DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 20 de abril de 2006 pola que se aproba definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Monforte de Lemos (Lugo) no predio Repsol Butano.

O Concello de Monforte de Lemos remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Monforte de Lemos dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas o 1 de outubro de 1985.

2. A modificación é formulada polo Concello de Monforte de Lemos e ten por finalidade a reclasificación de solo rústico de protección ordinaria a solo urbanizable non delimitado de uso industrial dun predio cunha superficie de 108.757 m que ata un pasado recente estaba a ser utilizada como centro de almacenamento e distribución de gas butano na zona de Monforte de Lemos, que ademais conta cunha área de estacionamento de vehículos pesados e cunha vía directa de conexión ao ferrocarril.

3. No expediente aparece documentada a realización dos seguintes trámites:

* O concello someteu o expediente ao informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, que foi emitido o 27 de xaneiro de 2005, sinalando unha serie de observacións.

* O Pleno da corporación, en sesión do 23 de maio de 2005, acordou a aprobación inicial da modificación, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados nos xornais El Correo Gallego e en El Progreso de Lugo do día 21 de xuño de 2005, así como no número 116 do Diario Oficial de Galicia, do 17 de xuño de 2005. No período de información pública non se formularon alegacións.

* Constan as solicitudes de informe formuladas á Consellería de Medio Ambiente, ao Servizo de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, todos con data do 23 de xuño de 2005. Consta o emitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, con data do 22 de xullo de 2005, no que se emite informe favorable do expediente no ámbito das súas competencias. Con data do 31 de outubro de 2005, a devandita dirección xeral emitiu informe complementario á modificación, tamén favorable a esta. Non consta a emisión, no prazo legalmente establecido, dos restantes informes sectoriais solicitados.

* Así mesmo, aparecen os informes técnico e xurídico, emitidos ambos os dous con data do 23 de agosto de 2005, polo arquitecto técnico municipal e o secretario municipal, respecto da calidade técnica da modificación e a súa conformidade coa lexislación vixente.

* O expediente foi aprobado provisionalmente mediante acordo adoptado polo Pleno do Concello de Monforte de Lemos na súa sesión do 18 de novembro de 2005, modificando outro anterior, adoptado no Pleno do 29 de agosto de 2005, como consecuencia do informe complementario emitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas con data do 31 de outubro de 2005, segundo consta na certificación expedida polo secretario municipal o 28 de novembro de 2005.

4. O Concello de Monforte de Lemos remitiu o 28-11-2005, para a súa aprobación definitiva, o expediente administrativo e un proxecto de modificación, composto por un tomo principal e catro

anexos. Posteriormente, con data do 20-1-2006, o concello remitiu tres exemplares dun proxecto denominado «expediente refundido», datado en novembro de 2005 e con dilixencias da aprobación provisional do 18 de novembro de 2005.

5. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por mor de que a presente modificación leva consigo un cambio de clasificación de solo rústico a urbanizable emitiu, ao abeiro do disposto no artigo 95.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, con data do 8 de febreiro de 2006, informe favorable ao expediente de referencia, coa expresa condición de que no plano 02 do anexo II se recollan as zonas de afección do ferrocarril, da estrada LU-933 e da estrada da canle de regadío, como solo rústico de protección de infraestruturas.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 20 de abril de 2006, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no que se expresa o seguinte:

1. O proxecto denominado «expediente refundido» remitido polo concello o 20-1-2006 emenda axeitadamente as cuestións que foran expresadas no informe previo á aprobación inicial, así como as restantes cuestións xurdidas durante a tramitación da modificación.

2. De acordo co informe emitido pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia o 8-2-2006, cómpre establecer que as franxas que o plano 02 do proxecto denomina «zona de afección da estrada», «zona de afección da estrada do canal» e «zona de afección da vía do ferrocarril» se entenderán clasificadas como solo rústico de especial protección de infraestruturas.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, apróbase definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Monforte de Lemos no predio Repsol Butano, recollida no documento denominado «expediente refundido», con data novembro de 2005, e que fora aprobada provisionalmente polo concello o 18 de novembro de 2005.

Segundo.-Faise a expresa indicación de que as franxas que o plano 02 do proxecto denomina «zona de afección da estrada», «zona de afección da estrada do canal» e «zona de afección da vía do ferrocarril» se entenderán clasificadas como solo rústico de especial protección de infraestruturas.

Terceiro.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes