DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadoras das áreas rurais de Galicia e se convocan as correspondentes para o período 2006-2007.

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na súa reunión do 10 de outubro de 2005, facultou o director xeral de Agader para a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural así como para súa xestión orzamentaria e a distribución dos seus recursos. Neste marco, procede a aprobación das bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se aplicarán a través das sucesivas convocatorias.

Polo que antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

Segundo.-Convocar para o período 2006-2007 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se financiarán con cargo á conta orzamentaria 02.01 02/04/01 656800, cunha dotación máxima de 1.000.000 A, distribuídos por anualidades da forma que segue: 750.000 A da anualidade 2006 e 250.000 A da anualidade 2007.

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 30 de novembro de 2007.

As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo do anexo II, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras, no prazo de corenta e cinco días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2006.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

BASES REGULADORAS DAS SUBVENCIÓNS AOS PROXECTOS

DINAMIZADORES DAS ÁREAS RURAIS DE GALICIA

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada pola disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, correspóndelle a Agader a xestión dos recursos que se encomenden de forma específica á dinamización das áreas rurais de Galicia, en especial os recursos que a Xunta de Galicia destine ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural (FGDR).

Con cargo ao FGDR estanse a financiar os programas de desenvolvemento rural Leader +, Proder II e Agader. Ademais de financiar estes programas, o FGDR debe destinarse preferentemente á promoción e apoio do proxectos con incidencia directa sobre o emprego e a renda das zonas rurais, a cofinanciar as accións que contribúan de forma eficaz á diversificación económica e á modernización do tecido produtivo rural e ao cofinanciamento de plans, programas e actuacións que, en xeral, xeren un impacto positivo sobre as zonas rurais. Neste marco, as subvencións aos proxectos dinamizadores de desenvolvemento rural que se regulan nestas bases financiaranse con cargo ao FGDR.

A promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva íntegra, que inclúa o apoio a accións tanto de natureza produtiva como non produtiva.

As subvencións que regulan estas bases para proxectos produtivos encádranse dentro do marco substantivo xeral regulado no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos ao desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 142, do 23 de xullo), no que se fixan os criterios básicos da política de fomento da administración autonómica galega. O contido do antedito decreto foi autorizado pola Decisión da Comisión da UE SG (2001) D/289329, en que se declarou compatible co Tratado da CE a axuda estatal número 498/2000-España.

O director xeral de Agader, no uso das funcións delegadas polo consello de dirección do 10 de outubro de 2005, é o competente para aprobar estas bases.

I. Regras xerais.

1. Obxecto.

O obxecto destas bases é establecer as normas para a presentación, selección e subvención, en réxime de concorrencia competitiva, de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se promovan co obxectivo último de potenciar o desenvolvemento equilibrado do territorio e de favorecer a xeración de actividade e incrementar o nivel de renda da poboación.

2. Tipoloxía de proxectos.

Ao abeiro destas bases poderán subvencionarse proxectos de natureza produtiva e non produtiva que, ademais de axustarse ao réxime previsto nas partes II e III destas bases, cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan carácter dinamizador, no senso de que contribúan a desenvolver social e/ou economicamente áreas rurais co obxectivo de facer destes espazos lugares atractivos e con capacidade de atraer novos habitantes. O carácter dinamizador fundamentarase atendendo a un ou varios dos seguintes aspectos:

-Mellora da calidade de vida e/ou dos servizos á poboación residente en áreas rurais.

-Conservación, mellora e valorización do patrimonio cultural.

-Contribución á creación dun tecido empresarial con vistas ao fomento tanto do espírito empresarial como ao desenvolvemento dunha estrutura económica con capacidade de xeración de emprego e de renda.

b) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude de axuda e sexan executables dentro do prazo sinalado na convocatoria para a xustificación do investimento.

c) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

Os proxectos deberán desenvolverse no territorio de Galicia, con excepción dos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra.

3. Gastos subvencionables.

Serán subvencionables os seguintes gastos:

-Adquisición de terreos necesarios para a implantación do proxecto, ata un 10% do investimento subvencionable.

-Adquisición de inmobles, ata o 25% do investimento subvencionable.

-Urbanización, acometidas e obras exteriores necesarias para o proxecto.

-Obra civil.

-Bens de equipo.

-Custos xerais: traballos e estudos de planificación, enxeñaría de proxecto, dirección facultativa do proxecto e adquisición de patentes e licenzas, ata un 12% do investimento subvencionable.

-Gastos de asesoría xurídica e financeira, notariais, rexistrais e periciais necesarios para a realización do proxecto.

-Gastos de consultoría e asistencia técnica, no caso de proxectos non produtivos.

-Elementos de transporte imprescindibles para a realización da actividade.

-IVE e outros impostos ou gravames cando non sexan recuperables, reembolsables ou compensables por algún medio.

4. Beneficiarios.

1. Poderán solicitar axudas para proxectos dinamizadores:

a) Persoas físicas.

b) Sociedades mercantís, sociedades agrarias de transformación, cooperativas, sociedades laborais e outras entidades societarias con personalidade xurídica propia previstas na lexislación vixente.

c) Asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

d) Centros especiais de emprego, creados ao abeiro da normativa sobre integración social de minusválidos.

2. Coa excepción que se sinala nos puntos seguintes, os titulares de proxectos deberán ser pequena empresa nos termos previstos no Regulamento (CE) 70/2001, cuxo anexo I, para os efectos destas bases reguladoras, será o incluído na Recomendación da comisión do 6 de maio de 2003 sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (2003/361/CE), que, entre outras circunstancias, se caracterizan por:

-Empregar menos de 50 persoas. O cadro de persoal obterase pola media mensual que houbo durante o ano do último exercicio financeiro pechado e considerará tanto o persoal a xornada completa como, en ponderación mensual, o traballo a tempo parcial ou estacional.

-Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non exceda os 10 millóns de euros.

-Cumprir o criterio de autonomía, de conformidade co disposto na citada recomendación, na Lei 2/1995, de sociedades de responsabilidade limitada, e no Real decreto lexislativo 1564/1989, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas.

3. Cando se trate de cooperativas, sociedades agrarias de transformación, sociedades laborais ou calquera outra entidade xurídica de traballo asociado que se dediquen á produción, comercialización e/ou transformación de produtos agrarios, así como cando se trate de centros especiais de emprego, creados ao abeiro da normativa sobre integración social de minusválidos, e de asociacións ou fundacións de carácter local, provincial ou, como máximo, rexional que persigan fins de interese xeral relativos á asistencia social, á inclusión social e á promoción e atención a persoas con risco de exclusión por razóns económicas, culturais ou de discapacidade, os limiares máximos de persoal e volume anual de negocios ou balance xeral anual, previstos na Recomendación a que se fai referencia no punto 2 anterior, serán os correspondentes ás medianas empresas: 250 persoas e 50 millóns de euros ou 43 millóns de euros, respectivamente.

Tamén se considerarán como beneficiarios os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención.

5. Financiamento.

Os proxectos subvencionables ao abeiro destas bases financiaranse con cargo á conta orzamentaria 02.01 02/04/01 656800, ata o importe máximo que se concretará en cada convocatoria.

Na convocatoria indicarase que porcentaxe do importe total se destina ao financiamento de actividades de natureza produtiva e non produtiva.

En todo caso, a concesión das axudas limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo do proxecto subvencionado.

6. Solicitude.

1. A solicitude de axuda presentarase segundo se indique na convocatoria.

2. A solicitude dirixirase ao director xeral de Agader e presentarase no rexistro xeral de Agader, situado na avda. do Camiño Francés, nº 10-baixo, 15771 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude presentarase dentro do prazo que se determine na correspondente convocatoria.

3. Xunto coa solicitude, os interesados deberán presentar a seguinte documentación, orixinal ou debidamente compulsada:

-Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, de ser o caso, do seu representante legal.

-Escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, debidamente inscritos no rexistro competente.

-Memoria descritiva do proxecto, na cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto, considerando que esta información vai terse en conta para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos a que se refire o punto 2 destas bases e para aplicar os criterios de adxudicación previstos para cada tipo de proxecto nas partes II e III destas bases.

-Orzamento detallado dos gastos necesarios para a execución do proxecto, con indicación, de ser o caso, das partidas que supoñan unha achega en especie.

-Declaración responsable, asinada polo solicitante ou polo seu representante, de non estar incurso nos supostos que impidan obter a condición de beneficiario dunha subvención, para os efectos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo normalizado que se xunta á convocatoria.

-Declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, segundo o modelo normalizado que se xunte á convocatoria.

-Para o caso de proxectos produtivos, plan de empresa con xustificación da súa viabilidade económico-financeira.

-Cando o solicitante teña a condición de empresario individual, copia do último recibo pagado polo IAE, ou acreditación de exención. Esta documentación substituirase polo compromiso de darse de alta na epígrafe do IAE correspondente cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.

-Calquera outra documentación ou información que o interesado considere conveniente para unha correcta análise do proxecto.

A presentación da solicitude comporta a autorización a Agader para comprobar de oficio o cumprimento das obrigas tributarias e sociais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder de Agader, sempre que indiquen os datos que permitan localizala.

7. Instrución do procedemento.

Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución realizaraos de oficio a Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

Na fase de instrución do procedemento realizaranse, entre outras, as seguintes actuacións:

-Comprobar se a solicitude e a documentación presentada polos solicitantes reúne os requisitos exixidos nestas bases.

-Requirir o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos que sexan preceptivos, no caso de carencias ou defectos de forma da solicitude ou da documentación que deba achegarse, coa indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da LRXAP.

-Solicitar cantos informes considere necesarios para a resolución do procedemento, que deberán ser emitidos no prazo previsto na LRXAP.

-Elevar toda a documentación ao órgano competente para a valoración das solicitudes, unha vez efectuadas as comprobacións e recibidos, de ser o caso, os informes.

8. Valoración dos proxectos e proposta de concesión.

As solicitudes presentadas dentro de prazo establecido serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e ponderación previstos nos puntos 17 e 21 destas bases, segundo a tipoloxía dos proxectos, polo Comité de Xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural (en adiante, o comité), previsto no artigo 17 do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o regulamento de Agader.

En relación a cada un dos criterios anteriores, poderán establecerse tramos máximos, medios e mínimos de puntuación.

Quedarán excluídos aqueles proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios anteriormente sinalados, obteñan unha puntuación inferior a 40 puntos.

Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención proporcional aos puntos obtidos logo da súa valoración, cos límites establecidos nos puntos 17 e 22 destas bases reguladoras.

A distribución do crédito entre os proxectos farase por orde de puntuación, ata o límite consignado na convocatoria para os proxectos de natureza produtiva e non produtiva.

Do orzamento total dispoñible destinarase un mínimo do 65% ao financiamento de proxectos de natureza produtiva. O comité, de xeito motivado, poderá propor, en función da calidade ou do número de proxectos, unha distribución distinta do orzamento.

No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulta de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Para estes efectos, confeccionarase unha lista de espera. De igual xeito farase uso da antedita lista de espera, sen necesidade de nova convocatoria, cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito destinado inicialmente para unha convocatoria determinada.

O comité elaborará unha proposta que expresará, de forma motivada, a relación de proxectos para os que se propón a concesión da subvención, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, o importe e a porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos subvencionables e as condicións especiais de execución ou xustificación que correspondan. De ser o caso, tamén conterá unha lista de espera dos proxectos admitidos que non conseguisen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención.

O comité elevará a dita proposta ao director xeral de Agader.

9. Resolución das solicitudes.

1. O director xeral de Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de tres meses, contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se ditase resolución expresa.

2. A concesión das subvencións está supeditada á aceptación por escrito dos beneficiarios, nun prazo de 15 días desde a notificación da resolución, de todas as condicións, requisitos e cláusulas establecidas nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución. Transcorrido o dito prazo sen que o beneficiario acepte a subvención, entenderase que renuncia a ela e ditarase resolución neste sentido.

3. Mediante resolución do director xeral de Agader publicaranse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, con expresión da convocatoria, da partida orzamentaria, do beneficiario, do importe concedido e da finalidade da subvención.

10. Xustificación do investimento e pagamento da axuda.

1. O investimento xustificarase documentalmente mediante a presentación de facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente, xunto cos títulos ou documentos bancarios que aseguren a efectividade do pagamento. As indicadas facturas e os documentos equivalentes serán estampillados de xeito que conste sobre eles a súa relación coa subvención.

No suposto de investimentos en obra civil, Agader poderá exixir a presentación de certificacións de obra asinadas polo técnico competente. Se o proxecto supón a adquisición de bens inmobles ou achegas en especie, debe achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no rexistro oficial correspondente.

Cando a subvención se conceda para a realización de estudos, proxectos de investigación, proxectos técnicos, diagnoses, planos e documentos similares, a xustificación do investimento requirirá, ademais, a entrega a Agader dun exemplar en soporte adecuado para a súa posible difusión.

En relación ao previsto no punto terceiro do artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de custo por execución de obras, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipo ou de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción do compromiso para a execución da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben. Este extremo deberá xustificarse documentalmente ante Agader mediante a presentación de facturas proforma, ofertas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente. Así mesmo, deberá xustificarse a elección da oferta cando aquela non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados ao proxecto será o que se estableza na convocatoria.

2. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o solicitante se atopa ao día das obrigas tributarias e de Seguridade Social, salvo que estea exento segundo a normativa vixente, e que non ten pendente débeda por ningún concepto coa Administración da comunidade autónoma. Ademais deberá acreditarse que o proxecto executado conta coas licenzas e autorizacións necesarias para a súa posta en marcha.

3. O pagamento dos gastos correspondentes aos conceptos subvencionables realizarase, logo da súa xustificación, dentro das previsións anuais orzamentarias.

Poderán concederse anticipos e pagamentos parciais de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo

que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán realizarse pagamentos parciais cando se xustifique un investimento por un importe mínimo de 30.000 euros. Cando o investimento requira pagamentos inmediatos, o titular da Dirección Xeral de Agader poderá autorizar, con carácter excepcional, por resolución motivada e tras petición do beneficiario, un anticipo de ata o 50% da subvención do proxecto de que se trate.

11. Reintegro da subvención.

Procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida, xunto cos xuros de mora percibidos desde o seu pagamento, nos casos establecidos no punto 10º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Nos supostos en que proceda o reintegro, deberá respectarse, en todo caso, o principio de proporcionalidade.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000.

12. Modificación da subvención.

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

2. Os beneficiarios deberán comunicarlle a Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, que poderá dar lugar á súa modificación. Poderá autorizarse a dita modificación sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda.

b) Que non exista prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. A modificación establecerá as novas condicións da concesión e, de ser o caso, o reintegro do indebidamente percibido cos seus xuros.

13. Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e, en particular, as que se establezan na resolución de concesión.

Así mesmo, o beneficiario deberá iniciar o investimento no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da aceptación da concesión da subvención.

Os beneficiarios poderán subcontratar total ou parcialmente as actividades subvencionadas, axustándose ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Cando segundo este artigo se requira autorización da entidade concedente, o beneficiario presentará a solicitude razoada correspondente, que será resolta polo director xeral de Agader nun prazo de 15 días.

O beneficiario debe acreditar o importe, a orixe e a aplicación dos fondos propios e doutras subvencións ou recursos con que financie, xunto coa subvención obtida, a actividade subvencionada.

Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento e a manter os empregos creados ou consolidados durante, polo menos, os 5 anos posteriores á certificación final dos investimentos. Así mesmo, debe publicitar a concesión da axuda mediante unha placa co logotipo de Agader. Os bens subvencionados quedarán afectados á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a súa adquisición, no caso de bens inscritibles en rexistro público, e de dous anos respecto ao resto de bens subvencionados.

No caso de proxectos de investigación, proxectos técnicos, estudos, diagnoses, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contados desde a finalización do proxecto e entregar a Agader un exemplar, en soporte axeitado, para os efectos da súa posible difusión.

O beneficiario está obrigado a facilitar a información que lle requira Agader e, de ser o caso, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

14. Normativa de aplicación.

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases rexeranse polo disposto nestas e pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular, as seguintes:

-Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

-Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15. Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

-Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución fose expresa. Se non o fose, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada por silencio administrativo.

II. Proxectos de natureza produtiva.

16. Obxecto.

Poderán subvencionarse os proxectos de natureza produtiva para a creación, ampliación e modernización de empresas nos ámbitos de actividade que a continuación se relacionan:

* Experimentación agraria e forestal, procesamento, transformación e comercialización das producións agrícolas, gandeiras e forestais que non teñan cabida nas liñas de axuda da Consellería do Medio Rural.

* A industria manufactureira, o comercio, o turismo, a construción, a artesanía e os servizos que non teñan cabida nas liñas de axuda establecidas polas consellerías da Xunta de Galicia.

17. Criterios de adxudicación.

Para a valoración dos proxectos produtivos, teranse en conta os criterios e ponderación seguintes:

I. Creación de emprego ou capacidade de xeración de rendas complementarias para unidades familiares: 20 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-O número de empregos directos xerados. Os empregos computaranse polo equivalente anual a un emprego a tempo completo.

-No caso de que as necesidades de man de obra xeradas pola iniciativa se cubran en todo ou en parte con man de obra familiar, o incremento que a nova actividade suporá sobre a renda familiar.

II. Capacidade de arrastre da iniciativa no seu contorno: 20 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-A estima razoada do número de empregos indirectos ou inducidos.

-A estima razoada da tipoloxía das iniciativas empresariais inducidas e a súa cuantificación.

-A estima razoada do grao de integración da iniciativa empresarial proposta co tecido empresarial implantado na zona.

-Se procede, compromiso asinado por parte de, polo menos, un promotor para a implantación dunha

nova empresa a partir da posta en marcha e funcionamento do proxecto que se presenta.

III. Ritmo de despoboamento: 30 puntos.

-Concellos con crecemento poboacional maior que cero no período 1991-2001: 5 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a cero e maior que -5: 10 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -5 e maior que -10: 15 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -10 e maior que -15: 20 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -15 e maior que -20: 25 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -20: 30 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta os datos de poboación de dereito procedente dos censos de poboación e vivendas 1991 e 2001. No caso dos concellos da Illa de Arousa e Vilanova de Arousa usaranse os datos procedentes do padrón de habitantes 1998 e 2005. No caso dos concellos de Burela e Cervo usaranse os datos procedentes do padrón de habitantes 1995 e 2005.

IV. Grao de innovación do proxecto: 15 puntos.

O grao de innovación do proxecto valorarase atendendo a:

-Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais.

-Utilización de novos materiais, novas enerxías, novas cualificacións profesionais ou novas formas de organización empresarial.

-Novas formas de explotación dos recursos naturais.

-Novos métodos que permitan combinar entre si os recursos humanos, naturais e financeiros do territorio que teñan como consecuencia unha explotación máis eficaz do potencial endóxeno.

V. Incidencia sobre colectivos con dificultades de inserción: 5 puntos.

Este criterio valorarase segundo a incidencia do proxecto respecto de:

-Mozos (menores de 40 anos).

-Persoas con discapacidade.

-Persoas con especial situación laboral.

VI. Promoción da igualdade do home e da muller: 5 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Número de mulleres beneficiarias.

-Número de mulleres participantes no proxecto.

-Número de mulleres en órganos decisorios das entidades participantes no proxecto.

VII. Incidencia na mellora ambiental: 5 puntos.

Este criterio valorarase atendendo a aqueles aspectos do proxecto que teñan incidencia ambiental positiva ou ben que teñan por obxecto minorar os danos ou incidencias ambientais causados con anterioridade á posta en marcha do proxecto.

18. Réxime de financiamento.

O importe de subvención que pode corresponderlle a cada proxecto produtivo virá determinado polo resultado da baremación, de acordo cos criterios que se establecen no punto 17, e dentro dos seguintes límites:

-Porcentaxe máxima de subvención por proxecto: con carácter xeral, o límite máximo de intensidade de axuda pública será do 54% sobre o volume de investimento subvencionable, sen prexuízo doutros límites que, de ser o caso, deriven da normativa comunitaria horizontal e sectorial que en cada caso lle sexan aplicables.

-Importe máximo por proxecto: 60.000 A.

O proxecto de investimento deberá ser financiado nun 25%, como mínimo, mediante recursos propios non subvencionados.

19. Normas supletorias.

En todo o non previsto neste capítulo para os proxectos de creación, ampliación e modernización de empresas, aplicarase o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial de Galicia.

III. Proxectos de natureza non produtiva.

20. Obxecto.

Poderán subvencionarse os proxectos de natureza non produtiva que, incidindo en calquera sector de actividade, contribúan á dinamización económica do territorio en que se proxecten.

Considéranse proxectos non produtivos tanto os que non xeren ingresos como aqueles en que o beneficio neto (ingresos menos gastos), cando xeren ingresos, sexa igual ou inferior ao valor de capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro e se destine a cubrir os gastos do proxecto ou a fins sociais, de xeito que a subvención non outorgue vantaxes económicas que poidan afectar a competencia empresarial.

21. Criterios de adxudicación.

Para a valoración dos proxectos non produtivos teranse en conta os criterios e ponderación seguintes:

I. Ritmo de despoboamento: 30 puntos.

-Concellos con crecemento poboacional maior que cero no período 1991-2001: 5 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a cero e maior que -5: 10 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -5 e maior que -10: 15 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -10 e maior que -15: 20 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -15 e maior que -20: 25 puntos.

-Concellos con tanto por cento de perda de poboación no período 1991-2001 menor ou igual a -20: 30 puntos.

Este criterio valorarase do mesmo xeito que no punto 17 destas bases.

II. Incidencia na calidade de vida da poboación residente: 15 puntos.

Este criterio valorarase atendendo a aqueles aspectos do proxecto que contribúan a facer máis atractiva a zona para os seus habitantes. Neste senso, considerarase o peso que os beneficiarios directos da acción teñen sobre o total de habitantes do territorio.

III. Potencialidade para favorecer a aparición de novos empresarios e para a xeración de novas iniciativas empresariais: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-A estima razoada da tipoloxía das novas iniciativas empresariais sobre as que incidiría o proxecto e a súa cuantificación.

-De ser o caso, compromisos asinados por parte de promotores para a implantación dunha nova empresa a partir da posta en marcha e funcionamento do proxecto que se presenta.

IV. Potencialidade do proxecto en canto á creación de emprego: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Número de empregos directos que se van crear co proxecto.

-Estima razoada do número de empregos indirectos ou inducidos.

V. Efecto dinamizador do proxecto na comarca e grao de implicación con entidades locais: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-A relación das entidades que participan ou colaboran no proxecto co detalle do alcance da súa participación.

-As cartas de apoio de entidades asociativas de carácter local ou comarcal.

VI. Colaboración con entidades públicas e privadas de ámbito supralocal: 5 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-A relación de entidades colaboradoras no proxecto co detalle do alcance da súa participación.

-As cartas de apoio de entidades asociativas de carácter supralocal.

VII. Grao de innovación do proxecto: 5 puntos.

O grao de innovación do proxecto valorarase atendendo a:

-Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais.

-Utilización de novos materiais, novas enerxías, novas cualificacións profesionais ou novas formas de organización empresarial.

-Novas formas de explotación dos recursos naturais.

-Novos métodos que permitan combinar entre si os recursos humanos, naturais e financeiros do territorio que teñan como consecuencia unha explotación máis eficaz do potencial endóxeno.

VIII. Incidencia sobre colectivos con dificultades de inserción: 5 puntos.

Este criterio valorarase segundo a incidencia do proxecto respecto de:

-Mozos (menores de 40 anos).

-Persoas con discapacidade.

-Persoas con especial situación laboral.

IX. Promoción da igualdade do home e da muller: 5 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Número de mulleres beneficiarias.

-Número de mulleres participantes no proxecto.

-Número de mulleres en órganos decisorios das entidades participantes no proxecto.

X. Incidencia na mellora ambiental: 5 puntos.

Este criterio valorarase atendendo a aqueles aspectos do proxecto que teñan incidencia ambiental positiva ou ben que teñan por obxecto minorar os danos ou incidencias ambientais causados con anterioridade á posta en marcha do proxecto.

22. Réxime de financiamento.

O importe de subvención que pode corresponderlle a cada proxecto non produtivo virá determinado polo resultado da baremación, de acordo coas regras que se establecen no punto 21 destas bases reguladoras e dentro dos seguintes límites:

-Porcentaxe máxima de subvención por proxecto: 75% sobre o investimento subvencionable, sen prexuízo da concorrencia con outras axudas ata o 100% do dito investimento.

-Importe máximo por proxecto: 60.000 A.