DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de maio de 2006 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

Para acadar unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos atribuídos á titular da consellería, o que beneficia tanto a Administración coma a cidadanía, e sen esquecer o debido respecto aos principios informadores do procedemento administrativo e ás súas garantías xurídicas, os órganos da Administración veñen facendo uso da fórmula da delegación competencial.

Publicado o Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, abranguendo os seus órganos centrais e periféricos, cómpre adecuar á nova estrutura as normas de delegación existentes.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente; o artigo 4.8º do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade; os artigos 8 e 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999 (modificado polas leis 5/2000, do 28 de decembro, e 8/1999, do 30 de decembro) que aprobou o texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común; e nos artigos 42 e 43 da Lei 1/1983 (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Primeiro.-Deléganse no secretario xeral da consellería as seguintes facultades:

a) A execución dos acordos de carácter xeral do consello de dirección e do comité executivo.

b) Dispoñer de canto atinxa ao réxime interno da consellería, cando non sexa competencia doutro centro directivo.

c) Despacho e resolución dos expedientes de índole administrativa que lle estean atribuídos á titular da consellería.

d) Resolución na vía administrativa dos recursos interpostos contra os actos e resolucións das autoridades da consellería, agás as ditadas en expedientes sancionadores non disciplinarios, así como a resolución das reclamacións previas previstas no título VIII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

e) Autorizar e dispoñer os gastos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados; así como propoñer a ordenación dos pagamentos correspondentes.

f) As funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas á titular da consellería, sen prexuízo das que lle corresponden de seu segundo o artigo 2.B.a) do Decreto 119/1982, do 5 de outubro.

g) O exercicio da xefatura do persoal do departamento e a súa inspección, segundo o previsto no artigo 2.D, e) do Decreto 119/1982, do 5 de outubro, que inclúe as seguintes atribucións:

1. A incoación de expedientes disciplinarios a todo o persoal da consellería.

2. O exercicio das potestades disciplinarias, agás a separación do servizo, de conformidade coas disposicións vixentes.

3. A autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

4. En relación co persoal dos servizos centrais, e por proposta da correspondente dirección xeral, a concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

h) A concesión de permisos ou licenzas que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

i) En relación ás delegacións provinciais da consellería, a autorización das comisións de servizos con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da comunidade autónoma, así como a concesión de permisos ou licenzas.

j) En relación co persoal da Secretaría Xeral, corresponderalle:

1. A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización.

2. A autorización das vacacións anuais de todo o persoal dos servizos centrais e delegacións provinciais da consellería.

3. As facultades que lle corresponden á conselleira en materia de persoal, segundo o artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

k) As funcións inherentes ao exercicio do protectorado que lle corresponden á consellería en relación coas fundacións de interese galego.

l) Aprobar as modificacións orzamentarias que correspondan á consellería.

m) Recibir e dirixir comunicacións a outras administracións públicas ou a outros departamentos da Xunta de Galicia, respecto de expedientes que, como os de comisión de secretarios xerais e de Consello da Xunta de Galicia, deban ser tramitados a través da Secretaría Xeral.

n) A resolución dos expedientes e asuntos de índole patrimonial, e a formalización dos correspondentes negocios xurídicos, así como o exercicio daqueloutras competencias en materia patrimonial atribuídas á titular da consellería.

Segundo.-Delégase no director xeral de Saúde Pública, respecto do persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización.

Terceiro.-Delégase no director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, respecto do persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización.

Cuarto.-Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade, en relación co persoal da delegación, a autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos.

Quinto.-As resolucións e actos administrativos emanados no uso destas delegacións respectarán os requisitos formais e as limitacións establecidos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983 (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición adicional

Sen prexuízo das competencias delegadas no secretario xeral da Consellería de Sanidade e do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e na disposición transitoria desta orde, autorízanse os órganos correspondentes da Secretaría Xeral do Sergas para xestionar, de ser o caso, os expedientes con cargo aos orzamentos da Consellería de Sanidade relacionados coas áreas sobre as cales se lles recoñeza competencia no correspondente decreto de estrutura orgánica e, especialmente, no que se refire ao programa de loita contra as drogodependencias e saúde mental.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 3 de febreiro de 2005 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade