DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.693

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 89/2006, do 18 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de terminación estrada provincial 7106 Folgoso-Forcarei (termos municipais de Cerdedo e Forcarei).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día vinte e oito de decembro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de terminación estrada provincial 7106 Folgoso-Forcarei e, na sesión do nove de setembro de dous mil cinco, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a certificación acreditativa da Deputación Provincial de Pontevedra da adecuación do proxecto de referencia ao disposto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, durante os últimos anos vense acometendo as obras de ensanche e mellora da capa de rodadura da estrada provincial 7106 Folgoso-Forcarei, co fin de acadar unha estrada adecuada ás condicións de tráfico que soporta e ao mesmo tempo mellorar notablemente a seguridade tanto de vehículos como de viandantes, debido a que o feito de contar cunha estrada ensanchada practicamente na súa totalidade xerou que os distintos tramos que quedan por mellorar se convertesen en puntos negros para a seguridade vial, debido ao aumento de tráfico e por outro ao representar un cambio brusco na sección da estrada, circunstancia que, a pesar da sinalización existente, pon en constante perigo a integridade física dos condutores e dos peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para os efectos e necesarios para a execución das obras do proxecto de terminación estrada provincial 7106 Folgoso-Forcarei e, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza