DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.770

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 5 de maio de 2006 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Sanxenxo (Pontevedra).

O Concello de Sanxenxo remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Sanxenxo foi aprobado definitivamente en data 27 de febreiro de 2003.

2. Conforme o previsto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe previo á aprobación inicial con data do 9 de maio de 2005.

3. O concello aprobou inicialmente o plan o día 27 de setembro de 2005, e someteuno á información pública mediante anuncio no DOG do 4 de outubro de 2005, así como nos diarios Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 5 de outubro de 2005 (segundo consta na certificación do secretario de 23 de novembro de 2005). Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos de Meaño, Poio e O Grove.

4. Segundo consta no expediente administrativo remitido, foron emitidos os seguintes informes de carácter sectorial:

* Informe da Dirección Xeral de Patrimonio (Consellería de Cultura), do 28 de xullo de 2005.

* Informe da Dirección Xeral de Obras Públicas (Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda), do 28 de xullo de 2005.

* Informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños (Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos), do 3 de agosto de 2005 (artigo 117.1º da Lei 22/1988, do costas).

* Informe da Deputación provincial de Pontevedra en materia de estradas, do 5 de agosto de 2005.

* Informe da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) do 17 de agosto de 2004 (artigo 117.1º da Lei 22/1988, de costas).

5. Constan no expediente os informes emitidos con data do 16 de xaneiro de 2006 polo arquitecto municipal e do 18 de xaneiro de 2006 polo secretario e o interventor municipal.

6. A modificación puntual do plan xeral foi aprobada provisionalmente polo concello en sesión plenaria do 31 de xaneiro de 2006.

7. O concello elevou para a súa aprobación definitiva a modificación puntual nº 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal o día 7 de febreiro de 2006 (rexistro de entrada nº 2.988).

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 5 de maio de 2006, a Dirección Xeral de Urbanismo eleva un informe-proposta no que se fan as seguintes consideracións:

1. Documentación:

* Non constan o preceptivo informe correspondente ao artigo 117.2º da Lei 22/1988, de costas, da Administración estatal, nin a certificación do secretario de ter sido solicitado e transcorrer o prazo correspondente para a súa emisión.

* Non consta informe ambiental da Consellería do Medio Ambiente (artigo 85.3º da Lei 9/2002).

* Non se presenta un exemplar aprobado inicialmente, coa dilixencia que corresponde a esa aprobación.

* Os planos que se presentan carecen da axeitada dilixencia de aprobación provisional, así como de indicación de que se refiren a esta modificación puntual, e de sinatura de técnico competente. A dilixencia no tomo de documentación escrita non indica número de páxinas, nin estas se encontran numeradas.

B. Outras cuestións:

1. De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, punto 1º g), as modificacións e revisións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela. No documento remitido non se contén ningunha xustificación relativa a que as clasificacións do solo dos ámbitos afectados por ela se axusten aos criterios previstos na lexislación urbanística hoxe vixente.

Neste senso, resulta especialmente inxustificada a clasificación como solo urbanizable (delimitado ou non delimitado) dos ámbitos SU-11 (ocupado por unha masa forestal e rodeado por solo rústico de

especial protección forestal e con fortes pendentes, o que produce un grande impacto paisaxístico e problemas de cumprimento da normativa de accesibilidade), SU-17 (ocupado por explotacións agrícolas), SU-16 (ocupado por masa forestal e con fortes pendentes), ámbito de urbanizable non delimitado lindeiro co SU-16 (fortes pendentes o que produce un grande impacto paisaxístico e problemas de cumprimento da normativa de accesibilidade), ámbito de solo urbanizable non delimitado na zona denominada Carabuxeira (atinxido pola franxa de 200 metros de solo rústico de protección de costas); terreos estes que reúnen os requisitos previstos nos artigos 15 e 32 da Lei 9/2002, para a súa clasificación como solo rústico.

Tampouco resulta axeitada a clasificación como solo urbano, xa que non existe malla urbana (artigo 11 da Lei 9/2002) de todo o solo clasificado como tal a ambas as marxes da vía (tanto os PEI como o chamado solo urbano consolidado) agás o ámbito edificado situado ao oeste do PEI 21.

Nin se adecúa á lexislación vixente a clasificación do solo de núcleo rural: non se xustifica a existencia de asentamentos tradicionais coas condicións exixidas no artigo 13 da Lei 9/2002; non se distinguen os asentamentos tradicionais, se existen, das áreas de expansión.

2. O artigo 52.3º da Lei 9/2002, sinala que «o Plan xeral deberá garantir a coherencia interna das determinacións urbanísticas, a viabilidade técnica e económica da ordenación propostas, ... e a participación da comunidade nas plusvalías xeradas en cada área de repartición». Doutra banda, o artigo 60.3º sinala que no suposto de que se lles atribúa o financiamento da execución dos sistemas xerais ás administracións ou entidades públicas distintas do municipio, deberá acreditarse a conformidade delas».

Vistos os preceptos anteriormente citados, a modificación proposta resulta inviable, xa que esta consellería non asume o financiamento da nova vía proposta de acordo coas ás seguintes consideracións:

-A vía non cumpre a función de variante de poboación nin constitúe unha alternativa á estrada PO-308 ao seu paso polo municipio, senón que polo contrario a súa finalidade real sería dar acceso aos novos desenvolvementos previstos no plan xeral que nalgúns casos carecen deste e noutros o previsto é insuficiente, o que impide a posibilidade real do seu desenvolvemento. A vía carece claramente dun carácter de interese supramunicipal.

-Os accesos que permitan o desenvolvemento destes solos urbanizables, de conformidade co previsto nos artigos 22 c), 57 e 58 da Lei 9/2002, deben realizarse con cargo aos propietarios do solo, como beneficiarios das plusvalías urbanísticas xeradas e non con cargo a orzamentos públicos.

3. No informe previo á aprobación inicial sinalábase a necesidade de xustificar que a actuación

prevista non constitúe unha revisión do planeamento vixente, sen que o novo documento conteña a xustificación solicitada.

Esta consellería considera que de conformidade co disposto no artigo 93.2º da Lei 9/2002, a actuación proposta debe ser considerada como unha revisión: planíficase unha nova vía de carácter estruturante, con grande incidencia na estrutura xeral e orgánica do plan xeral vixente; a magnitude do ámbito afectado tanto polo que se refire á extensión como ao número de vivendas resultantes é relevante; as modificacións na clasificación e categorización do solo derivadas da necesaria adaptación á lexislación vixente implican unha variación significativa respecto do modelo territorial actualmente existente.

4. O remate da vía prevista nunha rotonda que invade a zona de servidume de tránsito, que queda ocupada pola calzada destinada a tráfico rodado (artigo 27 da Lei 22/1988). Tal como xa se indicou no informe autonómico en materia de costas emitido o 29 de xullo de 2005 (artigo 117.1º da Lei 22/1988) non poden clasificarse como solo urbano, nin o consolidado nin o non consolidado chamado anteriormente PERI 1 e neste documento PEI 24, terreos estes que deben clasificarse como solo rústico de protección de costas por atoparse na zona na que a servidume de protección de costas é superior aos 20 metros.

5. O artigo 57 da Lei 9/2002 habilita o plan xeral para establecer a ordenación detallada do solo urbanizable ou ben remitila a un futuro plan parcial. O documento remitido non se adecúa plenamente a ningunha das dúas posibilidades. O que fai é engadirlle ao documento da modificación varios plans parciais que, ademais, non conteñen toda a documentación nin a totalidade das determinacións exixidas nos artigos 63 a 65 da lei (non localiza as reservas mínimas de solo para vivenda suxeita a algún réxime de protección públicas; non xustifica o cumprimento das reservas de solo para dotacións locais previstas no artigo 47), nin foron tramitados de acordo co procedemento establecido no artigo 86.

6. A estratexia de actuación e o estudo económico do plan xeral resultan alterados por esta modificación puntual; porén non se aclaran nela as consideracións deste tipo relativas aos novos solos urbanos non consolidados e aos solos urbanizables na súa nova configuración ou categoría. Cuestión esta de especial relevancia neste caso, xa que o artigo 57.2º da Lei 9/2002 exixe que no caso de que se ordenen detalladamente os solos urbanizables, exista unha garantía da execución do plan a través de actuacións públicas programadas ou privadas concertadas coa Administración.

7. Esta modificación supón un incremento da intensidade de uso do ámbito afectado, polo que, de conformidade co artigo 94.3º da Lei 9/2002, se require para aprobala a previsión de maiores dotación públicas. Para dar cumprimento a esta obriga, cómpre que o cálculo das variacións de edificabi

lidade se realice empregando os valores das edificabilidades e non como erroneamente se recolle no documento, en función do aproveitamento tipo, parámetro este afectado por coeficientes.

8. O sector de solo urbanizable SU-16 aparece como consecuencia da modificación puntual fragmentado en dous espazos descontinuos.

9. A edificabilidade dos sectores de solo urbanizable SU-17 e SU-31 é superior ao máximo legal (artigo 46.3º da Lei 9/2002).

10. Non aparece unha listaxe que enumere e identifique (coas súas superficies) os novos sistemas xerais de equipamentos e de espazos libres, de xeito que se acredite o cumprimento do artigo 47.1º da Lei 9/2002.

11. Co fin de asegurar a necesaria adaptación ao ambiente (artigo 104 da Lei 9/2002), non procede a previsión de tipoloxías de bloques de vivendas colectivas en zonas lindeiras co solo rústico de especial protección ou/e en zonas de elevada pendente (urbanizables SU-16 e SU-17); máxime cando os fondos edificables destes edificios non se limitan, aparecendo en planos coa dimensión de 25 metros, mesmo nas localizacións de forte pendente.

12. Nalgúns casos, non se prevé acceso rodado público aos edificios de vivendas colectivas (urbanizable SU-17).

13. Non se estuda a necesidade da relación peonil entre as futuras áreas de solo urbano que se crearían a ambas as beiras da vía de alta capacidade, incumprindo o artigo 48.4º da Lei 9/2002.

14. Algunhas das zonas verdes que se prevén como dotación local ocupan localizacións residuais e/ou de difícil accesibilidade (EL-R05 e EL-R07), o que incumpre o disposto no artigo 47.3º da Lei 9/2002.

15. A regulación de usos e condicións de edificación do solo de núcleo rural non se axusta ao establecido nos artigos 27, 28 e 29 da Lei 9/2002 (uso hoteleiro de ata 1.000 m e 60 camas, garaxes de uso colectivo, establecementos sanitarios de ata 200 camas, espectáculos de 250 espectadores, oficinas sen limitación de superficie).

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. De conformidade co punto 5º c) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, denegar a aprobación definitiva á modificación pun

tual nº 1 do Concello de Sanxenxo, considerando que as deficiencias expresadas no anterior punto II.1 obrigan, para a súa corrección, a un conxunto de modificacións que afectan substancialmente o contido da citada modificación puntual, polo que esta se considera inviable na súa actual configuración.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

3. Notifíqueselle esta orde ao concello (e publíquese no Diario Oficial de Galicia).

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes