DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de maio de 2006 pola que se aproban as bases e se convocan premios á innovación educativa para o profesorado de centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos, para o ano 2006.

A eficacia da educación depende en gran medida da capacidade de renovación do profesorado e do sis

tema educativo adecuándose ás novas demandas sociais, ás circunstancias sempre cambiantes do alumnado, aos novos coñecementos científicos e didácticos e aos correspondentes métodos e instrumentos utilizados que potencien o achegamento do sistema educativo á realidade social. A innovación e a investigación sobre a práctica docente é unha das canles de perfeccionamento do profesorado e de mellora da práctica educativa. Neste marco faise necesario impulsar a innovación educativa e recoñecer o traballo realizado polo profesorado que, individual ou colectivamente, está a levar adiante prácticas educativas innovadoras.

Por isto, a través desta convocatoria preténdese fomentar o desenvolvemento de experiencias innovadoras e de materiais educativos que supoñan a utilización de ferramentas propias da sociedade da información na práctica educativa, incentivando o seu profesorado.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta orde é a convocatoria de premios á innovación e investigación educativa nas seguintes modalidades:

a) Premios a experiencias educativas que supoñan innovacións metodolóxicas e didácticas sobre calquera área e sobre a organización dos centros docentes.

b) Premios a materiais educativos multimedia e interactivos en contorno web, e/ou a ferramentas de autor que permitan a creación de materiais curriculares neste contorno, e que supoñan innovacións metodolóxicas e didácticas sobre calquera área, nivel ou materia.

Artigo 2º.-Número de premios e dotación económica.

Os premios aos que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución en categorías:

-Un primeiro premio de 3.000 A para cada unha das modalidades.

-Dous segundos premios de 1.500 A para cada unha das modalidades.

-Dez terceiros premios de 1.000 A para cada unha das modalidades.

-Dous premios especiais de 2.000 A aos materiais multimedia dirixidos á atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A cantidade total destinada a estes premios é de 36.000 euros, e o seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.323A.640.1 dos orzamentos de 2006.

Os premios poderán ser declarados desertos. Con carácter excepcional e por acordo motivado do xurado, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá determinar a redistribución da contía de premios declarados desertos entre algunha das outras categorías e modalidades da convocatoria.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderá participar nesta convocatoria, a título individual ou en grupo, o profesorado que desenvolvese as experiencias que presenta no curso 2005-2006 en centros educativos sostidos con fondos públicos.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes para as dúas modalidades comeza o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de setembro de 2006.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

Para a participación nesta convocatoria, será necesaria a presentación de:

a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, asinada polo autor/a ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo (anexo I).

b) Certificación do director/a do centro educativo no que estea destinado cada docente, que deberá incluír o DNI, acreditativa de que o autor ou cada membro do grupo presta os seus servizos como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinado neste durante a realización da experiencia (anexo II).

c) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou produtos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados ou se obtivo bolsa por eles con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas (anexo III).

d) Cada participante debe achegar unha copia compulsada do seu DNI e unha certificación bancaria de que é titular da conta declarada na solicitude.

e) Autorización, se é o caso, para o uso de imaxe de menores (anexo IV).

f) No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado terán que achegar un escrito asinado polos posuidores deses dereitos declarando a aceptación das bases deste concurso.

g) Memoria descritiva da experiencia.

h) Material que presenta, en soporte óptico.

Nas dúas modalidades, a documentación -anexos-, así como o material -memoria (modalidade A) e recurso e/ou ferramenta de autor (modalidade B)- presentaranse en sobre pechado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se envíe por correo certificado, a documentación que deberá xuntarse co traballo terá que ser datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando non se achegue a documentación exixida, as persoas interesadas serán requiridas para a súa presentación nun prazo máximo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación efectuada.

Artigo 6º.-Características da memoria descritiva.

Para a modalidade A, presentaranse 2 copias: unha en soporte óptico (CD-ROM), e outra en papel, coa

memoria descritiva da experiencia educativa, cunha extensión máxima de 33.000 caracteres (espazos incluídos). A súa estrutura axustarase ao seguinte esquema:

a) Portada: título, centro, autoría, sinopse do traballo en 4 liñas, delimitación do campo de traballo (ciclo, cursos, áreas ou materias).

b) Índice con ligazóns activas.

c) Guía didáctica: xustificación, obxectivos, contidos, metodoloxía, temporalización, organización de espazos e de tempos, actividades, plan de avaliación (indicadores e incidencia na práctica educativa).

d) Mecanismos establecidos para a coordinación, no caso de participantes de varios centros.

Poderanse presentar no soporte que se considere oportuno, preferiblemente en soporte óptico outros materiais complementarios (escritos, gráficos, audiovisuais, etcétera).

Para a modalidade B, tamén se presentarán dúas copias, ambas en soporte óptico.

A memoria deberá estar integrada no recurso, axustarase ao esquema anterior e, ademais, deberá recoller as seguintes especificacións:

a) Exposición e descrición das características técnicas do software e hardware necesarios para a utilización dos programas.

b) Descrición do procedemento de elaboración do recurso e dos medios utilizados.

Artigo 7º.-Requisitos xerais das experiencias e dos materiais.

1. As experiencias e materiais que se presenten por calquera das dúas modalidades recollidas deberán reunir os seguintes requisitos xerais:

a) Os traballos presentados individualmente ou en grupo deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

b) Os traballos deberán ser redactados e presentados en lingua galega, agás as actividades e contidos directamente dirixidos ao alumnado que versen sobre as materias de lingua castelá e literatura, que poderán estar en castelán, e lingua estranxeira, que poderán estar no idioma estranxeiro obxecto do traballo. En todo caso, a memoria descritiva deberá estar obrigatoriamente redactada en galego.

c) Deberán ter sido experimentados nas aulas e supoñer innovacións curriculares, metodolóxicas ou organizativas, así como ser coherentes coa normativa establecida pola Xunta de Galicia.

d) O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

e) Os materiais presentados en que aparezan menores deberán acompañarse obrigatoriamente da correspondente autorización (anexo IV) para uso da súa imaxe asinada polos pais, titores ou representantes legais dos menores.

f) En todos os materiais educativos eliminaranse os estereotipos sexistas ou discriminatorios e fomentaranse o igual valor de homes e mulleres.

g) No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán

que achegar un escrito asinado polos posuidores destes en que aceptan as bases deste concurso. O feito de que un produto necesite para o seu funcionamento e libre distribución software propietario-comercial e/ou dereitos que non poidan ser cedidos polo concursante será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

2. Os materiais presentados pola modalidade B, versarán sobre contidos curriculares das diferentes áreas e niveis educativos non universitarios. Entregaranse por duplicado en CD-ROM e incluirán os códigos fonte.

Co fin de facilitar a publicación en web, recoméndase consultar a Guía de publicación en web, dispoñible no portal de contidos educativos (http://contidos.edu.xunta.es/guia boaspracticas), en opcións, na sección de Obradoiro.

Artigo 8º.-Comisión de selección.

As experiencias e materiais presentados que se axusten a esta convocatoria serán valorados por unha comisión presidida pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e integrada polos seguintes vogais: a subdirectora xeral de Ordenación Educativa; o subdirector xeral de Sistemas de Información da Educación; a xefa do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa; o xefe do Servizo de Formación do Profesorado; cinco asesores ou asesoras do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa, un dos cales actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas así como con informes da inspección educativa e/ou dos centros de formación e recursos, solicitados previamente pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

En cada unha das modalidades a comisión seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

Modalidade A:

-O carácter innovador ou integrador de prácticas educativas novidosas, eficaces e sostibles.

-A calidade da investigación ou avaliación previa que lle dea fundamento ao traballo.

-A incidencia na mellora da práctica docente e na calidade da educación.

-A adaptación do traballo ao alumnado, ás súas necesidades e capacidades, tomando en consideración a variedade de situacións educativas persoais e sociais.

-A calidade do deseño didáctico, materiais e presentación gráfica.

-A transferibilidade a outros contextos educativos para a súa utilización por outro profesorado e alumnado do mesmo nivel, etapa ou curso.

-A capacidade para ser difundido.

Modalidade B:

Ademais das exixidas na modalidade A, deberán contemplar os seguintes:

-A axuda que presenta á resolución de problemas didácticos concretos dunha área ou materia.

-A adaptación á realidade galega, á súa diversidade, aos seus valores e sinais de identidade.

-O deseño pedagóxico, relevancia e volume dos contidos respecto ao total do currículo da materia, así como cantidade de exemplos, exercicios e suxestións de diferentes aplicacións didácticas na aula.

-A estrutura da aplicación que permita a gradación da aprendizaxe en diferentes niveis e propostas pedagóxicas que ofrezan distintos niveis de aprendizaxe.

-A facilidade de manexo, calidade do deseño gráfico, interactividade.

-A adecuación ás últimas tecnoloxías, calidade da documentación do programa, facilidade de modificación por parte do profesorado e transferibilidade aos centros educativos.

-O nivel de accesibilidade da aplicación para as persoas con algunha discapacidade.

Artigo 10º.-Certificación.

A Administración Educativa recoñeceralle ao profesorado autor dos traballos premiados, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Tales traballos terán, ao abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividades de formación permanente do profesorado.

Así, aplicarase para cada premio a equivalencia de 20 horas, que nas autorías colectivas (catro persoas como máximo) se distribuirán, segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, entre o profesorado para o que se declare unha participación igual ou superior ao 25%, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.

Artigo 11º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente aos premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que sexa colectivo (catro persoas, como máximo) o pagamento farase a todos os integrantes do grupo segundo as porcentaxes de participación declaradas na solicitude.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

3. Os destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º.-Difusión e publicación das experiencias e materiais.

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos dereitos de edición.

No caso de que os autores decidisen publicar por outras vías os traballos premiados, deberán solicitar o

permiso correspondente á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. De ser a resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio de que foi obxecto.

Os autores/as quedarán comprometidos a realizaren as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 13º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes poderán retirar a documentación das experiencias e materiais non premiados, na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución de concesión desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo procederase á súa destrución, agás os que sexan obxecto de recurso.

Artigo 14º.-Resolución.

1. O prazo máximo de resolución será de tres meses, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

2. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión elevarase á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esa resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Delegación de competencias.

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Recursos.

Contra esta orde poderase recorrer, mediante o recurso potestativo de reposición, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ou ser impugnado directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria