DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.692

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 87/2006, do 11 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Foz, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura de pista forestal camiño Casanova-Valmaior, Santo Acisclo.

O Concello de Foz, en sesión que tivo lugar o día vinte e tres de setembro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de apertura de pista forestal camiño Casanova-Valmaior, Santo Acisclo e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, solicitado informe á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, este foi emitido favorablemente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a actuación ten como obxectivo a accesibilidade aos puntos de auga e a un depósito de gran capacidade, e que debido a estreiteza do camiño se impide o acceso de vehículos de tracción mecánica para a extinción de incendios, servindo igualmente a citada pista de devasa nunha zona de grande importancia forestal, ademais de darlle servizo aos montes para cortas de madeira e labores de limpeza.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de maio de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Foz, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura de pista forestal camiño Casanova-Valmaior, Santo Acisclo e, debendo, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios,

obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza