DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 16 maio de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a concesión de bolsas para a formación de dinamizadores da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio de 2006.

O desenvolvemento da Sociedade da Información constitúe no momento actual unha das prioridades dos gobernos de todas as comunidades e nacións do noso contorno máis próximo. A Unión Europea vén manifestando reiteradamente a necesidade de promover políticas públicas orientadas á eliminación da chamada fenda dixital que se produce entre as comunidades máis avanzadas e aqueloutras cun menor nivel de desenvolvemento, así como entre diferentes colectivos que poden ter especiais dificultades de acceso ao coñecemento e uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, as competencias para o desenvolvemento da SI corresponden á Consellería de Innovación e Industria. Entre estas competencias están as de coordinación das actuacións dos diferentes entes públicos e das distintas administracións. A suma de esforzos considérase fundamental para poder acadar un desenvolvemento harmónico en todos os sec

tores, lograr a alfabetización dixital de toda a poboación e achegar nos próximos anos a comunidade autónoma aos niveis das comunidades máis avanzadas, corrixindo as deficiencias observadas que fan que, no momento actual, Galiza estea situada nos últimos lugares en relación coas demais comunidades autónomas do Estado español.

Por outra parte, pode constatarse a existencia na Comunidade Autónoma de Galicia dunha importante dotación de aulas de recursos para a Sociedade da Información, tales como os centros públicos de acceso á internet, instalados ao abeiro do programa de Internet Rural e Telecentros, promovidos pola entidade pública Red.es, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, en colaboración coas entidades da administración local; aulas de informática instaladas polos propios entes locais, así como por diferentes entidades e asociacións de carácter privado, aulas dos centros de desenvolvemento comarcal, que, pola súa localización, moitos deles en zonas rurais, deben empregarse do xeito máis eficiente posible para a incorporación de todos os cidadáns galegos á Sociedade da Información e o coñecemento, con independencia do seu nivel de renda, o seu nivel educativo e cultural ou o seu lugar de residencia.

Así mesmo, tamén se ten constatado, nas diferentes actuacións de seguimento, que estas infraestruturas materiais non están dando os resultados previstos, por non posuíren, na súa maioría, os recursos humanos idóneos para dinamizar e atender as accións relativas á introdución da Sociedade da Información.

Co obxectivo de contar con estes recursos, a Consellería de Innovación e Industria, vai poñer en marcha un proxecto de dinamización da Sociedade da Información co cal se pretende formar persoal para que, unha vez adquirida a capacitación necesaria, sexa capaz de motivar a poboación do contorno dunha aula das citadas no parágrafo anterior, no emprego das novas tecnoloxías da información e as comunicacións e, especialmente, no uso da internet.

O desenvolvemento deste programa precisa para a súa correcta execución da participación doutros órganos da Xunta de Galicia, dos entes locais e das entidades que posúen as infraestruturas a que antes se fixo referencia, colaborando na formación dos dinamizadores, así como en actuacións complementarias que sirvan para difundir e fomentar o desenvolvemento da Sociedade da Información na comunidade autónoma.

A presente orde establece as bases para a concesión de bolsas de formación para dinamizadores que se desenvolverá en dúas fases: unha teórica e outra práctica nos centros dos organismos e entidades con que a Consellería de Innovación e Industria teña acadado un acordo de colaboración, no cal se terá en conta, como unha prioridade, que estes organismos inclúan nos seus cadros de persoal algunha praza co perfil de dinamizador da Sociedade da Información.

Con esta finalidade e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a formación de dinamizadores da Sociedade da Información no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, articúlase o procedemento de selección dos entes locais, organismos e entidades públicas ou privadas que desexen colaborar na execución deste programa.

Segundo.-Características e duración das bolsas.

As bolsas concederanse para o desenvolvemento de estudos e prácticas formativas, co obxectivo de proporcionar ás persoas seleccionadas a capacitación necesaria para propiciar o achegamento dos cidadáns ás aulas de recursos para a Sociedade da Información, para se familiarizaren co uso das novas tecnoloxías, para guialos no proceso da súa alfabetización dixital, informalos das oportunidades que brindan as administracións para a adquisición de tecnoloxía de acceso á internet, detectar as necesidades de servizos e contidos que poden ser útiles para a poboación con que están en contacto, xestionar a aula, programar e impartir talleres formativos adecuados aos distintos colectivos que integran a poboación do territorio en que estea situado e colaborar en rede coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información e co resto de persoal doutras aulas de recursos para a Sociedade da Información.

O programa de formación desenvolverase nas seguintes fases:

-Fase I. Formación teórica. Terán acceso a esta fase un total de 128 bolseiros/as que realizarán un curso

que terá unha duración mínima de 240 horas, a razón de 30 horas semanais, no cal se tentará de cubrir os seguintes obxectivos:

-Coñecemento dos efectos que a sociedade da información produce sobre a sociedade en xeral e sobre a empresa en particular.

-Papel dos telecentros na difusión das TIC (tendencias da información e a comunicación).

-Estratexias de dinamización dos diferentes colectivos sociais.

-Manexo das ferramentas informáticas máis usuais: sistemas operativos, ofimática, manutención de equipamentos, software de seguranza, manutención e creación de redes, páxinas web, tratamento de imaxes, etc.

-Coñecemento das características de diferentes servizos electrónicos tales como administración electrónica, sinatura electrónica, comercio electrónico, etc.

-Xestión da documentación propia dun telecentro: programas de xestión, elaboración de relatorios e memorias, lexislación, etc.

-Programación de accións de formación, tendo en conta todos os parámetros necesarios: destinatarios, recursos, metodoloxía, avaliación, etc.

-Elaboración de propostas de material didáctico para empregar como recurso formativo.

-Habilidades sociais: atención ao público, captación de usuarios, resolución de problemas, dirección de grupos, etc.

-Elaboración de propostas de novos servizos e novos contidos.

-Perfeccionamento do uso e coñecemento da lingua galega con especial incidencia na terminoloxía que deberá ser empregada no ámbito das TIC.

O curso comezará na primeira quincena do mes de setembro e desenvolverase simultaneamente en cada unha das catro provincias galegas, en xornadas de mañá e/ou tarde, de luns a venres, até completar as horas programadas.

O calendario do curso, así como os lugares onde se celebrará, será comunicado ás persoas seleccionadas cun mínimo de cinco días de anticipación ao inicio do curso.

O curso será titorizado por un profesor/a experto/a na materia que realizará unha avaliación continua do proceso de formación e emitirá, en función do aproveitamento do curso, a cualificación final dos alumnos/as. Para superar o curso será preciso superar todos os módulos en que se estruture o programa e que as faltas de asistencia, mesmo xustificadas, non superen o 10% das horas programadas. Haberá un curso e un titor por provincia.

A comisión de selección garantirá a homoxeneidade no proceso de avaliación feito polos catro titores e a homoxeneidade das probas que se realizaren ao longo desta primeira fase de formación.

-Fase II. Formación práctica. Terán acceso a esta fase os 100 candidatos que obtiveren as mellores cualificacións na fase I da formación. As cualificacións finais da fase I serán as que determinen a comisión

de selección logo de estudadas as avaliacións feitas polos correspondentes titores. Os demais conformarán unha lista de reserva para o caso de renuncia ou imposibilidade de completar o período de prácticas dalgún dos bolseiros/as seleccionados. Esta fase da formación realizarase nalgún centro que dispoña dunha aula de recursos para a Sociedade da Información, tales como telecentros dependentes de entes locais, aulas de informática da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, aulas de asociacións de empresarios de polígonos empresariais, ou outras similares de asociacións ou institucións de carácter público ou privado, da comunidade autónoma cos cales a Consellaría de Innovación e Industria teña acadado un acordo de colaboración. Estes centros poden estar situados en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, que, para os efectos desta convocatoria, se agruparon en dezaoito zonas, segundo figura na relación que se publica como anexo III desta orde.

Os bolseiros escollerán os destinos que se lle ofertaren para realizar as prácticas pola orde de puntuación definitiva obtida da suma da puntuación acadada na fase de selección e a acadada no curso de formación, dentro da zona de preferencia sinalada na solicitude. De non existiren prazas na zona escollida, escollerán pola orde de puntuación entre as demais que se lle ofertaren. Para o caso de empate nas puntuacións, aplicaranse os mesmos criterios que figuran na base sétima desta orde. No acto de escolla indicaráselle a data en que deben presentarse no centro escollido. De non facelo así entenderase que renuncian á bolsa de prácticas que lles puider corresponder e procederase á súa substitución pola lista de reserva.

Durante esta fase os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección dun coordinador e un titor, designados pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, que serán os responsables de definir as tarefas que deben realizar e as reunións de seguimento a que deben asistir, cumprindo un horario de trinta e cinco horas semanais. A duración desta fase será de nove meses.

Terceiro.-Dotación económica.

Durante a fase I, formación teórica, as persoas seleccionadas recibirán unha axuda económica de 900 A que lles serán aboados á finalización do curso. Non serán aboados pagamentos parciais aos bolseiros/as que non remataren o curso ou superaren as faltas de asistencia permitidas.

Durante a fase II de formación práctica, percibirán unha axuda de 900 A mensuais brutos.

As persoas que obtiveren a bolsa terán dereito a un seguro de asistencia médica e a un seguro de accidentes.

Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 271.900 A para a anualidade de 2006 e 203.300 A para a anualidade de 2007 que serán imputadas á aplicación orzamentaria 10.04.712B.480.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006. Completarase o financiamento coa achega de 450.000 A realizada pola entidade pública Red.es ao abeiro do convenio coa Consellería de Innovación e Industria que se asinou o 3 de abril de 2006, para o cal se realizará a xeración de crédito correspondente.

A eficacia desta orde queda condicionada a que se realice a xeración de crédito mencionada.

Cuarto.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reuniren os seguintes requisitos:

a) Estar domiciliado na Comunidade Autónoma de Galicia

b) Ter nacido no ano 1976 ou con posterioridade e ser maior de dezaoito anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Ter coñecemento da lingua galega, que se acreditará co certificado do curso de iniciación ou perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, así como con títulos expedidos pola Escola Oficial de Idiomas.

d) Posuír algunha das seguintes titulacións:

-Técnico ou técnico superior da área de informática ou equivalente.

-Técnico ou técnico superior da área de servizos socioculturais e a comunidade ou equivalente.

-Técnico ou técnico superior da área de administración.

-Diplomado en educación social ou equivalente.

-Diplomado en traballo social ou equivalente.

A condición de beneficiario/a destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin cos organismos ou entidades en que realizaren o período de formación práctica, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Quinto.-Solicitudes e documentación.

Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática internet expres (Procedemento IN526A-a) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://www.xunta.es/conselle/in/ da Xunta de Galicia.

Para o correcto enchemento dos formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios até as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, a través do teléfono: 981 54 55 83, do número de fax: 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas2006.dxpisi*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

As persoas interesadas en participar nesta convocatoria deberán presentar no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta e un días naturais,

contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial, obtida a través da aplicación informática sinalada e que se publica como anexo a esta orde, a título meramente informativo.

b) Fotocopia autenticada do DNI.

c) Certificado de empadroamento.

d) Acreditación do coñecemento da lingua galega.

e) Copia autenticada do correspondente título.

f) Declaración de non incorrer nas causas de exclusión para ser beneficiarios de axudas ou subvencións que sinala a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións(anexo II).

g) Declaración doutras bolsas de estudos ou axudas solicitadas ou concedidas (anexo II).

h) Os/as solicitantes con algún grao de discapacidade deberán sinalalo no formulario de solicitude, indicando o grao de discapacidade que teñan recoñecido e, de ser o caso, solicitar as adaptacións de tempo e medios que consideraren necesarias.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria. Así mesmo, comporta a autorización ao órgano xestor para comprobar de oficio o cumprimento das obrigas tributarias e sociais coa AEAT, Consellería de Economía e Facenda e Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Sexto.-Emenda de defectos.

Se a documentación presentada non cumprir os requisitos exixidos na convocatoria, requirirase o interesado para que, no prazo máximo de dez días, emende as faltas ou remita a documentación requirida. De non facelo así, terase por desistido da súa petición e procederase conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992.

Sétimo.-Procedemento de selección.

Os/as aspirantes á concesión destas bolsas deberán superar un proceso de selección que consistirá na realización dun test psicotécnico de carácter eliminatorio. Esta proba estará constituída por unha batería de exercicios de habilidade numérica, capacidade lóxica, comprensión verbal, habilidades de dinamización.

A celebración desta proba terá lugar no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A comisión de selección garantirá o segredo e a confidencialidade na elaboración e custodia da proba, así como o anonimato no seu desenvolvemento e corrección, para o cal contará cos auxilios de caracter técnico precisos para ese proceso.

A data, o lugar e a hora de celebración da proba, así como a listaxe definitiva de admitidos, será publicada na páxina web http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm, oficina virtual, procedemento IN526 A-a, durante o próximo mes de xullo.

A selección será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información.

Vogais: a subdirectora xeral de Promoción Industrial e o/a xefe/a de servizo de Desenvolvemento da Sociedade da Información.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

Poderán actuar como suplentes os funcionarios da Consellería de Innovación e Industria que teñan unha categoría mínima de xefe de servizo, designados pola directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

A comisión de selección elaborará a relación de candidatos por orde de puntuación, que se publicará na páxina web: www.xunta.es/conselle/in, concedendo aos solicitantes un prazo de dez días desde a data de publicación na web para que formulen as alegacións que consideren oportunas, de conformidade co establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, co obxecto de realizar o trámite de audiencia anterior á proposta de resolución.

Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando os seguintes criterios: en primeiro lugar, terán preferencia as mulleres e, de persistir o empate, os/as candidatos de maior idade e en último termo resolverase por orde alfabética comezando polo primeiro apelido. Para este último caso, a comisión de selección escollerá ao chou, en acto público ao cal serán convidados todos os afectados, a letra de inicio da relación alfabética de apelidos.

Oitavo.-Resolución.

Despois de analizar as alegacións presentadas, se for o caso, a comisión de selección elevará ao conselleiro de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, a relación de 128 persoas propostas para a concesión das bolsas e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha das propostas.

O conselleiro de Innovación e Industria ditará resolución que será publicada no DOG, na web: www.xunta.es/conselle/in e notificada aos adxudicatarios/as.

O prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria, será de seis meses, contados desde a abertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

O conselleiro de Innovación e Industria, por proposta xustificada da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumprir as condicións impostas con motivo da súa concesión.

Noveno.-Obrigas das persoas beneficiarias das bolsas.

a) Presentar, no momento da toma de posesión, declaración de non percibir outras bolsas ou axudas así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria dos interesados.

b) Presentar ao remate da bolsa unha memoria detallada das actividades realizadas, na cal especificará o programa desenvolvido e os obxectivos acadados.

c) Comunicar a súa renuncia, no caso de se producir con posterioridade ao inicio da formación, á Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, con cinco días de anticipación á data de cesamento.

d) Comunicar á Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información a obtención doutras bolsas ou axudas así como de calquera outra alteración dos requisitos impostos aos beneficiarios/as para o outorgamento destas bolsas.

Décimo.-Pagamento.

O pagamento das bolsas realizarase da seguinte forma: o correspondente á fase I, unha vez finalizada esta segundo o disposto na base terceira; durante a fase II, por períodos mensuais vencidos e despois de o titor correspondente expedir certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos.

No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, o/a bolseiro/a percibirá o importe que proporcionalmente corresponder ao número de días que gozar da bolsa.

Décimo primeiro.-Incompatibilidades.

A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria dos interesados.

Décimo segundo.-Organismos e entidades interesadas en colaborar na formación dos dinamizadores.

1. As entidades locais, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada, sen ánimo de lucro, interesados en acoller un bolseiro/a no período de formación práctica, poderá solicitalo de acordo co establecido neste artigo

Será requisito imprescindible que a entidade solicitante dispoña dunha aula de recursos para a Sociedade da Información, tales como un telecentro, aula de informática ou infraestrutura similar, de acceso público, co equipamento necesario para a realización da formación que se pretender e o cumprimento dos obxectivos desta orde.

2. A Consellería de Innovación e Industria, seleccionará os que considerar de maior interese para os obxectivos que se perseguen, de acordo cos seguintes criterios:

-Carencia de recursos humanos dispoñibles con perfil similar ao de dinamizador da Sociedade da Información.

-Presentación do compromiso, acordado polo órgano competente da entidade solicitante, de incluír nos orzamentos do vindeiro ano a dotación orzamentaria necesaria, para a contratación dunha persoa co perfil de dinamizador da Sociedade da Información.

-Número de habitantes do concello en que estea situado o centro, con preferencia daqueles en que este sexa superior aos 1.500 habitantes e inferior a 6.000.

-Contar con planos ou actuacións previstas para o desenvolvemento da Sociedade da Información.

A Consellería de Innovación e Industria establecerá coas entidades seleccionadas un acordo de colaboración en que se concretarán os compromisos adquiridos.

3. Os formularios de solicitude cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática internet expres (procedemento IN526A-b) esta

blecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://www.xunta.es/conselle/in/ da Xunta de Galicia.

Para o correcto enchemento dos formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios até as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través do teléfono: 981 54 55 83, do número de fax: 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas2006.dxpisi*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os interesados deberán presentar no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta e un días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial obtida a través da aplicación informática sinalada e que se publica como anexo I-B a esta orde, a título meramente informativo.

b) Memoria xustificativa da solicitude, na cal se detallarán as características da aula en que realizará a formación o dinamizador, situación actual, recursos dispoñibles, plans implantados ou previstos para o desenvolvemento da Sociedade da Información.

c) Documentación que acredite os requisitos establecidos no punto 2) deste artigo (declaración de carencia de recursos humanos dispoñibles co perfil de dinamizador, compromiso para a contratación dunha persoa con perfil de dinamizador, certificación nº habitantes do concello segundo o padrón do concello a 1 de marzo de 2006).

Décimo terceiro.-Normativa aplicable.

En todo o non previsto na presente orde aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resultar de aplicación.

Disposición derradeira

Facúltase a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO III

Zona I: A Capela, Ares, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Valdoviño.

Zona II: A Coruña, A Laracha, Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada, Vilarmaior, Vilasantar.

Zona III: Cabana, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

Zona IV: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Mesía, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Melide, Toques, Sobrado, Santiso.

Zona V: A Pobra, Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo, Ribeira.

Zona VI: A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cotobade, Cuntis, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, O Grove, Poio, Ponte-Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa.

Zona VII: A Cañiza, A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Covelo, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo.

Zona VIII: A Estrada, Agolada, Cerdedo, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.

Zona IX: A Pontenova, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro, Xove.

Zona X: A Pastoriza, Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba, Xermade.

Zona XI: Antas de Ulla, Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, Monterroso, O Corgo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Portomarín, Rábade.

Zona XII: A Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribeira de Piquín.

Zona XIII: A Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Láncara, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela.

Zona XIV: A Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, Melón, O Carballiño,

O Irixo, Piñor, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cristovo de Cea.

Zona XV: A Peroxa, A Teixeira, Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Castro Caldelas, Coles, Esgos, Maceda, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Paderne de Allariz, Parada de Sil, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén, Vilamarín, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Barbadás.

Zona XVI: A Bola, A Merca, Baltar, Bande, Calvos de Randín, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, Muíños, Os Blancos, Padrenda, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia.

Zona XVII: A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río, Vilamartín de Valdeorras.

Zona XVIII: A Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós, Vilariño de Conso.