DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 16 de maio de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas para o fomento da propiedade industrial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

A Consellería de Innovación e Industria pon á disposición das empresas galegas unha liña de axudas tendente a sufragar parte dos gastos derivados da protección e utilización do sistema de propiedade industrial, garantíndolles os recursos necesarios para acceder á plena explotación da súa capacidade innovadora e creativa.

Con este apoio financeiro procúrase así mesmo a equiparación da actividade rexistral do noso tecido empresarial co resto do Estado español e, consecuentemente, unha mellora das nosas condicións de competitividade.

A consecución destes obxectivos, que implican en definitiva a instauración dunha cultura da protección da innovación, non se producirá de forma inmediata, senón que será un proceso longo que obrigará á Administración galega a manter esta política de fomento da propiedade industrial nos anos vindeiros.

Esta convocatoria dispón dun crédito sensiblemente superior ao da convocatoria do pasado ano, que debería garantir, de acordo coas previsións existentes, a concesión de axuda á totalidade das solicitudes que se presenten.

As solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificada polo feito de que os pro

cedementos de obtención de protección xurídica das creacións intelectuais son, en si mesmos, procedementos de concorrencia competitiva.

Así mesmo, co fin de simplificar os trámites administrativos e, en consecuencia, facilitar o acceso ás axudas, optouse por unificar todo o proceso de gasto (realización e pago), de tal forma que soamente se presente unha solicitude de subvención unha vez realizados e pagados os gastos subvencionables.

Estas axudas encádranse no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas de minimis (DOCE do 13 de xaneiro).

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras dos apoios financeiros destinados ao fomento da protección e utilización da propiedade industrial, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2006.

Artigo 2º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas que regula esta convocatoria destinarase un crédito de 600.000 euros, consignado na aplicación orzamentaria 10.02.712-B.771.0 «Apoio á Innovación Empresarial» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as microempresas, pequenas e medianas empresas (PEME), calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, así como aquelas outras que teñan algún centro produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os conceptos para os cales solicitan a subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos.

Así mesmo, as grandes empresas, que cumpran os requisitos exixidos para as PEME no parágrafo anterior, poderán solicitar axuda para aqueles gastos que veñan derivados soamente da extensión territorial de títulos existentes sobre invencións (patentes ou modelos de utilidade) e que sexan subvencionables conforme o establecido na letra a) do artigo 4º.1 desta orde.

Para a clasificación das empresas segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa Recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003 (DOCE do 20 de maio) sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (esta definición recóllese no pé do anexo V desta orde).

2. Non obstante, non poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta convocatoria:

a) Aqueles solicitantes que incorran nalgunha das incompatibilidades descritas no artigo 11º desta orde.

b) Aqueles solicitantes nos que concorra algunha das circunstancias relacionadas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (este artigo recóllese no pé do anexo V desta orde).

c) Aqueles solicitantes que non cumpran a norma de minimis. Esta norma fixa en 100.000 euros o importe máximo do conxunto de axudas, sometidas a cláusula de minimis, obtidas no último período de tres anos (esta norma recóllese no pé do anexo V desta orde).

O documento acreditativo de cumprir os requisitos de beneficiario deberá formar parte da documentación que acompañe á solicitude de subvención (letra g) do artigo 6º.1 desta orde).

Artigo 4º.-Conceptos e gastos subvencionables.

1. Serán obxecto de apoio no ámbito da presente orde os seguintes conceptos:

a) Solicitude de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos), ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites dos procedementos correspondentes á concesión de novos títulos, así como á transformación ou extensión territorial de títulos existentes.

Terán a consideración de gastos subvencionables, segundo a forma de actuar ante as ditas oficinas, os seguintes:

-Cando se actúe directamente: os importes das taxas aplicadas polas ditas oficinas para a realización dos trámites citados.

-Cando se actúe con representante externo: os gastos de consultoría asociados á preparación e presentación ante as ditas oficinas da documentación correspondente aos trámites citados.

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a peticionaria ou a titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.

b) Mantemento de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos), ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites dos procedementos correspondentes á renovación de calquera título, así como á posta en explotación de patentes ou modelos de utilidade.

Terán a consideración de gastos subvencionables, segundo a forma de actuar ante as ditas oficinas, os seguintes:

-Cando se actúe directamente: os importes das taxas aplicadas polas ditas oficinas para a realización dos trámites citados.

-Cando se actúe con representante externo: os gastos de consultoría asociados á preparación e presentación ante as ditas oficinas da documentación correspondente aos trámites citados.

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.

c) Inscrición de transmisións de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos), ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites dos procedementos correspondentes á inscrición de transmisiones de títulos de propiedade industrial.

Terán a consideración de gastos subvencionables, segundo a forma de actuar ante as ditas oficinas, os seguintes:

-Cando se actúe directamente: os importes das taxas aplicadas polas ditas oficinas para a realización dos trámites citados.

-Cando se actúe con representante externo: os gastos de consultoría asociados á preparación e presentación ante as ditas oficinas da documentación correspondente aos trámites citados, incluíndo os gastos de elaboración dos correspondentes contratos de cesión ou licenza.

A empresa solicitante de subvención por este concepto deberá ser a cesionaria dos títulos que se transmitan.

d) Análise de rexistrabilidade de títulos de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos).

Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

-Os gastos de consultoría asociados á realización de buscas de antecedentes rexistrais ou informes de rexistrabilidade, efectuados con carácter previo á solicitude de protección de invencións, deseños industriais ou signos distintivos, siempre que estes servizos sexan prestados por entidades externas, habilitadas ou con recoñecida experiencia para isto.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados dentro do presente ano 2006 e, así mesmo, con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda. O prazo límite para a presentación de solicitudes está regulado no artigo 6º.3 desta orde.

3. En ningún caso se incluirá entre os gastos subvencionables o imposto sobre o valor engadido (IVE).

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A axuda que se vaia conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será o 70% dos gastos subvencionables, no caso de Pemes, e o 60% dos gastos subvencionables, no caso de grandes empresas, en ambos os dous casos coa limitación establecida no parágrafo seguinte.

A suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de ter presentado unha ou varias solicitudes ao abeiro desta orde, non poderá superar os 36.000 euros.

Así mesmo, o importe da axuda concedida non poderá exceder, xunto coas demais axudas (amparadas pola cláusula de minimis) outorgadas ao beneficiario no último período de tres anos, o límite de 100.000 euros.

Artigo 6º.-Solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes formalizaranse no modelo recollido no anexo I desta orde, debendo acompañar a seguinte documentación, que haberá de ser orixinal ou copia compulsada:

Documentación administrativa:

a) CIF da entidade solicitante ou NIF en caso de empresario individual.

b) Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI (en caso de poder mancomunado deberán achegarse as fotocopias dos DNI de todos os representantes).

c) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas, para os mesmos gastos, en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, que haberá de

formularse segundo o modelo recollido no anexo III desta orde. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

d) Declaración de axudas, amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos, en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo IV desta orde. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na que conste a razón social e CIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

f) Certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar estas tres certificacións.

g) Declaración de cumprimento dos requisitos de beneficiario, de acordo co exixido no artigo 3º desta orde, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no seu anexo V.

Documentación xustificativa dos gastos:

h) Cadro de gastos, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo II desta orde, no que deberán detallarse os gastos conforme as instrucións que figuran no anexo VI.

i) Xustificantes de realización e pagamento dos gastos (para cada un dos gastos que se recollan no anexo II):

-Copia do documento que acredite a realización do trámite correspondente ante a oficina de propiedade industrial de que se trate e documento bancario acreditativo do pagamento da taxa, cando se trate de conceptos incluídos nas letras a), b) e c) do artigo 4º.1 desta orde.

-As facturas dos provedores (que deberán reflectir para cada gasto, o seu importe e a súa descrición, co mesmo detalle que o exixido no anexo VI) e os documentos bancarios acreditativos do pagamento destas facturas (que permitan identificar a factura e o provedor), cando existan gastos de consultoría.

-Unha copia das buscas ou informes para os que se solicita subvención, cando se trate de conceptos incluídos na letra d) do artigo 4º.1 desta orde.

j) Calquera outro documento que se requira, en orde á determinación e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

O formulario da solicitude (anexo I) e os demais anexos que a acompañan poderán obterse ou cubrirse no enderezo da internet: http://www.segapi.org.

2. Estas solicitudes, con toda a documentación relacionada no punto anterior, dirixiranse ao conselleiro de Innovación e Industria e presentaranse no rexistro do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi)

ou en cualquera outro rexistro da Consellería de Innovación e Industria, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2006 (inclusive), salvo que se produza o suposto de esgotamento do crédito dispoñible previsto no artigo 8º.1 desta orde. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude, a través das páxinas web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e do Segapi.

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Innovación e Industria garante a confidencialidade dos datos recollidos na documentación prevista para as solicitudes de axuda.

Artigo 7º.-Rectificación da solicitude.

Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos ou non se acompañan os documentos sinalados, requirirase o interesado para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión.

1. A concesión das axudas efectuarase respectando a orde de entrada das solicitudes, ata esgotar o crédito dispoñible, e o procedemento substanciarase de acordo coas normas xerais dos procedementos administrativos iniciados por solicitude dos interesados, tendo en conta as seguintes regras:

-O procedemento entenderase iniciado desde a data na que a correspondente solicitude se presentara, nalgún dos lugares previstos no artigo 6º.2 desta orde, contándose desde dita data o prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa da solicitude.

-En caso de rectificación da solicitude, conforme o previsto no artigo 7º desta orde, a orde de entrada, para efectos de concesión da axuda, virá determinada pola data de presentación do escrito de rectificación ou do oficio polo que se acompañen os documentos preceptivos, nalgún dos lugares previstos no artigo 6º.2 desta orde.

-Sempre que se cumpran os requisitos determinados nas bases reguladoras e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

-No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes, presentadas en rexistros diferentes, a orde de entrada virá determinada polo número e data de entrada no rexistro do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi).

2. Correspondelle á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación a instrución do proce

demento de concesión de subvencións, a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial, quen desenvolverá de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución poñerase de manifesto aos interesados ou, se é o caso, aos seus representantes que, no prazo de 10 días poderán alegar e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

4. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9º.-Resolución e pagamento da subvención.

1. Á vista da proposta de resolución, o conselleiro de Innovación e Industria resolverá motivadamente o que proceda respecto á concesión, total ou parcial, ou a denegación da subvención solicitada.

2. En caso de concesión, o conselleiro de Innovación e Industria resolverá así mesmo o ordenamento do pagamento da subvención, que se realizará directamente aos beneficiarios mediante transferencia bancaria.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a resolución expresa, o interesado poderá entender a súa solicitude desestimada por silencio administrativo.

4. Todas as subvencións concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, con expresión dos datos exixidos no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta orde.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:

a) Acreditar a realización dos conceptos para os que se solicita subvención. Estes documentos acreditativos deberán formar parte da documentación que acompañe a solicitude de subvención (letra i) do artigo 6º.1 desta orde).

b) Atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes documentos acreditativos deberán formar parte da documentación que acompañe a solicitude de subvención (letra e) do artigo 6º.1 desta orde).

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano outorgante, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicarlle ao órgano outorgante a solicitude ou obtención de axudas ou subvencións, para os mesmos gastos, procedentes de calquera outra administración,

organismo ou ente público ou privado. Esta comunicación deberá formar parte da documentación que acompañe a solicitude de subvención (letra c) do artigo 6º.1 desta orde), e, no caso de que houbese variacións desde esta presentación ata a data na que se notifique a resolución de concesión, deberá efectuarse unha nova comunicación.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 11º.-Incompatibilidades.

As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra axuda outorgada, para os mesmos gastos, por calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 12º.-Reintegro da subvención.

1.Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro, total ou parcial, da contía percibida, xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

b) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

c) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da subvención.

2. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 14º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación ou a partir daquel no que se produza o acto presunto.

E, todo isto, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 16º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ao disposto en:

-O Regulamento nº 69/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis.

-A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-A Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

-O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

-O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-O Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria