DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.687

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 10 de maio de 2006 sobre autorizacións previas a determinadas operacións das caixas de aforros galegas.

O Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis de caixas de aforros de Galicia, establece a necesidade de autorización previa pola Consellería de Economía e Facenda para a realización por parte das caixas de determinadas operacións.

De acordo co artigo 35.2º do citado texto refundido, requiren esta autorización previa a concesión de créditos, avais e garantías a determinadas partes vin

culadas, así como a adquisición de bens ou valores propiedade ou emitidos por tales partes vinculadas.

Adicionalmente, segundo o previsto no artigo 65 do citado texto refundido, a Consellería de Economía e Facenda pode establecer a necesidade de autorización previa para a realización de investimentos en activos, incluídas as tomas de participación, a concesión de grandes créditos ou a concentración de riscos nunha persoa ou grupo. Nestes casos a consellería pode establecer os importes a partir dos cales é preceptiva a autorización.

Tendo en conta a importancia que teñen desde hai uns anos as grandes operacións de investimento en activos materiais, en participacións societarias e en riscos crediticios, considérase necesaria a actualización de determinados límites establecidos para a autorización dalgunhas destas operacións -vixentes desde hai vinte anos- para a súa adecuación á realidade actual, considerando a necesidade de seguimento dos grandes riscos que poidan comprometer a solvencia das caixas galegas e coa intención de axilizar os trámites de autorización para que as operacións se poidan levar a cabo sen dificultar o funcionamento das caixas.

Esta orde dítase ao amparo da disposición derradeira primeira do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis de caixas de aforros de Galicia.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación ás caixas de aforros que teñan o seu domicilio social no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Competencias da Consellería de Economía e Facenda.

1. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda o exercicio das seguintes competencias:

a) Autorizar a concesión de créditos, avais e garantías da caixa aos vogais do seu consello de administración, aos membros da súa comisión de control, ao seu director xeral ou aos cónxuxes, ascendentes ou descendentes de calquera deles, así como ás sociedades en que as persoas mencionadas teñan participación que, illada ou conxuntamente, sexa maioritaria, ou nas cales desempeñen cargos de alta representación, directivo ou asimilado.

Tamén é necesaria a autorización para as modificacións substanciais da operación inicial relativas ao prazo, ao tipo de xuro cando non sexan consecuencia da evolución normal do mercado, ás minoracións das garantías, á ampliación do importe, á condonación do risco ou á súa extinción por causa diferente á inicialmente prevista.

A necesidade de autorización esténdese non só ás operacións realizadas directamente coas partes vinculadas antes sinaladas, senón tamén a aquelas outras nas cales o risco asumido pola caixa o sexa de forma indirecta con calquera das persoas ou entidades referidas.

b) Autorizar o alleamento á caixa de bens ou valores propiedade de calquera das persoas ou sociedades a que se refire a alínea anterior, ou emitidos por tales entidades. A autorización é preceptiva tanto no caso de que a adquisición a realice directamente a caixa de aforros, como a través dunha entidade controlada ou participada maioritariamente por aquela.

c) Autorizar as tomas de participación significativas no capital social de sociedades mercantís.

d) Autorizar os grandes investimentos, os grandes créditos e a concentración de riscos nunha persoa ou grupo.

2. Para os efectos do sinalado nas alíneas a) e b) do número 1 deste artigo, enténdense como ascendentes e descendentes os que o sexan por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive.

3. De acordo coa estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, o exercicio destas competencias correspóndelle á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Artigo 3º.-Autorización de créditos, avais e garantías.

1. Para autorizar as operacións a que se refire a alínea a) do número 1 do artigo 2º, é preciso o cumprimento dos seguintes requisitos:

1.1. Aprobación previa da operación polo consello de administración da caixa, sen a participación nin presenza, se é o caso, do vogal interesado.

1.2. Solicitude de autorización por escrito dirixido á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, segundo o modelo que será aprobado mediante resolución do director xeral. Esta solicitude deberá ter entrada no correspondente rexistro administrativo no prazo dun mes contado desde a aprobación do acordo polo consello de administración da caixa.

A dita solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo do consello de administración aprobando a operación, no cal deben figurar os seus principais datos.

b) Copia do informe técnico que serviu de base ao consello de administración para a dita aprobación.

c) No caso de sociedades mercantís, débese acompañar o balance e a conta de perdas e ganancias correspondentes ao último exercicio cerrado, así como os estados financeiros provisionais utilizados para a valoración do risco da operación.

1.3. As condicións da operación non poderán diferir significativamente das condicións aplicadas pola entidade en operacións similares realizadas con persoas ou entidades non vinculadas no sentido sinalado no artigo 2º.

2. De acordo co artigo 16.2º da Lei 31/1985, do 2 de agosto, pola que se establecen as normas básicas

sobre os órganos reitores das caixas de aforros, están exentas de autorización as seguintes operacións:

-Créditos, avais ou garantías para a adquisición de vivendas concedidas pola caixa con achega polo titular de garantía real suficiente.

-Riscos cos representantes do persoal, exclusivamente nos casos previstos nos convenios laborais.

3. Adicionalmente, estarán exentas de autorización as operacións de risco con membros do persoal da caixa que, sen ser representantes do persoal, estean comprendidos nos supostos da alínea a) do punto 1 do artigo 2º desta orde, exclusivamente nos casos previstos nos convenios laborais.

4. No caso de riscos con membros do persoal a concesión rexerase polo convenio vixente, co informe previo da comisión de control. Polo contrario, precisarán autorización os riscos con partes vinculadas aos representantes do persoal e as restantes operacións que non estean reguladas en convenio laboral.

5. Non será necesaria a autorización mentres os riscos coa persoa ou sociedade vinculada, incluíndo a operación actual, non superen o importe de 60.000 euros, descontado o importe dos riscos relativos á adquisición de vivenda con achega polo titular de garantía real suficiente.

Artigo 4º.-Información sobre créditos, avais e garantías.

As caixas de aforros galegas deben remitir á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro información relativa á totalidade de riscos coas partes vinculadas no sentido sinalado no artigo 2º, incluídas as operacións en que non sexa preceptiva a autorización.

Correspóndelle ao director xeral de Política Financeira e Tesouro, mediante resolución, establecer o formato e a periodicidade que debe ter a dita información.

Artigo 5º.-Autorización do alleamento de bens á caixa.

1. Para autorizar as operacións a que se refire a alínea b) do número 1 do artigo 2º desta orde, é preciso o cumprimento dos seguintes requisitos:

1.1. Aprobación previa da operación polo consello de administración da caixa, sen a participación nin presenza, se é o caso, do vogal interesado.

1.2. Solicitude de autorización por escrito dirixida á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro. Esta solicitude deberá ter entrada no correspondente rexistro administrativo no prazo dun mes desde a aprobación do acordo polo consello de administración da caixa.

A dita solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo do consello de administración aprobando a operación, en que deben figurar os seus principais datos.

b) Informe sobre o obxecto da adquisición e explicación das circunstancias e condicións concorrentes na operación, con especial referencia ao prezo acordado e a calquera gravame ou carga que recaia sobre aquel.

c) Valoración pericial dos bens transmitidos realizada conforme o previsto na normativa estatal sobre taxacións. Para estes efectos considerarase válida a taxación de que dispoña a caixa de aforros cunha antigüidade non superior a un ano.

2. As condicións da operación non poderán diferir significativamente das condicións normais de mercado.

Artigo 6º.-Autorización de tomas de participación significativas.

1. Para os efectos da autorización prevista na alínea c) do número 1 do artigo 2º desta orde, considéranse participacións significativas as seguintes:

a) Aquelas que de forma directa sexan iguais ou superiores ao 20% do capital social.

b) Aquelas que de forma indirecta sexan iguais ou superiores ao 50% do capital social.

c) Aquelas adquiridas directamente ou a través de sociedades participadas maioritariamente por un prezo igual ou superior ao 0,5% dos recursos propios computables.

A autorización será preceptiva no momento en que se alcancen as ditas porcentaxes ou importe, ben sexa na toma de participación inicial, ben sexa mediante adquisicións posteriores. Adicionalmente, requirirán autorización as tomas de participación directas ou a través de sociedades participadas maioritariamente cando acumulen un prezo de adquisición adicional do 0,5% dos recursos propios computables.

2. Considéranse recursos propios computables os que resulten da última declaración semestral de recursos propios anterior á data en que se aprobe a operación polo consello de administración, segundo a definición establecida na Lei 13/1985, do 25 de maio, pola que se regulan os investimentos obrigatorios, recursos propios e obrigas de información dos intermediarios financeiros, e conforme o seu desenvolvemento pola Circular 5/1993 do Banco de España, do 26 de marzo. A este importe engadirase o importe dos incrementos dos fondos propios realizados con posterioridade á declaración semestral.

3. Non requirirán autorización administrativa as adquisicións de accións de sociedades cotizadas en Bolsa. Porén, cando estas adquisicións determinen que a porcentaxe de participación da adquirente alcance o 1% do capital social ou os seus sucesivos múltiplos, a entidade adquirente terá que enviar unha comunicación á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro dentro dos sete días hábiles seguintes á operación, detallando as súas condicións.

4. Para autorizar as operacións que se regulan neste artigo é preciso o cumprimento dos seguintes requisitos:

4.1. Aprobación previa da operación polo consello de administración da entidade adquirente.

4.2. Solicitude de autorización por escrito dirixido á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro. Esta solicitude deberá ter entrada no correspondente rexistro administrativo no prazo dun mes desde a aprobación do acordo polo consello de administración da entidade adquirente.

A dita solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo do consello de administración aprobando a operación, no cal deben figurar os seus principais datos.

b) No caso de tomas de participación en sociedades de nova creación, informe técnico que serviu de base ao acordo do consello de administración, en que deberá constar, polo menos, información sobre o obxecto da sociedade, grupo da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) con tres díxitos, a composición do capital social (importe total, partícipes previstos ou coñecidos e porcentaxe de participación de cada un de estes) e un resumo do plan de negocio.

c) No caso de sociedades preexistentes, ademais do sinalado nas alíneas anteriores, deberá incluírse no informe técnico unha explicación sobre a evolución do negocio da sociedade nos últimos exercicios e as previsións consideradas, así como as restantes condicións e circunstancias concorrentes na operación, con especial referencia ao cálculo do valor da entidade. Débese acompañar o balance e a conta de perdas e ganancias correspondentes ao último exercicio cerrado, así como os estados financeiros provisionais utilizados para a valoración do prezo de adquisición.

Artigo 7º.-Grandes investimentos, grandes créditos e concentración de riscos.

1. Para os efectos do previsto na alínea d) do número 1 do artigo 2º desta orde, considéranse grandes investimentos aqueles que se realicen en calquera clase de activo -inmaterial, material ou financeiro, diferente das participacións en capital e dos riscos con terceiros- cuxo importe sexa igual ou superior ao 10% dos recursos propios computables.

2. Para os mesmos efectos, deberán ser autorizadas todas as operacións que impliquen riscos con terceiros cuxo importe sexa igual ou superior ao 10% dos recursos propios computables, incluíndo créditos, préstamos, avais e outras garantías.

Considérase que existe concentración de riscos, e tamén é preceptiva a autorización, cando o valor de todos os riscos que unha caixa contraia, directa ou indirectamente, cunha mesma persoa ou grupo iguale ou exceda do 10% dos recursos propios computables.

3. Para estes efectos, os recursos propios computables serán os sinalados no número 2 do artigo 6º.

4. Para autorizar as operacións que se regulan neste artigo é preciso o cumprimento dos seguintes requisitos:

4.1. Aprobación previa da operación polo consello de administración da caixa.

4.2. Solicitude de autorización por escrito dirixido á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro. Esta solicitude deberá ter entrada no correspondente rexistro administrativo no prazo dun mes desde a aprobación do acordo polo consello de administración da caixa.

A dita solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo do consello de administración aprobando a operación, no cal deben figurar os seus principais datos.

b) Informe técnico que serviu de base para a adopción do acordo polo consello de administración.

c) No caso de activos inmateriais ou materiais, taxación do activo.

5. No caso de operacións non suxeitas a efectos do cómputo dos límites dos grandes riscos previstos pola normativa de determinación e control dos recursos propios, non será preceptiva a solicitude de autorización previa, sen prexuízo das obrigas de información previstas no artigo seguinte.

Artigo 8º.-Información sobre grandes investimentos, grandes riscos e concentración de riscos.

As caixas de aforros galegas deben remitir á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro información relativa á totalidade das operacións de grandes investimentos, grandes riscos e concentración de riscos.

Corréspondelle ao director xeral de Política Financeira e Tesouro, mediante resolución, establecer o formato e a periodicidade coa que debe remitirse a citada información.

Artigo 9º.-Responsabilidade da caixa de aforros.

En todos os casos previstos nesta orde, a autorización outorgada non implica ningún pronunciamento sobre a solvencia dos acreditados, a viabilidade da sociedade participada ou a rendibilidade do investimento, e non exclúe a plena responsabilidade da caixa no exame comercial, financeiro e de risco da operación.

Disposicións transitorias

Primeira.-As caixas de aforros galegas disporán dun prazo dun mes, contado a partir da entrada en vigor desta orde, para presentar ante a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro a seguinte documentación:

1. Unha relación completa de todas as operacións de risco cos vogais do consello de administración,

os membros da comisión de control e o director xeral ou con persoas ou sociedades vinculadas a calquera deles no sentido sinalado no artigo 2º desta orde e que estivesen vixentes na dita data. Nesta relación deberán constar os seguintes datos:

-Nome do alto cargo.

-Titular da operación.

-Vinculación: directa, familiar, participada, ocupa cargo, etc.

-Posición xurídica: titular, cotitular, avalista, etc.

-Tipo de operación.

-Número de risco.

-Importe formalizado.

-Garantía: real (hipotecaria ou pignoraticia), persoal, societaria, aval, etc.

-Risco vivo: nos préstamos, o importe pendente de devolución; nas contas correntes, os descubertos; nos créditos e liñas de desconto, o importe disposto; nos avais, o importe disposto, etc.

-Número de expediente da autorización da Xunta.

-Data de formalización.

-Data de vencemento.

2. Unha relación da totalidade das sociedades mercantís participadas. Nesta relación deberán constar os seguintes datos:

-Nome e CIF da entidade participada e grupo da CNAE (tres díxitos).

-Porcentaxe de participación directa.

-Porcentaxe de participación indirecta e entidade titular destas participacións.

-Data e prezo de adquisición.

-Data da autorización, se é o caso, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

-Valor actual da participación: de acordo coa súa cotización ou co seu valor teórico, segundo corresponda.

-Representación que corresponde á caixa ou empresa do grupo no consello de administración.

3. Unha relación completa dos investimentos en activo inmaterial, material ou financeiro que sexan iguais ou superiores ao 10% dos recursos propios computables e que estivesen vixentes nesa data. Nesta relación deberán constar os seguintes datos:

-Descrición do activo.

-Data de adquisición.

-Prezo de adquisición.

-Valor neto contable actual.

4. Unha relación completa dos riscos coa mesma persoa ou grupo que sexan iguais ou superiores ao 10% dos recursos propios computables e que esti

vesen vixentes nesa data. Nesta relación deberán constar os seguintes datos:

-Titular da operación.

-Tipo de operación.

-Importe formalizado.

-Risco vivo.

-Garantía.

-Data de formalización.

-Data de vencemento.

Segunda.-Os procedementos de autorización relativos a solicitudes presentadas antes da entrada en vigor desta orde tramitaranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto as seguintes disposicións:

1. Circular 1/1986, do 29 de setembro, ás caixas de aforros galegas.

2. Puntos primeiro, terceiro e quinto da Circular 2/1987, do 15 de setembro, ás caixas de aforros galegas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro para ditar as disposicións necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA