DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 2006 Páx. 8.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de maio de 2006 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2006/2007, nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

Na disposición adicional quinta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establécese que as administracións educativas fixarán anualmente o calendario escolar e que este comprenderá un mínimo de 175 días para o ensino obrigatorio.

Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2006/2007 nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPOÑO:

Capítulo I

Calendario escolar

Artigo 1º.-Aprobación.

Apróbase o calendario escolar para o curso 2006/2007 coas especificacións que se sinalan.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º.-Duración do curso académico.

1. O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2006 ata o 31 de agosto de 2007.

2. Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 6 realizaranse as probas e sesións de avaliación correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2005/2006 para os alumnos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato. Sen prexuízo do establecido no artigo 10º desta orde, nos días en que se celebren as probas extraordinarias, serán de aplicación o punto 107 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro), o punto 127 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000 (DOG do 2 de novembro) e o punto ñ) do artigo 81 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), naqueles centros en que se imparte o 1º ciclo da educación secundaria obrigatoria. Para

tal fin, as direccións dos centros elaborarán o correspondente horario de gardas.

3. Os alumnos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, que non puidesen matricularse no prazo ordinario, poderán facelo no prazo extraordinario, que abranguerá desde o día 1 ata o 8 de setembro de 2006.

Artigo 4º.-Comedores escolares dos centros públicos.

1. Os comedores escolares funcionarán desde o día 2 de outubro de 2006 ata o 1 de xuño de 2007, ambos os dous inclusive.

2. Os delegados provinciais poderán autorizar a modificación das datas de inicio e final do servizo de comedor escolar naqueles centros en que concorran circunstancias excepcionais debidamente xustificadas que así o aconsellen.

Artigo 5º.-Actividades lectivas.

1. No 2º ciclo de educación infantil, na educación especial e na educación primaria, as actividades lectivas realizaranse do día 11 de setembro de 2006 ao 22 de xuño de 2007, ambos os dous inclusive.

2. En educación secundaria obrigatoria e no bacharelato, as actividades lectivas realizaranse entre os días 1 e 6 de setembro de 2006, ambos os dous inclusive, de conformidade co establecido no artigo 3º.2 desta orde, e do 20 de setembro de 2006 ao 22 de xuño de 2007, ambos os dous inclusive. Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato, as actividades lectivas ordinarias rematarán de acordo coas datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.

3. Nos programas de garantía social, as actividades lectivas comezarán o 20 de setembro de 2006 e rematarán de acordo coas datas previstas para as probas de acceso aos ciclos de grao medio de formación profesional específica.

4. En formación profesional, as actividades lectivas comezarán o 29 de setembro de 2006 e rematarán de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada ciclo formativo.

5. Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas comezarán o 20 de setembro de 2006, nos conservatorios de música e danza, así como na Escola Superior de Arte Dramática, e o 29 de setembro de 2006, nas escolas oficiais de idiomas, nas escolas de arte e superiores de deseño, así como na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e non rematarán antes do 1 de xuño de 2007. No caso dos ciclos de grao medio e superior de artes, dos estudos superiores de deseño, de conservación e restauración e de arte dramática rematarán de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada un destes estudos.

6. Os delegados provinciais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas.

Artigo 6º.-Períodos de vacacións.

1. As vacacións de Nadal abranguerán desde o día 23 de decembro de 2006 ata o día 7 de xaneiro de 2007, ambos os dous inclusive.

2. As vacacións de Semana Santa abranguerán desde o día 2 ata o día 9 de abril de 2007, ambos os dous inclusive.

3. Considéranse períodos non lectivos os días correspondentes ao Entroido, luns e martes (días 19 e 20 de febreiro de 2007).

Artigo 7º.-Días non lectivos.

1. Son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 1.31º do Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro (BOE do 7 de novembro), e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da antedita consellería.

2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local, ás que se refire o punto anterior, non coincidan con días de clase, os consellos escolares, así como os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. A dita petición deberá facerse antes do día 31 de outubro de 2006, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen, logo de informe da Inspección Educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É desexable que os centros da mesma localidade elixan os mesmos días non lectivos, para o que se buscará o consenso entre todos os centros para súa selección.

3. Ademais dos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 8º.2 e co fin de unificar a celebración dos patróns de cada nivel educativo, establécese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo para efectos académicos e que no curso 2006/2007 se celebrará o 7 de decembro de 2006.

Artigo 8º.-Conmemoracións.

1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

-Do 4 ao 15 de decembro de 2006: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

-10 de decembro de 2006: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

-30 de xaneiro de 2007: Día da Paz.

-8 de marzo de 2007: Día Internacional da Muller Traballadora.

-15 de marzo de 2007: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-Do 12 ao 16 de marzo de 2007: Semana da Prensa. Un día desta semana declárase con xornais.

-Entre o 10 e o 30 de abril de 2007: Día do Libro.

-7 de abril de 2007: Día Mundial da Saúde.

-9 de maio de 2007: Día de Europa.

-Do 7 ao 18 de maio de 2007: Semana das Letras Galegas.

-5 de xuño de 2007: Día Mundial do Ambiente.

2. Ademais, tendo en conta as ensinanzas que imparten, os centros poderán conmemorar as datas seguintes:

-24 de outubro de 2006: Santo Antonio Mª Claret (ensinanzas artísticas: artes plásticas e deseño).

-22 de novembro de 2006: Santa Cecilia (ensinanzas artísticas: música).

-27 de novembro de 2006: San Xosé de Calasanz (educación infantil e educación primaria).

-28 de xaneiro de 2007: San Tomás de Aquino (educación secundaria obrigatoria, bacharelato e ensinanzas de idiomas).

-31 de xaneiro de 2007: San Xoán Bosco (formación profesional).

-27 de marzo de 2007: Día Internacional do Teatro (ensinanzas artísticas: arte dramática).

-29 de abril de 2007: Día Internacional da Danza (ensinanzas artísticas: danza).

3. Os centros que imparten máis dun nivel de ensino deberán unificar nunha única xornada as conmemoracións correspondentes, circunstancia que deberán comunicarlle por escrito á Inspección Educativa con antelación suficiente para o seu coñecemento.

4. Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6º desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior que se estableza na programación xeral anual.

5. As datas a que se refiren os puntos 1 e 2 anteriores son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salientar a importancia das referidas conmemoracións.

Artigo 9º.-Modificación do calendario escolar.

Calquera modificación que se lle precise facer ao calendario escolar deberá ser solicitada, polo menos con quince días de antelación, polo centro interesado ao delegado provincial, quen, logo do informe da Inspección Educativa e dos que coide oportunos, resolverá o procedente.

Capítulo II

Inicio do curso

Artigo 10º.-Actividades de programación.

Desde o comezo do curso ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente, ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e curriculares, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso. Nese período os departamentos didácticos, baixo a coordinación e dirección do respectivo xefe de departamento, dedicaranse a elaborar a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organizar o curso escolar.

Artigo 11º.-Xornada escolar.

1. A xornada escolar será a establecida pola lexislación vixente para cada unha das etapas e niveis. Non obstante o anterior, aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un horario que coas adaptacións necesarias permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros co dito servizo. Estes centros comunicaranlle ao delegado provincial a proposta de horario escolar para o curso 2006/2007, debendo resolver este antes do inicio das clases.

2. Nos períodos comprendidos entre os días 11 e 29 de setembro de 2006, ambos os dous inclusive, e entre os días 4 e 22 de xuño de 2007, ambos os dous inclusive, establecerase a xornada lectiva continuada en horario matinal nos seguintes centros: escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria, centros de educación especial e centros públicos integrados, agás nos casos que teñan autorización expresa do delegado provincial para outro tipo de xornada.

Capítulo III

Final de curso

Artigo 12º.-Escolas de educación infantil, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria, centros de educación especial, centros públicos integrados (educación infantil e primaria) e colexios rurais agrupados.

1. Actividades non lectivas.

O período comprendido entre o 25 e o 29 de xuño de 2007 ambos os dous inclusive será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os informes para as familias e a cubrir os libros de escolaridade; todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro, polo menos, ata o día 29 de xuño de 2007 inclusive.

2. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.

Sen prexuízo do anterior, as direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, ou decisións de promoción, realizadas dentro dos prazos previstos no punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro), para os alumnos de educación infantil e primaria, e na Orde do 28 de agosto de 1995 pola que se regula o procedemento para garantir o dereito dos alumnos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato a que o seu rendemento escolar sexa avaliado conforme a criterios obxectivos (BOE do 20 de setembro), para os alumnos de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 13º.-Institutos de educación secundaria, centros públicos integrados (educación secundaria obrigatoria e programas de garantía social) e centros de ensinanzas de réxime especial.

1. Calendario final do curso.

Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o final de curso 2006/2007, de acordo coas instrucións que seguen.

Os directores dos centros citados enviaranlle aos servizos provinciais de Inspección Educativa, antes do día 1 de maio de 2007, un resumo do calendario aprobado polo claustro conforme os modelos recollidos nos anexos a esta orde e, no caso da formación profesional específica, segundo o que se determine na normativa específica. As inspeccións comunicaranlles as modificacións, se for o caso, aos centros que proceda antes do 15 de maio de 2007 para que os directores llas dean a coñecer ao profesorado para o seu cumprimento.

Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluír as actividades docentes referidas ás probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, recuperacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso.

2. Probas finais.

2.1. Os alumnos da ESO e de 2º de bacharelato con disciplinas pendentes de cursos anteriores serán convocados, se é o caso, a unha proba final durante o mes de maio de 2007.

2.2. Nas escolas de arte e superiores de deseño, as probas extraordinarias e a defensa de proxectos, correspondentes aos ciclos formativos de ensinanzas artísticas, así como ás ensinanzas superiores de deseño, realizaranse a partir do día 4 de xuño de 2007.

2.3. Na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, os exames finais do curso realizaranse a partir do día 15 de xuño de 2007.

2.4. As escolas oficiais de idiomas realizaranlles as probas finais aos alumnos oficiais e libres a partir do día 4 de xuño de 2007.

2.5. Na Escola Superior de Arte Dramática as probas finais realizaranse a partir do 4 de xuño de 2007.

3. Sesións de avaliación.

3.1. As sesións de avaliación final do alumnado da ESO e do primeiro curso de bacharelato poderán realizarse a partir do día 20 de xuño de 2007.

3.2. As sesións de avaliación final do alumnado do segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.

3.3. As sesións de avaliación final do alumnado dos programas de garantía social adecuaranse ás datas previstas para as probas de acceso aos ciclos de grao medio de formación profesional específica.

3.4. As sesións de avaliación final do alumnado de formación profesional específica poderán realizarse a partir do día 20 de xuño de 2007.

3.5. Os conservatorios de música e os conservatorios de danza realizarán as avaliacións do alumnado entre os días 5 e 8 de xuño de 2007.

3.6. Nas escolas de arte e superiores de deseño, así como na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, as avaliacións finais do alumnado e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso realizaranse despois do día 20 de xuño de 2007.

3.7. Na Escola Superior de Arte Dramática as sesións de avaliación final do alumnado realizaranse a partir do día 11 de xuño de 2007.

4. Horario do profesorado.

4.1. Unha vez realizadas as avaliacións finais do segundo curso de bacharelato, poderán continuar as clases nas disciplinas obxecto das probas de aptitude para o acceso á universidade ata a realización das citadas probas e, con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores e grupos de alumnos afectados, asignándolle ao profesorado as horas, nas que deixen de impartir a súa materia, a tarefas da súa responsabilidade, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se estimen necesarias.

4.2. O establecido no punto anterior será de aplicación ao profesorado dos programas de garantía social en relación coas probas de acceso a ciclos de grao medio.

4.3. Así mesmo, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores afectados pola formación en centros de traballo, asignándolle ao profesorado as horas, nas que deixen de impartir os módulos da súa competencia, a tarefas da súa responsabilidade, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se estimen necesarias.

4.4. Sen prexuízo do expresado nos puntos do 4.1 ao 4.3 anteriores, o profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 22 de xuño de 2007 incluído. A partir dese día e ata o día 29 inclusive, as direccións dos institutos de educación secundaria poderán modificar os horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección Educativa (entrega de cualificacións, atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso).

4.5. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar os horarios dos profesores ás necesidades específicas de cada centro. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor.

5. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.

As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentro dos prazos previstos na Orde do 28 de agosto de 1995, pola que se regula o procedemento para garantir o dereito dos alumnos de educación secun

daria obrigatoria e de bacharelato a que o seu rendemento escolar sexa avaliado conforme a criterios obxectivos (BOE do 20 de setembro), para educación secundaria obrigatoria e primeiro curso de bacharelato; na Orde do 17 de abril de 1997, pola que se establece o procedemento a seguir nas reclamacións das cualificacións outorgadas no segundo curso do bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (DOG do 26 de maio), para o devandito curso; na Orde do 16 de xullo de 2002, pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional específica de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 13 de setembro), para formación profesional específica; na Orde do 9 de setembro de 2004, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do

29 de setembro), para ensinanzas de artes plásticas e deseño; e no punto 10.2º da Orde do 24 de xullo de 1991, pola que se regula a organización das actividades docentes nos centros de bacharelato, formación profesional e institutos de educación secundaria e profesional (DOG do 28 de agosto), para os restantes alumnos de ensinanzas de réxime especial.

Artigo 14º.- Probas de acceso.

1. Nos conservatorios de música e nos conservatorios de danza as probas de acceso iniciaranse o día 11 de xuño de 2007.

2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior de formación específica, así como as de acceso aos estudos superiores de deseño, arte dramática e conservación e restauración de bens culturais, estableceranse a través das súas respectivas resolucións anuais.

Artigo 15º.-Actas de avaliación final.

1. Os secretarios dos centros deberán remitirlle á delegación provincial correspondente fotocopias autenticadas das actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, se é o caso, antes do día 15 de xullo de 2007.

2. As actas correspondentes aos cursos que teñan convocatoria extraordinaria (setembro) enviaranse antes do día 15 de setembro de 2007.

Capítulo IV

Outras disposicións

Artigo 16º.-Memorias de fin de curso.

1. Os directores dos centros de educación infantil e de educación infantil e primaria envias ao Servizo Provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2007, a memoria anual do centro a que se refire o punto 5 do capítulo I do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro).

2. Os directores dos centros públicos integrados enviarán, antes do 10 de xullo de 2007, ao Servizo Provincial de Inspección Educativa respectivo, a memoria anual do centro a que se refire o punto 43 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG do 2 de novembro).

3. Os directores dos institutos de educación secundaria enviarán ao Servizo Provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2007, a memoria anual do centro a que se refire o punto 43 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro).

4. Os directores dos centros de ensinanzas de réxime especial, en aplicación da disposición transitoria primeira da Orde do 1 de agosto de 1997, elaborarán ao longo do mes de xuño de 2007, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e as medidas correctoras introducidas, de ser o caso. A devandita memoria, con informe do Consello Escolar do centro, enviarase ao Servizo Provincial de Inspección na primeira semana de xullo de 2007 e terase en conta á hora de elaborar a programación do curso seguinte sobre todo para programar novamente obxectivos non acadados ou acadados parcialmente no curso anterior e artellar novos medios para logralos.

Artigo 17º.-Libros de texto.

Os centros deberán observar as normas fixadas no Decreto 89/1993, do 16 de abril, polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral (DOG do 27 de abril. Corrección de erros, DOG do 5 de maio), sen prexuízo do establecido na disposición adicional cuarta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), e ademais no artigo 8.2º do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis escolares (DOG do 15 de setembro), que establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto exporán no taboleiro de anuncios, na primeira quincena de xuño de 2006, a relación de libros de texto e material didáctico impreso que se utilizará

no curso 2006/2007, conforme o modelo que se publica como anexo V a esta orde. Unha copia desta relación será enviada ao Servizo Provincial de Inspección Educativa antes do día 23 de xuño de 2006.

Así mesmo, observarase a prohibición de venda e/ou distribución de libros e material didáctico nos centros públicos, tanto por persoal propio como por persoas alleas a eles.

Disposición adicional

Período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro.

O período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro, ao que se refiren o punto 1.8 do capítulo VI do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro), e o punto 53 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG do 2 de novembro), abranguerá como máximo desde o día 11 ata o día 22 de setembro de 2006, ambos os dous incluídos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Orde do 18 de maio de 2005 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2005/2006, nos centros escolares sostidos con fondos públicos (DOG do 25 de maio).

Modifícase o primeiro parágrafo do punto 2º do artigo 13 da Orde do 18 de maio de 2005 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2005/2006, nos centros escolares sostidos con fondos públicos, que queda coa seguinte redacción:

«O profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 26 de xuño de 2006 incluído. A partir dese día e ata o día 30 inclusive, as direccións dos institutos de educación secundaria poderán modificar os horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección Educativa (entrega de cualificacións, atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso). En todo caso, as direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentro dos prazos previstos na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro) para educación secundaria obrigatoria e bacharelato, na Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro) para formación profesional específica, na Orde do 9 de setembro de 2004 (DOG do 29 de setembro) para ensinanzas de artes plásticas e deseño e no punto 10.2º da Orde do

24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto) para os restantes alumnos de ensinanzas de réxime especial».

Segunda.-Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria