DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 19 de abril de 2006 pola que se declara de interese galego a Fundación Difogal e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 23 de marzo de 2006 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 1 de marzo de 2006, pola que se clasifica de interese social a Fundación Difogal, adscribíndoa á Consellería de Traballo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

O obxecto da fundación, segundo establece o artigo 4 dos seus estatutos, é o seguinte:

Destinar e afectar o seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial

e territorial a que a súa denominación e fins se contraen.

En xeral son fins desta fundación o apoio ao sector téxtil mediante a impartición de cursos de formación a traballadores activos e desempregados, así como fomentar o estudo e a investigación en materia de formación profesional dos traballadores de Galicia.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de

interese galego, e no Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Difogal, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Difogal no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula, e debendo solicitar as preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 19 de abril 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo