DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 26 de maio de 2006 Páx. 8.401

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 10 de maio de 2006 pola que se declara de interese galego a Fundación Sondeseu e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 4 de abril de 2006 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 21 de marzo de 2006 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Sondeseu, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

a) Contribuír ao fomento, desenvolvemento, promoción, difusión da música tradicional e folk de Galicia.

b) Promover a formación musical nos distintos niveis e ámbitos do sistema educativo como vehículo de expresión artística e pedagóxica.

c) Impulsar o desenvolvemento de investigacións e estudos etnomusicolóxicos.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,

reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Sondeseu xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Sondeseu no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura e Deporte, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o proxecto de orzamento, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e a solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2006.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte