DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 9 de maio de 2006 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a proxectos de accións de investigación-acción que teñan relación co esforzo global anti VIH/sida.

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúan sendo un dos principais problemas de saúde pública que padece a nosa sociedade, polo que cómpre o incremento e mellora das actividades encamiñadas a enfrontalos.

Dentro do marco das actividades anti VIH/sida en Galicia débeselle dar prioridade a atender a demanda e financiamento de proxectos ou actividades de investigación/acción co obxectivo dobre de que, ao mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global anti-VIH tamén, mediante a avaliación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que acheguen resultados positivos e útiles no proceso de lograr unha maior exixencia das nosas accións, acon

sellado polas estratexias e directrices marcadas no contorno da infección por VIH/sida.

Polo exposto, conforme o establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo e de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas para proxectos ou accións de investigación-acción, actividades de interese comunitario no campo da vixilancia epidemiolóxica, información, prevención e atención sanitaria do VIH/sida.

2. Estas axudas irán dirixidas a aquelas persoas ou asociacións, corporacións locais e universidades que desenvolvan actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades que se desenvolverán que poden ser obxecto das subvencións reguladas nesta orde estarán encadradas dentro das actividades anti VIH/sida no campo da saúde pública.

2. Terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:

a) Realización de accións preventivas sobre colectivos de especial interese para evitar a transmisión do VIH/sida e avaliación dos seus resultados.

b) Entre os colectivos de especial interese, priorízanse os de prostitución, homosexualidade, inmigrantes, usuarios de drogas por vía parenteral (UDVP), mozos non escolarizados, mulleres, internos en institucións penitenciarias e colectivos marxinados.

c) Estudos do nivel de información, actitudes e comportamentos da poboación galega ou colectivos desta, en relación con esta infección.

d) Recollida, realización e difusión continuada de información relacionada co VIH.

e) Investigación para evitar a discriminación.

f) Atención e soporte psíquico do afectado e o seu contorno.

g) Actividades de grupos de autoapoio de portadores de VIH/sida.

h) Actividades de formación do persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/sida.

i) Todas aquelas actividades que se encadren nas pautas establecidas pola Consellería de Sanidade en relación co VIH/sida.

3. Incluiranse como accións preventivas aquelas que recollan os enfoques relacionados a seguir:

1. Prostitución.

1.1. Educación para a saúde dos e das profesionais do sexo.

-Accións preventivas.

-Proxectos realizados con participación dos ou das interesados/as.

-Fomento do uso do preservativo.

1.2. Protección dos/das clientes da prostitución.

-Información e educación sanitaria.

2. Prevención da transmisión do VIH entre homes con prácticas homosexuais ou bisexuais.

-Programas de información e educación para a saúde coa participación e colaboración de asociacións ou organizacións de homosexuais.

-Medidas para aumentar a accesibilidade aos preservativos.

-Programas específicos para mozos homo/bisexuais.

-Programas tipo outreach que faciliten o acceso á información acerca das medidas de prevención e aos medios necesarios para levalas a cabo.

3. Redución de riscos en usuarios de drogas por vía parenteral.

3.1. Programa de intercambio de xiringas.

-Posta en marcha de novos puntos ou ampliación do número ou da oferta de servizos dos existentes, de acordo cos criterios establecidos no funcionamento deste subprograma.

-Programa piloto que inclúa máquinas intercambiadoras de xiringas.

3.2. Prevención da transmisión sexual do VIH desde os centros de atención a drogodependentes, tanto libres de drogas como de redución de danos.

-Formación de profesionais, obradoiros de sexo seguro e distribución de preservativos.

3.3. Programas de rúa ou de achegamento con participación de usuarios ou ex-usuarios.

4. Mocidade.

4.1. Programas dirixidos a mozos non escolarizados (adolescentes en situación de risco e fóra do ambiente familiar).

-Programas de prevención do VIH en centros tutelares de menores.

-Obradoiros e actividades en centros de encontro de mozos e mozas.

-Obradoiros extraescolares.

4.2. Promoción de hábitos sexuais saudables.

-Educación para a prevención do VIH no contexto de programas de educación afectivo-sexual.

-Campañas de información/sensibilización dirixidas especificamente á mocidade.

5. Mulleres.

-Promoción de intervencións específicas para mulleres (talleres de sexo seguro, de diminución de danos...) que teñan en conta a influencia das relacións de xénero.

-Accións encamiñadas á promoción dunha atención integral á muller, que inclúa a promoción da detección

precoz do VIH e das enfermidades de transmisión sexual (herpes, clamidia...) e cancro de cérvix.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

1. As axudas concedidas irán destinadas a cubrir a totalidade ou parte dos gastos de financiamento do proxecto ou acción realizada neste ano, de acordo cos seguintes conceptos:

a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.

b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.

c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.

d) Deseño e dirección.

2. Estas axudas serán compatibles con calquera outra subvención percibida para a mesma finalidade sen que, en ningún caso, o importe da subvención concedida poida ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe total das axudas reguladas por esta orde ascende a douscentos cincuenta mil oitocentos setenta e nove euros (250.879 A), que se farán efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, nas cales existe crédito orzamentario suficiente:

-1302.313.A.480.0 por un importe de 225.154 A.

-1302.313.A.460.0 por un importe de 19.425 A.

-1302.313.A.440.0 por un importe de 6.300 A.

Este importe poderá verse incrementado a través das oportunas modificacións orzamentarias.

Artigo 5º.-Requisitos da solicitude.

1. As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e xuntarase unha memoria explicativa do proxecto ou acción que se estea ou se pretenda realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.

2. Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial do proxecto ou acción, unha declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas das distintas administracións públicas competentes ou, no seu defecto, unha declaración de que non solicitaron ningunha outra subvención para o citado proxecto ou acción, seguindo o modelo que figura no anexo III.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, e máis a documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade ou nos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á

creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade na valoración e selección das solicitudes e concesión das subvencións.

O procedemento para a concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través da comparación das solicitudes presentadas, a fin de establecer unha prelación entre elas. Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características e puntuaranse como segue:

a) Adecuación dos contidos recollidos no artigo 2º. Ponderación:

1. Incluídos no artigo 2º alínea a) para inmigrantes: 40%.

2. Outros incluídos no artigo 2º alínea a): 30%.

3. Incluídos no artigo 2º alíneas b), c) e d): 20%.

4. Incluídos artigo 2º alíneas e), f) , g) e h): 10%.

b) As distintas solicitudes puntuaranse tendo en conta:

1. Proxectos coordinados entre distintos servizos e/ou institucións dunha mesma zona que teñan incidencia positiva no esforzo global anti VIH/sida entre a súa poboación. 1-5 puntos.

2. Acción que continúa as actividades subvencionadas en anos anteriores. 1-3 puntos.

3. Previsión dunha acción continuada en anos posteriores. 1-3 puntos.

4. Solidez e coherencia na concepción dos proxectos ou accións, expresadas polo rigor e concreción dos obxectivos, poboación diana, consistencia metodolóxica, tipo e temporalización das actividades, recursos que se mobilizarán e sistema de avaliación deseñados. 1-10 puntos.

5. Axuste entre o custo e o orzamento presentados. 1-5 puntos.

6. Prioridade do proxecto solicitado de acordo con factores de prevalencia/incidencia do problema na zona e recursos dispoñibles para enfrontalo. 1-10 puntos.

Artigo 8º.-Instrución e comisión de valoración.

1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións corresponderalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, que realizara de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

2. Durante a instrución do procedemento constituirase, como órgano colexiado, unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo anterior, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe.

Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-O director xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-O subdirector xeral de Información, Prevención e Control de Enfermidades ou persoa en quen delegue.

-O xefe do Servizo de Prevención e Control das Enfermidades Transmisibles.

-Un técnico do devandito servizo, que actuará como secretario.

3. O director xeral de Saúde Pública, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución debidamente motivada, que deberá expresar o solicitante ou a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvencións, e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Unha vez emitida a proposta de resolución, a conselleira de Sanidade resolverá o procedemento. A devandita resolución será motivada e deberá conter, de xeito expreso, ademais do solicitante ou relación de solicitantes aos que se lles concede a subvención, a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.

A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Reformulación das solicitudes.

Cando o importe da subvención concedida na proposta de resolución sexa inferior á solicitada polo beneficiario, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

Unha vez que a solicitude mereza a conformidade da comisión de valoración, remitirase con todo o actuado ao órgano competente para resolver.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra a resolución do procedemento, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao interesado, e recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Con

tencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida notificación.

De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 12º.-Xustificación e aboamento.

1. O pagamento das subvencións aos proxectos ou accións seleccionados, poderá realizarse mediante pagamentos parciais, a conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos realizados, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

O 20% restante librarase no momento da completa xustificación, por parte do beneficiario, do cumprimento da finalidade e demais condicións coas que lle foi concedida.

2. Unha vez realizado o proxecto ou acción, deberán remitirse á Dirección Xeral de Saúde Pública, ata o 11 de novembro de 2006 (derradeira data para a presentación da documentación) os seguintes documentos:

-Os xustificantes de gasto.

-Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para un mesmo proxecto (anexo III).

En todo caso, segundo o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e de acordo co establecido no artigo 18 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o beneficiario acreditará, antes de proceder ao seu cobramento, que está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non estarán suxeitos a esta obriga os beneficiarios das subvencións sinalados no artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Así mesmo, e ata o 18 de novembro do ano 2006, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Saúde Pública a memoria xustificativa do proxecto ou acción, que conterá as distintas fases de realización, así como os resultados e conclusións.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Tendo en conta o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, son obrigas dos beneficiarios:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente ou, se é o caso, ante a entidade colaboradora a realización da

actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou goce desta axuda.

c) Facilitar toda a información que lles sexa requirida e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

d) Comunicar á entidade concedente ou, se é caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

e) Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actividade subvencionada.

Artigo 14º.-Revogación e reintegro das axudas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia rexerá o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos ou accións seleccionadas.

Segunda.-Autorízase o director xeral de Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade