DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.779

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de maio de 2006 pola que se convocan axudas dirixidas a alumnado da ESO e do bacharelato para realizar actividades de inmersión lingüística no estranxeiro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Decreto 585/2005, do 29 de setembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No seu artigo 5º dispón que lle corresponde á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa entre outras as seguintes funcións: «a ordenación, elaboración e renovación dos programas educativos das ensinanzas non universitarias de réxime xeral; a determinación das normas e das orientacións precisas para súa efectividade e adaptación ás necesidades educactivas específicas do alumnado; a proposta de programas e proxectos específicos ou experimentais; a planificación, execución e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento e actualización do profesorado de diferentes áreas e niveis, agás os específicos de formación profesional e ensinanzas de réxime especial».

A integración plena no contexto europeo exíxenos unha intercomunicación tanto no plano cultural como no laboral na cal o coñecemento de linguas estranxeiras se fai imprescindible. A Comisión Europea, dentro do seu Programa de Traballo Educación e Formación 2010, considera que a comunicación nunha lingua estranxeira é unha das competencias clave para a sociedade do coñecemento. O dominio dunha primeira e segunda lingua estranxeira pode considerarse como unha necesidade de primeira orde para o cidadán do século XXI, contribuíndo de xeito esencial á formación integral do alumnado. A consecución destes obxectivos debe igualmente considerarse desde a perspectiva da contribución a reforzar unha cidadanía europea activa. Na procura destes fins, a Administración educativa galega é cons

ciente da súa tarefa na formación dos alumnos e no deseño de actividades formativas que lles proporcionen a oportunidade de enriquecer os coñecementos nestas linguas e no seu contorno cultural.

Está recoñecido que a mellor maneira de chegar a esa capacidade de comunicación é un proceso de inmersión onde a lingua vehicular sexa a lingua en proceso de aprendizaxe. Non todas as familias galegas teñen a posibilidade de lles facilitar aos seus fillos o acceso a esta liña de coñecemento. Baseándose na cooperación activa entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e institucións e organizacións educativas estranxeiras, establécese un deseño de actividades formativas, dirixidas ao alumnado da ESO e o primeiro curso do bacharelato, para realizar no Reino Unido, Irlanda e Francia que lles facilite a mellora da competencia lingüística e fomente o interese pola cultura deses países.

Por todo iso, dentro dun plan máis completo de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e ámbito da convocatoria.

O obxecto desta orde é convocar 294 axudas dirixidas a alumnado da ESO e do bacharelato, que se establece no punto cuarto desta orde, para realizar actividades de formación no estranxeiro durante o curso 2005-2006.

Segundo.-Actividades ás cales se dirixen as axudas.

As actividades de formación desta convocatoria teñen como obxecto mellorar a competencia no uso de linguas estranxeiras: inglés e francés para o alumnado desta comunidade autónoma en seis estadías cunha duración de catro semanas, no mes de agosto, no Reino Unido, Irlanda e Francia. As actividades desenvolveranse segundo as especificacións do anexo II.

A Administración reservase para si o dereito de lles adxudicar o centro para o desenvolvemento da actividade de inmersión lingüística aos solictantes.

De consideralo necesario, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá ofertar unha segunda quenda.

Terceiro.-Condicións económicas.

Os gastos da viaxe desde o aeroporto correspondente, os de docencia e actividades complementarias dos cursos en Irlanda, Reino Unido e Francia así como os de aloxamento e mantenza, serán financiados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-Beneficiarios e requisitos.

Poderá solicitar a participación en actividades de formación para a mellora da competencia no uso de linguas estranxeiras o alumnado dos cursos 4º e 3º da ESO, nesta orde, dos centros sostidos con fondos públicos dependentes desta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. De non cubrirse o número de prazas ofertadas poderá participar o alumnado do 1º curso de bacharelato e de 2º da ESO, nesta orde, dos centros sostidos con fondos públicos dependentes desta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os solicitantes destas actividades deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Que as persoas solicitantes ou, de ser o caso, os declarantes da unidade familiar, teñan domicilio fiscal no territorio da Comunidade Autónoma galega.

b) Os beneficiarios deberán estar cursando os cursos requiridos no punto cuarto desta convocatoria.

c) Os beneficiarios deberán ter unha nota media igual ou superior a seis no curso 2004-2005 na área de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía.

d) As persoas participantes nas estadías non deben ter solicitada nin concedida ningunha outra axuda para estadías no estranxeiro iguales ou similares ás establecidas nesta orde de convocatoria.

Quinto.-Prazo e presentación das solicitudes.

As solicitudes, xunto cos anexos e a documentación complementaria, deberán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. O enderezo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela.

Sen prexuízo de que as solicitudes poidan presentarse no centro educativo en que estean matriculados os/as alumnos/as, nese caso o equipo directivo deberá remitir a solicitude á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cumprindo o prazo e condicións estipuladas no parágrafo anterior.

Sexto.-Documentación que hai que presentar.

1. Documentación obrigatoria.

1.1. Anexo I desta convocatoria debidamente cuberto coa sinatura e o selo do director do centro educativo do alumnado solicitante.

1.2. Declaración xurada de non desfrutar ou ter solicitado unha axuda para estadías igual ou similar ás

establecidas nesta orde de convocatoria segundo o modelo de anexo V desta orde.

2. Documentación complementaria para os solicitantes que se atopen nos correspondentes casos.

2.1. Copia compulsada da declaración ou declaracións, segundo proceda, da renda correspondente ao exercicio de 2004, ou documento acreditativo actualizado da Axencia Tributaria de non estar suxeito á declaración ante a Facenda Pública.

2.2. Fotocopia compulsada do libro de familia para os casos en que se alegue orfandade, viuvez ou divorcio do sustentador principal.

2.3. Certificado do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 33% acreditado polo equipo de valoración e orientación de minusvalidez (EVO) da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou de pensionistas de clases pasivas que acredite unha pensión de grande invalidez.

2.4. Fotocopia do carné de familia numerosa.

2.5. Declaración xurada de formar parte dunha familia monoparental, na cal o seu sustentador principal é viuvo/a, pai ou nai solteiro/a, divorciado/a ou separado/a legalmente ou de feito segundo o modelo do anexo IV desta orde.

Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados documentalmente, nin os que se aleguen fóra do prazo a que se refire a base cuarta desta convocatoria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir do interesado en calquera momento a xustificación daqueles méritos alegados que non estean debidamente acreditados.

Todas as fotocopias que se remitan deberán ir acompañadas das dilixencias de compulsa expedidas polos directores dos centros educativos ou das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos no citado artigo.

Sétimo.-Comisión avaliadora.

A selección das persoas beneficiarias desta convocatoria realizara unha comisión integrada polos seguintes membros:

* Presidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

* Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola presidenta da comisión avaliadora, con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membros da Inspección Educativa.

* Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Oitavo.-Criterios de valoración.

Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder esta axuda serán:

1. Renda familiar dos pais/nais dos solcitantes. Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos obtidos por todos os membros computables no ano 2004 e entenderase que son ingresos de base da familia.

Ao cociente dos ingresos anuais polo número de membros computables da familia adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.904 A: 10 puntos.

De 3.904,01 A a 4.429 A: 8 puntos.

De 4.429,01 A a 4.961 A: 7 puntos.

De 4.961,01 A a 5.484 A: 6 puntos.

De 5.484,01 A a 6.060 A: 5 puntos.

De 6.060,01 A a 6.540 A: 4 puntos.

De 6.540,01 A a 7.072 A: 3 puntos.

De 7.072,01 A a 7.596 A: 2 puntos.

De 7.596,01 A a 8.126 A: 1 punto.

Máis de 8.126 A: 0.

2. Aos aspirantes con circunstancias familiares especiais engadiráselles ata un máximo de 2,5 puntos. Considéranse neste punto situacións como:

-O ser orfos de pai e nai: 1 punto.

-Pertencer a familias onde algún dos membros con que conviva (en primeiro ou segundo grao por consanguinidade ou afinidade) teña unha minusvalidez de grao igual ou superior ao 33% ou sexan pensionistas de grande invalidez: 0,5 puntos.

-Pertencer a familias monoparentais, nas cales o seu sustentador principal sexa viúvo/a, pai ou nai solteiro/a, divorciado/a ou separado/a legalmente ou de feito: 0,5 puntos.

-Pertencer a familias numerosas (de 3 ou máis irmáns): 0,5 puntos.

Noveno.-Procedemento de adxudicación.

Finalizada a preselección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no edificio administrativo de San Caetano e nos das delegacións provinciais, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (www.edu.xunta.es) na internet.

A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das actividades perante a presidenta da comisión. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevaralle a proposta definitiva á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria que resolverá a relación final das persoas seleccionadas. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase nos taboleiros de anuncios e no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (www.edu.xunta.es) na internet.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (coas modificacións da Lei 4/1999), ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.

Décimo.-Comunicación.

Unha vez efectuada a adxudicación das prazas, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa enviaralles aos pais/nais ou representantes legais dos participantes seleccionados unha comunicación relativa ao centro de inmersión asignado para a súa estadía. A esta xuntaráselle unha copia do anexo III que deberá ser devolto á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa unha vez asinado.

Décimo primeiro.-Contía das axudas.

O importe total de 750.000 A que se distribuirá nesta convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 0902323A4804 para o ano 2006.

Décimo segundo.-Difusión desta convocatoria.

A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado. O contido desta orde e a informacíon complementaria -acreditación dos centros receptores, póliza de seguros e responsabilidade civil, e os seus respectivos enderezos electrónicos- atoparanse na páxina da internet www.edu.xunta.es, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, sección convocatorias e actualidade.

Décimo terceiro.-Habilitación normativa.

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Décimo cuarto.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Décimo quinto.-Recursos.

Contra esta orde os interesados poden interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2006.

Laura Sánchez Piñon

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

O obxectivo das actividades de inmersión lingüística e darlles a oportunidade aos alumnos de practicar o inglés ou o francés nun país desta fala nun contexto pedagóxico e lúdico nun marco de actividades escolares e de entretemento favorecendo o dominio da lingua inglesa ou francesa grazas á realización de actividades pracenteiras.

O programa de inmersión lingüística constará de 6 estadías que terán lugar no mes de agosto para grupos dun máximo de 50 alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma galega.

As persoas asistentes seleccionadas serán convocadas ao aeroporto correspondente o día da viaxe onde serán integrados no grupo que lles corresponda. Cada un destes grupos terá asignados os monitores correspondentes que acompañarán o alumnado durante a viaxe de ida, a estadía no país estranxeiro e a viaxe de volta.

Durante a participación na actividade o alumnado e os acompañantes estarán asistidos por un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Os lugares en que terán lugar e as datas son:

1. Unha estadía para un grupo de 50 alumnos, acompañados de tres monitores, no Reino Unido do 2 ao 30 de agosto de 2006

2. Unha estadía para un grupo de 50 alumnos, acompañados de tres monitores, no Reino Unido do 28 de xullo ao 25 de agosto de 2006.

3. Unha estadía para un grupo de 50 alumnos, acompañados de tres monitores, en Irlanda do 28 de xullo ao 25 de agosto de 2006.

4. Unha estadía para un grupo de 50 alumnos, acompañados de tres monitores, en Irlanda do 28 de xullo ao 25 de agosto de 2006.

5. Unha estadía para un total de 50 alumnos en Francia. Viaxarán en dous grupos de 25 alumnos acompañados cada un deles por dous monitores. As datas serán para o primeiro grupo do 28 de xullo ao 25 de agosto de 2006 e do 30 de xullo ao 27 de agosto de 2006 para o segundo grupo.

6. Unha estadía para un grupo de 44 alumnos, acompañados de tres monitores, en Francia. As datas serán do 31 de xullo ao 27 de agosto de 2006.

Programa das actividades en Irlanda e no Reino Unido:

-Aloxamento en familias seleccionadas da localidade en réxime de pensión completa, a comida de mediodía nos días lectivos será de tipo pícnic.

-15 a 20 horas de clases semanais nun ambiente multinacional.

-1 excursión de día completo a un centro de interese próximo.

-1 excursión de medio día á semana.

-Programa completo de actividades culturais e deportivas durante as tardes.

-Libros e material escolar.

-Certificado de asistencia do centro estranxeiro ao finalizar o curso.

Programa das actividades en Francia:

-Aloxamento en residencia en habitacións dobres.

-15 a 20 horas de clases á semana.

-1 excursión de día completo a un centro de interese próximo.

-Programa completo de actividades culturais e deportivas durante as tardes.

-Libros e material escolar.

-Certificado de asistencia do centro estranxeiro ao finalizar o curso.