DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 2006 Páx. 8.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 28 de decembro de 2005 pola que se lle outorga a aprobación definitiva ao proxecto da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana nos cuarteiróns B, C1, C2 e D da UA-14, do concello de Pontevedra. (Expediente PO-04021).

O Concello de Pontevedra conta con Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente en data 19-12-1989. Con posterioridade, en data do 29-9-1994, foi aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación o PERI da UA-14.

A documentación remitida consta de expediente administrativo no que se inclúe, nos folios 199 a 230, o proxecto técnico da modificación proposta.

O obxecto deste proxecto é a reordenación dos volumes con transferencias de aproveitamentos e modificación das alturas aplicables nas parcelas B, C1, C2 e D definidas no PERI da UA-14.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data do 27-7-2004, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do concello o 20-1-2005, acordou a aprobación inicial, publicada na prensa e no DOG do 17-2-2005, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do concello o 24-6-2005.

Revisado o documento relativo ao proxecto de modificación puntual do PXOU nos cuarteiróns B, C1, C2 e D da U.A.-14, do concello de Pontevedra, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 LOUG, considérase que foron emendadas as observacións contidas no anterior informe desta consellería.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación

urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto da modificación puntual do PXOU nos cuarteiróns B, C1, C2 e D, da U.A.-14, do concello de Pontevedra.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes