DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 02 de xuño de 2006 Páx. 8.862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 23 de maio de 2006 pola que se convoca o programa Gzcrea 2006.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume

as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica a que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Polo exposto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Gzcrea 2006.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Gzcrea 2006, que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, fotografía, moda, música, relato, poesía, vídeo, gastronomía, banda deseñada, graffiti e carteis.

Artigo 2º.-Orzamento.

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 05.32.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cunha contía de 95.100 A.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar a participación os mozos ou mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2006.

Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañaran o primeiro premio desa mesma especialidade nalgunha das edicións anteriores.

Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

Salvo no caso da especialidade de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 4º.-Inscricións.

1. A solicitude dos/das participantes deberá facerse no impreso normalizado (anexo I).

2. Esta solicitude deberá ir acompañada:

2.1. Se é o caso da obra, ou documentación que corresponda, de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta. Tanto na obra como na documentación citada non figurarán datos que identifiquen o autor/a.

2.2. Dun sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do autor/a e no que irá o boletín de inscrición (anexo II), debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI polas dúas caras ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade (se o participante é un grupo será a de todos os membros do grupo). No caso de teatro, ademais, a fotocopia do NIF do grupo.

-No caso de que o participante sexa menor de idade, autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

-No caso dos mozos e mozas non galegos, residentes en Galicia, ademais do documento oficial que acredite suficientemente a identidade, certificado de empadroamento.

-Currículo do participante ou do grupo de ser o caso, que deberá presentarse en papel e tamén en CD (ou disquete).

-Declaración responsable na que quede constancia de que non mantén relación contractual ningunha con empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que non está dada de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

-Declaración responsable na que quede constancia de que a obra non foi premiada en ningún outro certame ou concurso.

-No caso de teatro, moda, música e graffiti certificación orixinal acreditativa do número de conta bancaria (vinte díxitos) e do seu titular, que no caso do teatro terá que corresponder co titular do NIF ao que se refire o primeiro punto deste parágrafo.

3. As solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou no rexistro da delegación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15071 A Coruña.

R/ Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32071 Ourense.

R/ Concepción Arenal, 8-1º, 36201 Vigo.

R/ Pai Fernando Olmedo, 1º, 36002 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 5º.-Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación das solicitudes será ata o día 15 de setembro de 2006 inclusive, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42º.

Artigo 6º.-Comisión de Selección.

Constituirase unha comisión de selección que será nomeada polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar para cada especialidade e estará integrada por un presidente, un secretario e un máximo de sete vogais. Actuará como presidente o director xeral de Xuventude e Solidariedade ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore, a secretaría recaerá nun funcionario da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, con voz pero sen voto.

Os nomes dos integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web www.rix.org con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da Comisión de Selección serán inapelables.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 5º, as solicitudes que non cumpran os requisitos establecidos nesta orde non serán admitidas a trámite, ditarase para o efecto a oportuna resolución.

2. As demais solicitudes remitiránselle á Comisión de Selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

Corresponderalle ditar a resolución ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Obras e premios.

1. Cada participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade se é o caso.

2. As obras presentadas polos/as participantes non poderán ter sido premiadas noutros certames ou concursos.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os/as participantes.

4. Establécense os seguintes premios por especialidade (teatro, artes plásticas, fotografía, moda, música, relato, poesía, vídeo, gastronomía, banda deseñada, graffiti e carteis):

Un primeiro premio de 3.000 A.

Un segundo premio de 1.500 A.

Un terceiro premio de 1.000 A.

Con carácter xeral, poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante. Así mesmo, poderanse conceder mencións de honra, que carecerán de dotación económica, ás obras dos/as participantes menores de idade para os efectos de recoñecemento da súa participación.

5. Cada participante non poderá recibir máis que un premio por especialidade.

6. Estes premios poderán ser complementados con axudas económicas de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

8. Entregaránselles diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

9. Segundo a calidade das obras, poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se vai repartir será de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 9º.-Destino e devolución das obras.

1. As obras dos participantes premiados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. As obras dos participantes non premiados, ou se é o caso o que presentou no seu lugar, serán retiradas por eles ou por persoa autorizada no lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da Comisión de Selección.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e poderán ser destruídas ou utilizadas na forma que considere oportuna.

3. Queda implícita a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade dos participantes a montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

4. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas nesta convocatoria, propiciando mostras itinerantes en Galicia e noutras comunidades autónomas, e se é o caso a edición de catálogos e outros soportes diferentes das obras presentadas.

Capítulo II

Parte específica

Sección primeira

Teatro

Artigo 10º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozas ou mozos galegos ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2006. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos.

En calquera caso, tanto os/as integrantes da dirección coma os/as do equipo técnico poderán superar a idade máxima.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán a seguinte:

-Listaxe dos/das compoñentes do grupo, indicando a idade e función.

-Unha síntese da obra (título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa, etc.).

-DVD dunha representación da obra a concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do ano 2006.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autores/as galegos, españois ou estranxeiros.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder unha hora e corenta e cinco minutos.

7. A comisión seleccionará para a fase final seis grupos que serán os que representarán as obras ante esta, no lugar e na data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, para o que se establece unha cantidade fixa de 600 euros por grupo, co fin de cubrir os gastos orixinados polas representacións.

A xuízo da comisión de selección un dos grupos premiados estará obrigado a representar a obra no lugar e na data que se lle indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso, que en calquera caso será no último trimestre do ano. No caso do incumprimento desta obriga, o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. Co fin de cubrir os gastos orixinados pola representación, establécese unha cantidade fixa de 1.200 euros.

Sección segunda

Artes plásticas

Artigo 11º.-Condicións xerais.

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura, escultura e instalacións.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte documentación:

-Dossier fotográfico en cor da obra presentada, en soporte papel (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. No caso de obras escultóricas, as fotografías do dossier deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais seranlles requiridas aos participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición.

-Declaración responsable de que a obra que figura no dossier fotográfico non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

-Ficha técnica da obra na que se indicará o título, ano de realización, técnica empregada, dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso de escultura).

-No proxecto de instalación achegarase ademais a seguinte documentación: memoria explicativa do traballo artístico, planos, bosquexos e todo o material informativo que facilite a comprensión da obra.

3. Para a exposición, a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade que en calquera caso será o último trimestre do ano.

4. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, no seu momento, porase en contacto cos autores/autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data na que terá lugar a dita exposición, todo isto sen prexuízo do disposto na alínea 10 deste artigo.

5. Os/as participantes seleccionados para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe farase polo autor ou autora.

6. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas polos autores/as empregando unha embalaxe de material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

7. As obras presentadas serán orixinais.

8. O tema e as técnicas serán libres.

9. As pinturas deben levar marco ou bastidor.

10. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras, se ben a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade subscribirá unha póliza que asegure, única e exclusivamente, as obras que sexan seleccionadas para a exposición e durante o tempo que esta dure, de ata un máximo de 600 A por obra.

Sección terceira

Fotografía

Artigo 12º.-Condicións xerais.

1. A participación será a título individual.

2. As obras serán orixinais e inéditas.

3. O tema e a técnica serán libres.

4. Pódense presentar reproducións en branco e negro ou en cor.

5. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte documentación:

-Fotografía en cor en tamaño reducido estándar (aprox. 10x15 cm) da obra presentada, adherida a un folio (preferentemente DIN A-4), no que figurará a ficha técnica da obra. A fotografía presentarase

tamén en CD. As obras orixinais seranlles requiridas aos participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición.

-Declaración responsable de que a fotografía non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

-Ficha técnica da obra na que se indicará o título, ano de realización, técnica empregada e dimensións reais.

6. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade que en calquera caso será no último trimestre do ano.

7. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, no seu momento, porase en contacto cos autores/autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data na que terá lugar a dita exposición que en calquera caso será o último trimestre do ano, todo isto sen prexuízo do disposto na alínea 9 deste artigo.

8. Os/as participantes seleccionados para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe e serán enviadas empregando unha embalaxe de material ríxido e suficientemente sólido que asegure a sua integridade.

9. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produzan nas obras, se ben a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade subscribirá unha póliza que asegure, única e exclusivamente, as obras que sexan seleccionadas para a exposición e durante o tempo que dure esta, de ata un máximo de 600 A por obra.

Sección cuarta

Moda

Artigo 13º.-Condicións xerais.

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e nas mesmas condicións, os participantes presentarán o seguinte:

-Unha colección coherente de cinco estilismos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Estes deseños presentaranse en láminas de formato DIN A-3 (297 mmx420 mm), con deseño de fronte e de costas.

-Dossier fotográfico en cor da obra presentada en soporte papel (preferentemente en DIN A-4) e no que se conteñan ilustracións dos modelos, ficha técnica da colección e mostra dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 14º.-Desenvolvemento.

A comisión seleccionará para a fase final 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco

modelos obrigatorios, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán ante esta no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que en calquera caso será o último trimestre do ano.

Outorgarase unha cantidade fixa de 1.000 euros para cada un dos 10 seleccionados como apoio á confección dos modelos.

Artigo 15º.-Premios.

Terán tamén como axuda complementaria unha bolsa de 3.000 euros cada un dos tres premiados, para formación téxtil.

Sección quinta

Música

Artigo 16º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25% dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos. Poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos/coas participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Maqueta en disco compacto ou cinta casete debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polo/s compoñente/s inscrito/s, cun máximo de dous temas, que serán os que avaliará a Comisión de Selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego, en calquera caso un dos temas deberá ser en galego.

-Ficha técnica na que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

-Fotografía recente do grupo ou solista.

-Relación nominal mecanografada dos compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

-Letras, se as houbese, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

-Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado.

-Declaración responsable acreditativa de que o participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD ou disquete.

3. Os temas serán de creación propia e nunca editados antes en ningún soporte.

4. A comisión seleccionará para a fase final ata un máximo de seis participantes que serán os/as que actuarán ante esta, no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que en calquera caso será o último trimestre do ano. Co fin de cubrir os gastos ocasionados pola actuación, establécese unha cantidade fixa de 500 euros no caso de grupos ou 250 no caso de solistas.

5. Para as actuacións da fase final os/as participantes levarán os seus propios instrumentos, salvo a batería, que será proporcionada pola organización.

6. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado única e exclusivamente polos técnicos da organización.

7. A xuízo da Comisión de Selección, un dos grupos/solistas premiados estarán obrigados a actuar no lugar e data que se lle indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso, que en calquera caso será o último trimestre do ano. No caso do incumprimento desta obriga, o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. Co fin de cubrir os gastos orixinados pola actuación establécese, unha cantidade fixa de 500 euros.

Sección sexta

Relato

Artigo 17º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 20 páxinas e máxima de 30, cada páxina debe conter un mínimo de 2.300 caracteres sen espazos. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en triplicado exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deben presentarse tamén en CD ou disquete.

Sección sétima

Poesía

Artigo 18º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 100 versos e máxima de 300 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN A-4, e en formato Times New Roman 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en triplicado exemplar.

Sen prexuízo do anterior, as obras deben presentarse tamén en CD ou disquete.

Sección oitava

Vídeo

Artigo 19º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Unha ficha técnica da obra na que se inclúa o título, un breve argumento, data e lugar de realización, unha fotografía do vídeo e datos técnicos e artísticos de interese.

4. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora desta.

En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión, en caso contrario a obra será rexeitada.

5. A duración de cada obra non poderá exceder de vinte minutos.

6. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2005.

7. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade reserva para si o dereito a solicitarlles aos participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

8. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Sección novena

Gastronomía

Artigo 20º.-Condicións xerais.

1. A participación será a título individual.

2. As receitas serán orixinais e deberán basearse en produtos enteiramente galegos e preferentemente con produtos acollidos ás distintas denominacións xeográficas ou outras figuras de protección da calidade diferencial, principalmente produtos que ostenten o distintivo Galicia Calidade.

3. Cada participante poderá presentar ata un máximo de dúas receitas nas que se indiquen os ingredientes que se empregarán, o proceso de elaboración e requirimentos técnicos necesarios para esta e a presentación.

4. Só se admitirán as receitas que se poidan servir ou elaborar como prato principal con dúas guarnicións.

5. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Tres copias das receitas, en formato Word.

-Fotografías en cor dos pratos (calidade de imprenta).

-Tempo estimado de elaboración.

6. A comisión seleccionará para a fase final ata un máximo de dez participantes que terán que elaborar a receita nas condicións que se determinen por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade que en calquera caso será o último trimestre do ano.

7. Para a elección dos premiados a comisión terá en conta, por unha banda: a limpeza, orde no traballo, aproveitamento e técnicas do produto empregados, e por outra: cor, olor, sazón, sabor e presentación, entre outros.

8. Para a elaboración dos pratos non se poderán empregar produtos elaborados.

9. Será motivo de descualificación a entrega dos pratos fóra do tempo e do horario establecido pola organización.

Sección décima

Banda deseñada

Artigo 21º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección undécima

Graffiti

Artigo 22º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ser o caso, en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter ata un máximo de 5 membros. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN A-3.

-Fotografía do graffiti realizado máis recentemente polo solicitante.

5. A comisión, tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colo

rido (que deberán responder á maior calidade) seleccionará para a fase final un máximo de seis participantes que serán requiridos para realizar un mural de aprox. 4 mx2 m ante esta, no lugar e na data que determinará a Direción Xeral de Xuventude e Solidariedade, para o que se establece unha cantidade fixa de 300 euros por participante co fin de cubrir os gastos de material. A realización do mural farase en calquera caso no último trimestre do ano.

6. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección duodécima

Carteis

Artigo 23º.-Condicións xerais.

1. A participación será a título individual.

2. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

3. O tema e a técnica serán libres dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica.

4. As obras deberán presentarse sobre cartón, cartón pluma ou similar, en formato vertical, cunhas medidas de 47x64 cm e presentaranse suficientemente protexidas e montadas sobre un soporte ríxido e desmontable que permita a súa perfecta exposición.

5. En ningún caso se admitirán obras cuxo soporte supoña perigo para o seu almacenamento ou montadas con materiais que poidan danar a súa integridade.

6. A comisión seleccionará para a exposición as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que en calquera caso será no último trimestre do ano.

7. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago Compostela, 23 de maio de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar