DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 3 de febreiro de 2006 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación número cinco (modificación rede viaria AR-11-E) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense (OU-05037).

O Concello de Ourense dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 29 de abril de 2003, publicado no DOG nº 84, do 2 de maio e no BOP nº 144, do 25 de xullo.

A modificación puntual nº 5 do PXOM, modificación da rede viaria AR-11-E, pretende resolver a problemática creada por un vial previsto no Plan xeral que substituía unha escalinata que salvaba o desnivel de 20 metros así como resolver as rasantes e redistribución de prazas de estacionamento, e a falta de definición da beirarrúa posterior da rúa Emilia Pardo Bazán.

O obxecto da modificación dá cumprimento ao sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

O Pleno da corporación, na súa sesión do 1 de xullo de 2005 acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no DOG nº 157, do 17 de agosto e nos xornais La Voz de Galicia o 10 de agosto e Faro de Ourense o 24 de agosto. Constan informes do técnico da Oficina de Xestión Urbanística do 31 de maio de 2005 e do xefe de servizo en funcións do 6 de xuño de 2005 e informes da Secretaría do Concello do Ourense do 13 de xuño e 28 de outubro de 2005.

O Pleno da corporación, en sesión do 28 de outubro de 2005, acordou aprobar provisionalmente o proxecto de modificación puntual, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de acordo cos informes técnico e xurídico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Ourense do 26 e 31 de xaneiro de 2006, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar definitivamente a modificación nº 5 do PXOM, modificación da rede viaria AR-11-E, do concello de Ourense.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativo. De conformidade co artigo 92.2º da Lei 9/2002, esta orde publicarase no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes