DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 7 de febreiro de 2006 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual do sector número 4 A Devesa do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Xinzo de Limia (OU-06001).

O Concello de Xinzo de Limia dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 12 de maio de 2003 (BOP nº 135, do 14 xuño).

A modificación puntual no sector nº 4 A Devesa do PXOM pretende a reorientación da estratexia do planeamento nas zonas próximas ao ámbito do novo parque empresarial, axustando a ensamblaxe dos sectores de solo urbanizable de desenvolvemento urbanístico preferente contiguos con aquel, coas conseguintes adaptacións nas previsións do plan xeral, para garantir a coordinación territorial entre as diversas actuacións que interveñen na zona.

O obxecto da modificación dá cumprimento ao sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Non obstante sinálase que, de conformidade coa disposición transitoria primeira, por ser un municipio con planeamento non adaptado e non estar o sector en continuidade co solo urbano, se lle aplicarán os límites establecidos polo artigo 46.4º e terá previsto as reservas de solo necesarias para atender as demandas de vivenda suxeitas a réxime de protección pública e que non sexan inferiores ás necesarias para localizar o 20% da edificabilidade residencial de cada sector, de conformidade co establecido no artigo 64 f) da Lei 9/2002. Deberá excluírse do sector o solo que se encontra exterior ao delimitado polo plan xeral.

O Pleno da corporación, na súa sesión do 14 de xullo de 2005, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia nº 172, do 7 de setembro de 2005, e nos xornais La Región e Faro de Vigo o 31 de agosto de 2005.

O Pleno da corporación, en sesión do 27 de outubro de 2005, acordou aprobar provisoriamente o proxecto de modificación puntual, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de acordo cos informes técnico e xurídico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial do 23 e 31 de xaneiro de 2006, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar definitivamente a modificación do sector nº 4 A Devesa do PXOM do Concello de Xinzo de Limia coas seguintes condicións:

Primeira.-A edificabilidade, de conformidade co sinalado no artigo 46.4º da Lei 9/2002, non poderá superar os 0,30 m edificables por cada m de solo.

Segunda.-Terá previsto as reservas de solo necesarias para atender as demandas de vivenda suxeitas a réxime de protección pública e que non sexan inferiores ás necesarias para localizar o 20% da edificabilidade residencial de cada sector, de conformidade co establecido no artigo 64 f) da Lei 9/2002.

Terceira.-Así mesmo, deberá excluírse do sector o solo que se encontra exterior ao delimitado polo plan xeral.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. De conformidade co artigo 92.2º da Lei 9/2002, esta orde publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras

Públicas e Transportes