DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.691

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 86/2006, do 11 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de terminación do alargamento e mellora da estrada provincial 8004 Vilanoviña-Caldas (termos municipais de Meis e Portas).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día vinte e nove de xuño de dous mil cinco, aprobou o proxecto de terminación do alargamento e mellora da estrada provincial 8004 Vilanoviña-Caldas, e na mesma sesión acordou soli

citar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, solicitado informe á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, este foi emitido favorablemente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, se trata de mellorar notablemente a seguranza do viandante, co fin de acadar unha estrada adecuada ás condicións de tráfico que soporta e que, debido ao feito de se teren arranxado os primeiros tramos da citada estrada, implica un aumento da velocidade na circulación dos vehículos, e ao atoparse co deficiente estado dos firmes que faltan por mellorar, poñen en constante perigo tanto a súa integridade física como as dos peóns, sendo polo tanto estas causas as condicións fundamentais, ao tratarse dunha zona densamente poboada, ademais de ser a conexión de gran parte da zona norte da provincia coa comarca do Salnés, especialmente relevante na época estival, por ser a ruta utilizada para o acceso ás praias.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de maio de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de terminación do alargamento e mellora da estrada provincial 8004 Vilanoviña-Calda; deberán, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza