artigo 5º.-Tipo de bolsas.

Convócanse dous tipos de bolsas, en función da duración destas e da situación académica dos solicitantes, coas características que a seguir se detallan:

Tipo A: 50 bolsas para a realización de prácticas de tres meses como mínimo, no período de xullo a decembro, para alumnos que conclúan os seus estudos no curso 2005/2006 ou os tiveren rematado no 2004/2005. No caso de que existan remanentes orzamentarios, e por proposta da Comisión de Valoración, as bolsas de prácticas poderanse prorrogar mensualmente ata o mes de decembro deste ano, como máximo.

Tipo B: 20 bolsas para a realización de prácticas durante 2 meses, entre os meses de xullo e setembro, para alumnos que acaben o primeiro curso do ciclo formativo correspondente.

As bolsas poden ser reconvertidas nun ou noutro tipo, en función das solicitudes e sempre que non se modifique o montante global orzado.

Artigo 6º.-Requisitos.

Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

-Que os alumnos solicitantes conclúan os seus estudos no curso 2005/2006 ou os tiveren rematado no 2004/2005, ou no momento de realizar a solicitude estean matriculados de 1º ou 2º curso da especialidade correspondente ás prácticas que solicitan, nalgún dos centros de formación e experimentación agroforestal da Consellería do Medio Rural, ou en calquera outro dos que figuran como autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na súa oferta educativa das familias agraria, industrias alimentarias e química.

-A presentación dun certificado do expediente académico do solicitante, que incluirá, en todo caso, as cualificacións globais do último ano de estudos para o caso dos titulados no curso 2004-2005 e as correspondentes á última avaliación para os alumnos actualmente matriculados no curso 2005-2006.

Artigo 7º.-Contía das axudas.

A contía das axudas establécese en 600 euros por mes de prácticas.

Artigo 8º.-Obriga de reintegro.

O incumprimento das obrigas sinaladas ou de calquera das condicións establecidas para a concesión das bolsas reguladas nesta orde dará lugar ao reintegro total ou parcial destas.

Artigo 9º.-Oferta de prazas.

A oferta de prazas, en canto ao número, características e as unidades dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal onde se realizarán as prácticas dos bolseiros, relaciónase no anexo I desta orde. As prazas convocadas poderán ser transferidas entre diferentes unidades en caso de necesidade xustificada.

Artigo 10º.-Formalización e tramitación de solicitudes.

As solicitudes serán cubertas utilizando o modelo normalizado do anexo II e irán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nos rexistros centrais de San Caetano, no rexistro da rúa As Fontiñas, 31, 15703 Santiago de Compostela ou do xeito previsto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para resolver as solicitudes polo conselleiro do Medio Rural será de dous meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo máximo para emitir resolución sen que a Administración a adoptase, os interesados poderán entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo.

Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude da bolsa poderá interporse recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto (anexo II), debidamente cuberto e asinado polo interesado, acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI do interesado.

-Declaración xurada do interesado na cal faga constar que cumpre os requisitos do artigo 6º desta convocatoria, así como de que non realiza ningún traballo remunerado nin se beneficia doutro tipo de bolsa ou axuda simultaneamente para o mesmo fin.

-Certificado das cualificacións globais do último ano de estudos para o caso dos titulados no curso 2004-2005 e as correspondentes á última avaliación para os alumnos actualmente matriculados no curso 2005-2006.

-Xustificación bancaria do número de conta.

Artigo 12º.-Selección e baremo da puntuación.

1. A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión de avaliación presidida polo subdirector xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica da Consellería do Medio Rural e da cal tamén forman parte o xefe do Servizo de Formación Agroforestal; o xefe do Servizo de Transferencia Tecnolóxica e dous funcionarios do Servizo de Formación Agroforestal, un dos cales actuará como secretario.

2. A selección realizarase de acordo coas cualificacións achegadas na certificación académica indicada no artigo 11º. Se as notas non se detallasen numericamente, para efectos de efectuar a selección dos bolseiros tomaranse como referencia os seguintes valores equivalentes: aprobado-5, notable-7, sobresaínte-9 e matrícula de honra-10.

3. Dentro de cada familia profesional, as solicitudes recibidas serán ordenadas segundo a puntuación global obtida. En caso de igualdade de puntuación, terán preferencia, por esta orde, os fillos de agricultores, a condición de muller e a maior idade dos solicitantes.

4. A consellería reservará ata un máximo dun 15% das bolsas de prácticas convocadas para seren adxudicadas a solicitantes que reúnan requisitos excepcionais, xa sexan razóns de interese social, minusvalidez ou discapacidade. En todo caso, os interesados deberán presentar as correspondentes xustificacións, que deberán recibir o informe favorable da Comisión de Valoración.

5. Unha vez rematado o proceso de selección, a Comisión de Avaliación confeccionará a lista provisoria de posibles bolseiros, dentro de cada familia profesional, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Os seleccionados, segundo a orde de prelación establecida pola puntuación obtida, escollerán a unidade de destino dentro das prazas ofrecidas. Esta lista provisoria exporase no taboleiro de anuncios da Consellería do Medio Rural, nos servizos centrais, en San Caetano, Santiago de Compostela. Tamén estará á disposición dos interesados na páxina web desta consellería; así como no Servizo de Formación Agroforestal para calquera consulta, tanto persoal como telefonicamente, con domicilio na rúa As Fontiñas, 31, 15703 Santiago de Compostela, teléfono 981 54 66 50.

6. Abrirase un prazo de 10 días contados a partir da data de publicación da lista provisoria, co fin de realizar consultas e reclamacións sobre esta. Seguidamente, a Comisión de Valoración resolverá as reclamacións, expoñéndose deseguido a lista definitiva de posibles bolseiros, nos mesmos lugares e forma citados anteriormente.

Artigo 13º.-Adxudicación e pagamento.

A Comisión de Valoración, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará chegar a corres

pondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes ao director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

1. Realizada esta proposta, o conselleiro do Medio Rural resolverá a concesión destas bolsas.

2. O subdirector xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica da Consellería do Medio Rural comunicaralles aos solicitantes seleccionados e á dirección dos centros e unidades onde se realizarán as prácticas a concesión ou denegación das axudas e a data de incorporación dos bolseiros.

3. De producirse calquera incidencia no desenvolvemento dalgunha das bolsas de prácticas que poida afectar o pagamento desta, a dirección do centro ou unidade desta consellería ten a obriga de comunicarlla inmediatamente ao Servizo de Formación Agroforestal e ao remate de cada mes certificará o cumprimento correcto polo bolseiro do labor encomendado.

4. As posibles baixas ou renuncias ofreceranse, por estrita orde segundo se produzan, aos candidatos que conforman as listas de suplentes, de acordo coa súa puntuación. Só se ofrecerán aquelas bolsas de prácticas de tipo A, cando a baixa ou renuncia dos bolseiros se produza dentro do primeiro mes de prácticas.

5. O pagamento irase facendo mes a mes, a excepción do establecido no punto 3 deste artigo. No caso do último mes, o pagamento quedará condicionado a que previamente se reciban os informes citados no punto 7.

6. Se durante o período de prácticas o bolseiro causa baixa ou perde a condición como tal, pagaráselle o importe correspondente ao tempo transcorrido ata a data de baixa ou de perda da condición de bolseiro.

7. Nos 15 días seguintes á finalización do período de prácticas, os bolseiros remitiranlle ao antedito servizo un informe final, no cal resuman de forma detallada a totalidade do traballo e actividades realizadas. Ao finalizar a bolsa de prácticas, a dirección do centro ou unidade desta consellería tamén deberá remitir un breve informe do titor designado sobre o labor desempeñado polo bolseiro.

Artigo 14º

O importe destas bolsas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.322.L.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cunha dotación inicial de douscentos quince mil euros (215.000 A), na cal se inclúe crédito suficiente para a cobertura dunha póliza colectiva de seguro de accidentes e responsabilidade civil, así como de asistencia sanitaria para os beneficiarios das bolsas.

Artigo 15º.-Perda da condición de bolseiro.

1. O bolseiro perderá a condición como tal no momento en que incumpra calquera dos requisitos que se establecen nesta orde; se non se presenta ou deixa de asistir ao destino onde realiza as prácticas e, en calquera caso, cando a dirección do centro ou unidade onde se realizan as prácticas emita informe negativo sobre a actitude do bolseiro no desempeño do labor encomendado.

2. Garantirase en todo caso a audiencia do bolseiro afectado.

Artigo 16º.-Modificación, seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa de prácticas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O beneficiario da axuda estará obrigado a facilitar a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Artigo 17º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Igualmente, os beneficiarios desta orde de axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).

3. En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999) e no Decreto 287/2000 polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal para ditar as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde, que entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

UnidadeFamiliaEspecialidadeNº bolsas

profesionalTipo ATipo B

Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña)AgrariaExplotacións agrarias extensivas; explotacións gandeiras; xestión e organización da empresa agropecuaria; xardinaría; explotacións agrícolas intensivas9-

QuímicaLaboratorio6-

Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Abegondo-A Coruña)QuímicaLaboratorio3-

Centro de Formación e Experimentación Agraria

de Guísamo (Bergondo-A Coruña)

AgrariaXardinaría; explotacións agrícolas intensivas23

Centro de Formación e Experimentación Agraria

de Sergude (Boqueixón-A Coruña)

AgrariaExplotacións agrarias extensivas; explotacións gandeiras; xestión e organización da empresa agropecuaria; traballos forestais e de conservación do medio natural24

UnidadeFamiliaEspecialidadeNº bolsas

profesionalTipo ATipo B

Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá (Becerreá-Lugo)AgrariaExplotacións agrarias extensivas; explotacións gandeiras; traballos forestais e de conservación do medio natural; xestión e organización dos recursos forestais e paisaxísticos24

Centro de Formación e Experimentación Agraria

de Monforte de Lemos (Monforte de Lemos-Lugo)

AgrariaExplotacións agrarias extensivas; explotacións gandeiras; explotacións agrícolas intensivas23

Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias (Ribadeo-Lugo)AgrariaExplotacións agrarias extensivas; explotacións gandeiras; explotacións agrícolas intensivas22

Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense)AgrariaExplotacións agrarias extensivas; xardinaría; explotacións agrícolas intensivas2-

Industrias alimentariasElaboración de viños

e outras bebidas

2-

QuímicaLaboratorio3-

UnidadeFamiliaEspecialidadeNº bolsas

profesionalTipo ATipo B

Centro Tecnolóxico da Carne (S. Cibrao das Viñas-Ourense)Industrias alimentariasIndustria alimentaria; elaboración de viños e outras bebidas; conserveira vexetal, cárnica e de peixe2-

QuímicaLaboratorio3-

Estación Experimental de Horticultura Intensiva do Baixo Miño (Salceda de Caselas-Pontevedra)AgrariaExplotacións agrarias extensivas; xardinaría; explotacións agrícolas intensivas3-

Estación Experimental de Viticultura de Ribadumia (Ribadumia-Pontevedra)AgrariaExplotacións agrarias extensivas; xardinaría; explotacións agrícolas intensivas2-

Industrias alimentariasElaboración de viños

e outras bebidas

1-

QuímicaLaboratorio1-

Centro de Formación e Experimentación Agraria

de Lourizán (Lourizán-Pontevedra)

AgrariaTraballos forestais e de conservación do medio natural; xestión e organización dos recursos forestais e paisaxísticos34