DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de maio de 2006 pola que se convocan axudas para a realización de proxectos de innovación educativa para a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación á educación para o curso 2006-2007 e se aproban as súas bases de concesión.

A competencia dixital é unha das básicas ou clave para a aprendizaxe ao longo da vida, xa que é unha das que forman a base para o desenvolvemento e utilización do resto das competencias definidas e consideradas pola Unión Europea como aquelas que todas as persoas necesitan para a súa realización persoal, así como para a cidadanía activa, a inclusión social e o emprego.

O uso das tecnoloxías dixitais con fins educativos abre novas dimensións e posibilidades nos procesos de ensino e aprendizaxe, dado que ofertan unha grande cantidade de información interconectada para que o usuario a manipule; permiten unha maior individualización e flexibilización no proceso educativo, adecuándoo ás necesidades particulares de cada individuo. Así mesmo, representan e transmiten información a través de múltiples formas expresivas e motivadoras, axudan a superar as limitacións temporais e as distancias xeográficas entre docentes e alumnado e deste xeito facilitan estender a formación alén das formas tradicionais do ensino presencial. Por outra banda, é importante considerar outra faceta das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como elementos que facilitan a comunicación a través dunhas ferramentas de doado

uso, o cal as converte en especialmente útiles para o alumnado, o profesorado e tamén para as familias e outros axentes da comunidade educativa.

Esta orde, que regula a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de innovación para a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación á educación, recolle a política da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para favorecer o acceso ás devanditas tecnoloxías, en igualdade de condicións para toda a poboación escolar e o apoio ao desenvolvemento docente que demanda novos perfís profesionais que supoñen un desafío constante e crecente cara ao concepto da aprendizaxe ao longo de toda a vida.

Por todo iso a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

Esta orde ten por obxecto convocar axudas para a realización de 10 proxectos de innovación educativa, que se desenvolverán no curso 2006-2007, para a incorporación das TIC ao proceso educativo e regular o procedemento para a súa selección.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán participar na convocatoria os centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Dotación.

Os centros que resulten seleccionados neste ámbito recibirán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os seguintes apoios:

a) Un kit multimedia composto por un encerado dixital interactivo, un proxector e seis ordenadores portátiles, como máximo, que se enviará no primeiro trimestre do curso académico 2006-2007.

b) Dotación económica de ata un máximo de 1.000 A para a posta en marcha do proxecto.

c) Formación en TIC e asesoramento para o profesorado do centro para un mellor aproveitamento dos recursos informáticos e da súa incorporación á docencia. Os centros de formación e recursos proporcionaranlles aos centros docentes o apoio e asesoramento, tanto para a elaboración dos seus proxectos como para o seu desenvolvemento.

d) Un espazo web para facilitar a creación e organización de materiais e recursos educativos por medio das tecnoloxías da información e comunicación.

e) A difusión das experiencias a través da rede e publicación dos materiais educativos producidos.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Á solicitude, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I a esta orde, deberá xuntárselle a documentación que se relaciona a continuación.

a) Certificado do centro no que conste o acordo do claustro e a aprobación do proxecto polo Consello Escolar, citando en ambos os casos a data da acta de aprobación.

b) O proxecto, cunha extensión máxima de 33.000 caracteres (espazos incluídos), do que se presentará unha copia en papel e outra copia en soporte óptico para PC compatible, en formato de Open Office, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF, con texto e imaxes separados.

2. As instancias e demais documentación presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares e a forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Se a solicitude é remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida selala e facer constar a data antes de proceder á súa certificación.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se se acompaña da preceptiva documentación, requiríndose en caso contrario ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e os datos que deben achegarse, advertíndolle que se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se procederá ao arquivo desta, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá requirirlles aos solicitantes cantos documentos e aclaracións considere necesarios para cubrir o expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Artigo 5º.-Estrutura e características do proxecto e requisitos do centro.

1. Cando menos, os proxectos deberán recoller as seguintes alíneas:

a) Xustificación do proxecto. Esta realizarase a partir da análise que avale a aplicación das TIC nos procesos de ensino e aprendizaxe.

b) Obxectivos que, a curto e longo prazo, se pretenden alcanzar.

c) Desenvolvemento do proxecto no que se reflicta a proposta metodolóxica e de actividades, os contidos que se van desenvolver e a avaliación, para cada unha das áreas de coñecemento ou materias ás que o proxecto faga referencia.

d) O tratamento da diversidade, a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, así como as medidas para promover a súa utilización en igualdade de condicións por parte dos diferentes sexos; o fomento dos valores democráticos e a potenciación do uso da biblioteca escolar como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe.

e) A utilización dos recursos TIC existentes no centro en beneficio do proxecto.

f) A organización dos espazos do centro. A devandita organización, ademais, poderá recoller, se é o caso, a mobilidade do alumnado ou dos equipos portátiles e a posibilidade de que existan aulas para actividades que non requiran o uso do ordenador.

g) Previsión das modificacións que deberán realizarse no proxecto curricular de centro e no plan anual para o desenvolvemento deste proxecto.

h) Plan de avaliación.

i) Plan de formación do profesorado para a óptima execución do proxecto.

j) Medidas que se pensan tomar para difundir o proxecto entre o alumnado, familias e comunidade, para fomentar a súa participación e o aproveitamento das TIC.

2. Características dos proxectos:

a) Os proxectos presentados poderán contemplar a integración das TIC na práctica docente segundo diferentes modelos de organización. Estes modelos poderanse introducir en todas ou nalgunhas das aulas dos ciclos ou niveis nos que se pense aplicar o proxecto. Esta organización, que deberá estar integrada no desenvolvemento curricular do centro, garantirá que todo o alumnado se beneficie do proxecto de maneira que non exista discriminación no uso das TIC entre o alumnado dun mesmo nivel educativo.

Os distintos modelos organizativos poderán ser: recantos de traballo, grupos de traballo e/ou traballo simultáneo en toda a aula. Estas modalidades de organización das aulas non son excluíntes e cada centro poderá optar no seu proxecto pola que considere máis axeitada.

3. Requisitos. Os centros que desexen participar nesta convocatoria deberán cumprir os seguintes requisitos:

-Contar coa aprobación do Claustro e acordo do Consello Escolar do centro.

-Presentar un proxecto educativo que implique ao maior número posible de alumnado do centro.

-Contar co compromiso dunha porcentaxe significativa do profesorado do centro para desenvolver o proxecto e para realizar as actividades de formación que se consideren necesarias para levalo a cabo.

-Favorecer o traballo en rede, xa que os centros que resulten seleccionados nesta convocatoria pasarán a formar parte da proxectada Rede TIC 06/07, que se constituirá formalmente nunhas xornadas informativas que se celebrarán antes do inicio dos proxectos, no primeiro trimestre do curso académico 2006-2007.

Artigo 6º.-Coordinación dos proxectos TIC.

Ao comezo do curso escolar, a dirección do centro designará á persoa coordinadora do proxecto de tecnoloxías da información e a comunicación, de entre os membros do Claustro, preferentemente con destino definitivo no centro coa finalidade de garantir a súa continuidade en cursos sucesivos; e que estea involucrado activamente no proxecto. A designación terá efecto para o curso escolar e coa asignación de horas,

dentro do seu horario, en número suficiente para as funcións propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado.

As funcións do coordinador ou coordinadora do proxecto TIC son:

a) Asesorar o profesorado do centro durante o desenvolvemento do proxecto.

b) Establecer canles para a difusión da experiencia e o intercambio de información entre a comunidade educativa e con outros centros.

c) Impulsar actuacións tendentes á ampliación e mellora do proxecto.

d) Orientar o profesorado do centro sobre os recursos dispoñibles na internet e no espazo web do centro.

e) Fomentar a creación de contidos educativos polo profesorado do centro e a súa difusión a toda a comunidade educativa.

f) Administrar as ferramentas educativas e facilitar a súa utilización polo profesorado.

g) Actuar de enlace entre o centro educativo e o Equipo de Contidos Educativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como co Centro de Formación e Recursos do seu ámbito.

h) Administrar a actualizar o espazo web do centro e coordinar o seu funcionamento.

Artigo 7º.-Comisión e criterios de selección dos proxectos.

1. Comisión de selección. Para a selección dos proxectos que concorran á convocatoria crearase unha comisión de selección, que estará presidida pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue, e integrada polos seguintes membros:

-Subdirectora xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-Subdirector xeral de Sistemas da Información, ou persoa en quen delegue.

-A xefa do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

-O xefe do Servizo de Formación do Profesorado.

-Un asesor ou asesora TIC dos Centros de Formación e Recursos.

-Dous asesores/as do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles proxectos que coiden pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de innovación educativa especialistas en TIC.

2. Criterios de valoración.

Valoraranse as solicitudes atendendo os seguintes criterios:

a) Interese educativo do proxecto.

-O seu carácter innovador e a súa integración no proxecto curricular de centro.

-Os obxectivos que persegue, a proposta metodolóxica e a formulación de actividades, o tratamento dos contidos que se van desenvolver e o sistema de seguimento e avaliación; é dicir, o carácter pedagóxico do proxecto antes que o tecnolóxico.

-A coherencia do proxecto coa proposta de organización e dotación de espazos e de aulas no proxecto educativo do centro.

-O acceso en igualdade de condicións e o fomento de valores democráticos. O proxecto non pode supoñer ningunha discriminación e debe asegurar que todo o alumnado teña acceso ás TIC. Valoraranse as propostas de tratamento da diversidade, a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais e as medidas para fomentar a súa utilización en igualdade de condicións por parte dos diferentes sexos.

-A proposta de medidas realizada para a participación da comunidade educativa, con especial atención ao plan de acción titorial suscitado.

b) A viabilidade do proxecto:

-A experiencia previa na participación e desenvolvemento de proxectos de innovación e/ou formación e experiencia en TIC por parte do centro e dos participantes.

-O grao de compromiso do centro e da comunidade educativa no desenvolvemento do seu proxecto educativo e a súa implicación na mellora das prácticas escolares, como garantía para a extensión e continuidade do proxecto.

-O compromiso do profesorado coa formación no uso das TIC e coa realización de actuacións de formación a realizar durante o desenvolvemento do proxecto.

-Utilización dos equipamentos informáticos dispoñibles con anterioridade no centro, de maneira que permitan aproveitar os recursos existentes en beneficio do proxecto ou para a súa extensión a outros niveis ou tarefas.

-Garantía de continuidade do proxecto, atendendo ao compromiso do Claustro para levalo a cabo, á súa estabilidade e á proposta de seguimento e desenvolvemento deste.

-A medición da satisfacción e mecanismos de incorporación de suxestións dos participantes.

Artigo 8º.-Resolución.

A comisión de selección, unha vez estudadas as solicitudes presentadas, emitirá unha proposta provisional de resolución, que incluirá aqueles proxectos que mellor se adecúen ás bases da convocatoria, indicando as cantidades asignadas e dotación a cada centro, segundo se recolle no punto terceiro desta orde.

A proposta provisional poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria www.edu.xunta.es na epígrafe da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, na sección convocatorias, no prazo máximo dun mes, contado desde o remate de presentación de solicitudes.

A partir do día seguinte desta publicación de proposta abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que se poidan presentar cantas alegacións se estimen oportunas. No mesmo prazo poderá renunciarse á participación nos proxectos TIC. Unha vez revisadas as reclamacións, a comisión elevará a proposta definitiva á conselleira para a resolución que proceda.

A resolución, que incluirá os centros seleccionados, ditada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de catro meses contados desde a publicación desta convocatoria. De non facerse así, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 9º.-Pagamento.

As cantidades asignadas por este plan seranlles transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2006, e con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.323A.640.1 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10º.-Xustificación económica e memoria.

Antes do 30 de xuño de 2007 os centros seleccionados deberán remitirlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a xustificación do gasto da dotación económica consistente na certificación da súa aprobación polo Consello Escolar.

Así mesmo, a persoa coordinadora dos proxectos TIC, co visto e prace da dirección do centro, elaborará unha memoria das accións levadas a cabo para a posta en marcha do proxecto, que se enviará no prazo arriba indicado e se incluirá, ademais, na memoria final do curso que se remite á Inspección. Para a súa elaboración ateranse aos requisitos establecidos no Manual de publicación web, que atoparán no portal de contidos educativos, no enderezo http://contidos.edu.xunta.es/guia boas practicas/.

Esta memoria deberá observar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, as actividades desenvolvidas, o grao de implicación do centro e da comunidade educativa, as actividades de formación, a produción de materiais, a avaliación realizada e as previsións de futuro.

A non entrega da memoria e/ou da xustificación do gasto no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades asinadas, debendo proceder o centro ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

O incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, poderá dar lugar á anulación ou modificación da dotación material e/ou da contía do importe concedido.

Artigo 11º.-Asesoramento e seguimento.

Os centros de formación e recursos (CFR), sen prexuízo da colaboración que poidan prestar outras institucións

ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento, tanto na fase de elaboración dos proxectos, como do seu desenvolvemento. Desempeñarán, así mesmo, funcións de seguimento dos proxectos nos centros da súa área de influencia.

O inspector ou inspectora responsable do centro educativo velará polo desenvolvemento do proxecto.

Artigo 12º.-Avaliación e seguimento.

Con independencia do exposto no artigo anterior, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e a avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados logrados.

Artigo 13º.-Recoñecemento da participación.

A participación do profesorado implicado no proxecto acreditarase a través da certificación en calidade de coordinador/a ou membro, segundo corresponda, no proxecto de innovación educativa cunha duración de 50 horas. Así mesmo, expediráselle unha certificación de participación ao centro.

Artigo 14º.-Difusión das experiencias e materiais elaborados.

Os centros participantes comprométense a colaborar nas accións de difusión de mellores prácticas educativas que se organicen e prestarán a súa autorización para a publicación, se é o caso, das memorias ás que se refire a disposición décima desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Recursos.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou, potestativamente, recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co disposto nos artigos 107.1º, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delegación de competencias.

Deléganse na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa as competencias para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do disposto nesta orde.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2006.

Laura Elena Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Educativa