DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.326

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de maio de 2006 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

A fórmula da delegación competencial é utilizada polas administracións públicas, entre elas os organismos autónomos, co fin de conseguir unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos administrativos, en beneficio tanto do funcionamento da Administración como dos administrados.

Publicado o Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, que estableceu a nova estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, procede adecuar á nova estrutura do organismo alí establecida as normas de delegación existentes.

Esta delegación faise de conformidade cos principios recollidos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada por Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente; e tendo en conta os artigos 9 b) e 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999 (modificado polas leis 5/2000, do 28 de decembro, e 8/1999, do 30 de decembro) que aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde as seguintes facultades:

1. Con carácter xeral:

a) A execución dos acordos do Consello de Dirección e do Comité Executivo.

b) O despacho e resolución dos expedientes que lle estean atribuídos ao presidente por disposición legal ou regulamentaria, sempre que non estean expresamente delegados noutra autoridade ou órgano administrativo.

c) A resolución na vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades do organismo, agás as ditadas nos expedientes sancionadores non disciplinarios, sobre materias ou asuntos dos que a súa resolución non estea atribuída competencialmente ou por delegación a outros órganos do Sergas.

d) A resolución dos recursos correspondentes a expedientes disciplinarios.

2. En materia de persoal:

a) A concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos, respecto do persoal dos servizos centrais, por proposta da correspondente división.

b) A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización, do persoal da secretaría xeral.

c) A autorización das comisións de servizos con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da comunidade autónoma, así como a concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos respecto aos directores provinciais, aos directores das áreas sanitarias e os directores xerentes e demais directores e subdirectores de institucións sanitarias, tanto no ámbito da atención primaria coma da especializada.

d) A autorización de asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, relativas ao persoal das divisións e direccións provinciais e por proposta destas.

e) Por autorización das vacacións anuais de todo o persoal de servizos centrais e direccións provinciais do Sergas, por proposta da correspondente división ou dirección provincial.

f) As convocatorias e resolución nos procesos xerais de selección do persoal e provisión das prazas básicas das áreas de saúde, institucións e servizos sanitarios de ámbito superior á área.

3. En relación coa contratación e co patrimonio:

a) Actuar como órgano de contratación nos contratos para a prestación de servizos sanitarios e para os concertos de asistencia sanitaria e sociosanitarios.

b) As autorizacións de uso temporal de centros e servizos non concertados.

c) A resolución dos expedientes e asuntos de índole patrimonial, así como o exercicio daqueloutras competencias en materia patrimonial atribuídas á presidencia do organismo, sen prexuízo do disposto no artigo 5.2º c).

Artigo 2º

Deléganse na División de Asistencia Sanitaria as seguintes facultades:

1. A resolución dos expedientes de reintegro de gastos aos beneficiarios de asistencia sanitaria da Seguridade Social, en contía superior a 30.000 A.

2. A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do seu centro directivo.

Artigo 3º

Deléganse na División de Recursos Económicos:

1. En materia de contratación:

a) A representación do Sergas nos actos de adquisición e disposición dos bens e dereitos do organismo.

b) Actuar como órgano de contratación do organismo mesmo a tramitación de expedientes de gasto que afecten unha pluralidade de centros, sen prexuízo de que a execución lle corresponda a cada un dos respectivos centros de xestión.

c) A formalización dos contratos programa que se subscriban con entidades públicas con personalidade xurídica propia.

2. En materia orzamentaria:

a) A proposta e disposición de todos os gastos do organismo.

b) Propor os pagamentos do organismo.

c) Proposta e, se é o caso, aprobación das modificacións orzamentarias que correspondan ao Sergas así como a proposta de recoñecemento de ingresos do organismo.

d) Xestión e resolución das actuacións e procedementos derivados de normas regulamentarias, contratos, acordos ou convenios, exclusivamente en materia de financiamento, que non sexan competencia da secretaría xeral.

3. En materia de persoal:

A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do seu centro directivo.

Artigo 4º

Deléganse na División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, as seguintes facultades:

1. Con carácter xeral:

a) A resolución dos recursos e reclamacións previas á vía xudicial laboral interpostos contra actos das autoridades e órganos do Sergas con exclusión das relativas a expedientes disciplinarios.

b) A resolución dos asuntos relacionados co réxime retributivo de conformidade co previsto na normativa vixente, en relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do organismo, non incluído nas relacións de postos de traballo.

c) As resolucións sobre recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional ou do grao persoal do persoal do Sergas.

d) A determinación dos criterios de actuación na adopción de medidas que favorezan a protección das vítimas da violencia de xénero.

e) A concesión das prestacións estatutarias referidas á acción social.

f) Todos aqueles actos da Administración e xestión ordinaria do persoal do organismo que non fosen delegados expresamente pola orde noutros órganos.

2. En materia de procesos selectivos:

a) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos para a cobertura de postos de traballo de persoal laboral.

b) A aprobación das bases xerais para as convocatorias de acceso a prazas de área de saúde, institucións e servizos sanitarios.

c) A convocatoria de probas selectivas para o ingreso nos corpos ou escalas de carácter sanitario, o nomeamento de funcionarios pertencentes aos ditos corpos e escalas, e a expedición dos correspondentes títulos, así como ditar as resolucións sobre xubilacións.

3. En relación coas situacións administrativas do persoal:

a) As autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do seu centro directivo.

b) A concesión de permisos ou licenzas que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos do persoal de servizos centrais ou direccións provinciais.

c) A resolución dos expedientes de modificación do cadro de persoal do Sergas que correspondan a este organismo, de conformidade co establecido na normativa vixente.

d) A declaración da situación administrativa de servizos especiais do persoal estatutario así como a concesión de comisións de servizo entre institucións dependentes do Sergas e doutros servizos de saúde, a adscrición daquel persoal aos servizos centrais, e a autorización para que poida pasar a prestar servizos noutras entidades ou organismos das administracións públicas.

Artigo 5º

Deléganse nos directores de área ou nos seus equivalentes en relación cos seus respectivos centros de gasto, as seguintes facultades:

1. En materia de persoal:

a) A autorización de comisións de servizo con dereito a indemnización, e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento do persoal non directivo dependente do centro.

b) A concesión de permisos e licenzas que non teñan repercusión na súa nómina do persoal funcionario e laboral dependente do centro que ocupe postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo.

c) A concesión de permisos e licenzas que non excedan dun mes de duración, e as súas prórrogas en relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do centro non incluído nas relacións de postos de traballo.

d) A autorización dos permisos sen soldo regulamentarios, e as súas prórrogas cando o solicite o persoal estatutario.

e) A resolución de comisións de servizo para o desempeño de postos vacantes da propia institución, en relación co persoal da institución sanitaria, logo de autorización da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

f) Resolución das solicitudes de redución de xornada, de conformidade coa normativa vixente.

g) O nomeamento ou a contratación de persoal temporal das institucións e servizos deles dependentes agás a cobertura de prazas de cadro de persoal, que requirirá autorización da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

h) A selección e nomeamento de persoal temporal na categoría de facultativo especialista agás para a cobertura de prazas do cadro de persoal e nomeamentos de fóra de cadro, de duración superior a tres meses, que requirirá autorización da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

i) A expedición das dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, ser o caso, se produzan.

j) A convocatoria e resolución dos procesos de provisión de prazas de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade das institucións sanitarias, e o nomeamento do aspirante seleccionado e, de ser o caso, o seu cesamento.

k) As resolucións das solicitudes de prórroga de xubilación.

l) O control do horario e da asistencia e presenza física do persoal do seu centro.

2. En materia de contratación e orzamentos:

a) A autorización de gastos, actos de disposición de créditos e propostas de pagamento, con cargo aos orzamentos dos seus respectivos centros, agás nos expedientes que afecten a unha pluralidade de centros de gasto, nos que será competencia da División de Recursos Económicos do Sergas a retención do crédito, autorización do gasto e os actos de disposición do crédito correspondente.

Nos expedientes de contratación de concertos de asistencia sanitaria, de autorización temporal de uso de centros e servizos sanitarios e de tramitación de contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia, será competencia da División de Recursos Económicos do Sergas a retención do crédito correspondente.

b) Actuar como órgano de contratación nos contratos de obras e sempre que a obra non requira informe da oficina de supervisión de proxectos, con

tratos de subministración, consultaría e asistencia, e de servizos, e contratos administrativos especiais que afecten aos seus respectivos centros de gasto.

Requirirán autorización previa da División de Recursos Económicos do Sergas os contratos cuxa contía exceda de 500.000 A.

No arrendamento con opción de compra computarase o importe desta para efectos da contía indicada.

Os contratos de subministración mediante a modalidade de arrendamento financieiro, requirirán en todo caso, autorización da División de Recursos Económicos do Sergas.

A autorización expresa da División de Recursos Económicos dun expediente cuxa contía exceda de 500.000 A, entenderase aplicable a todos os actos de execución que se deriven del, e en particular, ás previsibles prórrogas e modificacións contractuais.

c) A celebración de contratos patrimoniais de concesión da ocupación de dominio público nos que se perciba un canon, e que afecten os edificios públicos da súa competencia, logo de informe da Secretaría Xeral do Sergas.

Artigo 6º

Facúltase aos secretarios provinciais, xefes dos servizos de xestión económica, e directores de xestión ou os seus equivalentes nos respectivos centros de gasto, para formular as correspondentes propostas nos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos dos seus respectivos centros de gasto, integrados no orzamento do organismo autónomo.

Artigo 7º

Facúltase os directores de xestión, ou aos seus equivalentes nos respectivos centros de gasto da rede do Sergas, para levar a cabo as actuacións necesarias en materia de ingresos que se deriven de servizos prestados no ámbito do seu centro, incluídas as que teñan a consideración de prezo público.

Isto sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 8º

As resolucións e actos administrativos emanados no uso destas delegacións respectarán os requisitos formais e limitacións establecidos no artigo 13 da Lei 30/1992 (modificada por Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983 (modificada por Lei 11/1988) reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 9º

1. Ademais das competencias atribuídas ás direccións provinciais do Sergas na disposición transitoria quinta do Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, deléganselle as seguintes competencias:

a) A formalización de contratos que afecten centros vinculados ás direccións provinciais, imputables a

créditos dos respectivos centros nas mesmas condicións respecto ao tipo de contrato e contía previstos no artigo 5.2º.

b) A tramitación e resolución dos expedientes de reintegro de gastos aos beneficiarios da asistencia sanitaria da Seguridade Social, ata 30.000 A.

c) As contratacións relativas á prestación de asistencia por importe inferior a 12.024,24 A, motivada por supostos de urxencia.

2. A competencia atribuída ás direccións provinciais do Sergas na letra f) da disposición transitoria quinta do Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, comportará o exercicio das seguintes funcións:

a) A declaración das situacións administrativas do persoal estatutario, agás a situación de servizos especiais.

b) Acordar o reingreso provisional, logo da autorización da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

c) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos que se desenvolvan de forma descentralizada, de conformidade coa normativa vixente, logo de autorización da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, e de conformidade co que se estableza na convocatoria xeral.

d) A selección temporal para a cobertura, segundo os procedementos establecidos, das dotacións existentes nos cadros de persoal das institucións e servizos sanitarios do seu ámbito territorial.

e) A concesión de comisións de servizo entre institucións sanitarias do seu ámbito territorial, logo da autorización da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

f) O recoñecemento da antigüidade, para os efectos retributivos, do persoal estatutario.

g) As declaracións correspondentes á xubilación forzosa e voluntaria do persoal estatutario, así como a recuperación da condición de persoal estatutario cando proceda.

h) A tramitación e xestión de nóminas do persoal das súas unidades administrativas.

i) O control do horario e da asistencia e presenza física do persoal das súas unidades administrativas.

As decisións ou acordos que se adopten no exercicio das anteriores funcións seranlles notificadas á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional e ás respectivas institucións sanitarias.

Disposición adicional

Sen prexuízo das competencias delegadas na División de Recursos Económicos do Sergas, autorízase os órganos correspondentes da Secretaría Xeral da

Consellería de Sanidade e da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, para xestionar, se é ocaso, os expedientes con cargo aos orzamentos do Sergas relacionados coas áreas sobre as que se lles recoñeza competencia no correspondente decreto de estrutura orgánica e, especialmente no que se refire a tecnoloxías de información, fondo documental do Sergas, tarxeta sanitaria ou docencia e investigación sanitaria.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias, entenderanse por órganos equivalentes aos directores de área os directores xerentes de atención primaria e especializada así como os directores provinciais, nos seus respectivos centros de gasto.

Segunda.-As competencias da dirección de área serán equivalentes ás de xerencias de atención primaria e especializada. As competencias das direccións provinciais manteranse ata que se complete a estrutura das áreas sanitarias.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 3 de febreiro de 2005, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidad