DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 18 de maio de 2006 pola que se aproba definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Capela (A Coruña).

I. Antecedentes.

1. O Concello da Capela dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas con data do 26-6-1987.

2. Con data do 1-4-2004 o director xeral de Urbanismo, ao abeiro da orde de delegación de competencias do 6 de marzo de 2003, emitiu un informe previo á aprobación inicial, conforme o previsto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. O concello aprobou inicialmente o plan o día 10-8-2004, e o someteu a información pública mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia e Diario de Ferrol os día 22 e 23 de agosto de 2004, así como no Diario Oficial de Galicia do 23-8-2004. Simultaneamente deuse audiencia aos concellos de Neda, Cabanas, Monfero, As Pontes, San Sadurniño e Fene.

4. Segundo consta no expediente administrativo remitido, foron emitidos os seguintes informes de carácter sectorial:

* Do organismo Augas de Galicia, con data do 22-9-2004, favorable aínda que facendo algunhas suxestións.

* Da Consellería de Medio Ambiente, do 29-11-2004, favorable aínda que con recomendacións.

* Da Dirección Xeral de Obras Públicas desta consellería, do 9-11-2004, en sentido favorable pero condicionado á corrección dunha serie de cuestións.

* Da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, do 4-11-2004. Neste informe sinálanse unha serie de consideracións e requírese a presentación do documento corrixido, antes da aprobación definitiva, para obter informe favorable.

5. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo concello en sesión plenaria do 16-6-2005.

6. Logo de ser elevado polo concello para a súa aprobación definitiva, por medio dunha Orde do 6-10-2005, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes resolveu non aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Na devandita resolución expresáronse un conxunto de deficiencias, e sinalouse que o concello debería realizar e aprobar as correccións necesarias para emendalas.

7. O concello somete novamente o plan xeral para a súa aprobación definitiva o 21-12-2005, emendado posteriormente, con data do 29-3-2006, a documentación achegada. Na documentación remitida consta unha certificación do secretario municipal na que se fai constar que o Pleno Municipal aprobou o 20-12-2005 o Plan Xeral de Ordenación Municipal no que se introducen as correccións derivadas da Orde do 6-10-2005 da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Tamén consta un informe favorable da Consellería de Cultura e Deporte do 5-1-2006.

8. O plan remitido está subscrito por Antonio de Vega Rodríguez, e nos seus documentos está emitida unha dilixencia municipal na cal se fai constar que se trata do documento que foi aprobado polo Pleno municipal o 20-12-2005.

II. Consideracións e fundamentación.

1. Segundo o informe-proposta elaborado pola Dirección Xeral de Urbanismo o 16-5-2006, o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo concello o 20-12-2005 emenda as deficiencias expresadas na Orde do 6-10-2005.

2. De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede, de conformidade co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal da Capela.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril,

reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente.

3º. Contra esta orde, que pon fín á vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

4º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras

Públicas e Transportes