DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 3 de febreiro de 2006 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual do API-10-E do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense (OU-05016).

O Concello de Ourense dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 29 de abril de 2003, publicado no DOG nº 84, do 2 de maio e no BOP nº 144, do 25 de xullo.

A modificación puntual do API-10-E do PXOM ten por obxecto corrixir o erro existente entre a aprobación inicial e a aprobación definitiva do PXOM e dar cumprimento o convenio urbanístico subscrito co Concello de Ourense, na data do 12 de xaneiro de 2005.

O obxecto da modificación dá cumprimento ao sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse as mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

O Pleno da corporación na súa sesión do 29 de xullo de 2005, aprobou inicialmente a modificación puntual do API-10-E, que posteriormente foi sometida a información polo prazo dun mes mediante anuncio publicado La Voz de Galicia e La Región do 1 de setembro e no DOG do 29 de agosto. Constan informes do xefe de servizo en funcións do 14 de xullo e informe e Secretaría do Concello do Ourense do 19 de xullo de 2005.

O Pleno da corporación en sesión do 4 de novembro de 2005 aprobou provisionalmente a modificación puntual do API-10-E, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia de conformidade co establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de acordo cos informes técnico e xurídico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Ourense do 20 e 31 de xaneiro de 2006, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar definitivamente a modificación puntual do API-10-E do PXOM, do concello de Ourense.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativo. De conformidade co artigo 92.2º da Lei 9/2002 esta orde publicarase no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes