DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 2006 Páx. 8.048

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 18 de maio de 2006 pola que se amplía o prazo da do 16 de febreiro pola que se estende aos produtores membros e non membros da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) e da Organización de Produtores de Pesca Pescagalicia (OPP-31) os acordos por elas adoptados, respectivamente, o 1 de abril e o 25 de abril de 2006, nos que se establecen normas orientadas á mellora da sustentabilidade no xurelo procedente de arrastre litoral.

A Orde do 16 de febreiro de 2006 pola que se estende aos produtores membros e non membros da Organización de Produtores de Pesca Pescagalicia (OPP-31) e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) os acordos por elas adoptados, respectivamente, o 15 de decembro e o 27 de xuño de 2005, nos que se establecen normas orientadas á mellora da sustentabilidade no xurelo procedente de arrastre litoral, (DOG nº 36, do 21 de febreiro de 2006) establecía a obrigatoriedade dunhas normas adoptadas por esas asociacións en asamblea xeral aos membros e non membros destas.

A devandita orde ditouse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura; Regulamento (CE) nº 1886/2000, da Comisión, do 5 de setembro, pola que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 104, do 17 de decembro de 1999; Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e acuicultura e as súas asociacións.

A Organización de Produtores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31) recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 30 de decembro de 1986 e a Organización de Productores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 17 de setembro de 1986, solicitaron á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a ampliación da vixencia da Orde do 16 de febreiro de 2006 (DOG nº 36, do 21 de febreiro) entre o 1 de xuño de 2006 ata o 31 de agosto de 2006, en virtude dos acordos establecidos respectivamente o 25 de abril de 2006 e o 1 de abril de 2006.

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro.-Ampliar a vixencia da Orde do 16 de febreiro de 2006 pola que se estende aos produtores membros e non membros da Organización de Produtores de Pesca Pescagalicia (OPP-31) e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) os acordos por elas adoptados, respectivamente, o 15 de decembro e o 27 de xuño de 2005, nos que se establecen normas orientadas a mellora da sustentabilidade no xurelo procedente de arrastre litoral, desde o 1 de xuño ata o 31 de agosto de 2006, ambos os dous incluídos.

Segundo.-Esta orde pon fin á vía administrativa e poderá interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órganos xurisdiccional competente no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Esta orde será eficaz, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1886/2000, no prazo de 8 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos