DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 2006 Páx. 8.687

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 85/2006, do 18 de maio, polo que se modifica o Decreto 75/1997, do 10 de abril, polo que se crea a Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local.

En cumprimento da previsión contida no artigo 28 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia, foi creada polo Decreto 75/1997, do 10 de abril, a Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como consecuencia da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polos decretos 211/2005, do 3 de agosto, e 232/2005, do 11 de agosto, considérase necesario adaptar as disposicións contidas no devandito Decreto 75/1997 que resultan afectadas pola nova estrutura da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 10, 12, 13, 18 e a disposición derradeira única do Decreto 75/1997, do 10 de abril, polo que se crea a Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local, que quedarán redactados nos seguintes termos:

«Artigo 10º.-A solicitude dirixirase ao titular da dirección xeral competente en materia de interior. No suposto de que se considere insuficiente ou incompleta a documentación recibida, poderase reclamar a información e/ou documentación complementaria.

Artigo 12º.-Para a concesión das medallas reguladas neste decreto crearase unha comisión de avaliación, que estará composta por:

Presidente:

-O secretario xeral da consellería competente en materia de interior.

Vogais:

-O titular da dirección xeral competente en materia de réxime local.

-O director do organismo da Xunta de Galicia con competencias en materia de formación de policía local.

-O titular da dirección xeral competente en materia de interior.

-Un representante da asociación máis representativa das entidades locais galegas.

-Un representante dos sindicatos, que deberá ser membro da Comisión de Coordinación das Policías Locais.

Secretario:

-Un funcionario designado polo presidente da comisión.

Artigo 13º.-Recibidas as peticións, a comisión de avaliación, unha vez analizadas e estudadas, elevaralle a proposta ao titular da consellería competente en materia de interior, que resolverá.

De consideralo necesario, a comisión de avaliación poderá reclamar e solicitar todo tipo de información complementaria que precise.

Artigo 18º.-Rexistro.

A dirección xeral competente en materia de interior, logo da tramitación do correspondente expediente previsto neste decreto, realizará a inscrición no Rexistro de Policías Locais de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o titular da consellería competente en materia de interior para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza