DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.693

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 88/2006, do 18 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 97, Plan de Obras e Servizos 2004 O Páramo-estrada provincial de Conturiz ao Páramo. Variante de trazado, punto quilométrico 16,7 ao 17,6 (termo municipal do Páramo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión que tivo lugar o día vinte e cinco de xullo de dous mil catro, aprobou o proxecto da obra nº 97, Plan de Obras e Servizos 2004 O Páramo-estrada provincial de Conturiz ao Páramo. Variante de trazado, punto quilométrico 16,7 ao 17,6 e, na sesión do vinte e cinco de abril de dous mil cinco, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e, solicitado informe á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, este foi emitido con data de entrada do 15 de marzo de 2006; así mesmo, o da Deputación Provincial de Lugo de data do 27 de abril de 2006, no senso do cumprimento da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, e coas condicións que deberán adoptarse para a realización do citado proxecto.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, a variante que se proxecta representa unha considerable mellora, dada a importancia de desviar o trazado ao ocasionar un grave risco circulatorio, nunha zona tan concorrida como é o Campo da Feira do Páramo, onde a

celebración de feiras e diversos certames provoca unha notable aglomeración de persoas no recinto, provocando a súa utilización peonil, polo que se agrava considerablemente o risco de accidentes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para os efectos e necesarios para a execución da obra nº 97, Plan de Obras e Servizos 2004 O Páramo-estrada provincial de Conturiz ao Páramo. Variante de trazado, punto quilométrico 16,7 ao 17,6, coas condicións sinalas nos informes emitidos ao respecto e debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza